«As superestructuras da sociedade civil –escribía Gramsci n´A política e o estado moderno– son como o sistema das trincheiras da guerra moderna. Nesta ocorre que un forte ataque de artillería parece ter destruído todo o sistema defensivo adversario, pero só destruíu, en realidade, a superficie externa e no momento do ataque e do avance os asaltantes atópanse fronte unha liña defensiva aínda eficiente».
O italiano distinguía, cando utilizaba estas metáforas bélicas, dous tipos de enfrontamentos: o da «guerra de movementos» e o da «guerra de posicións». No primeiro un dos bandos xógase todo –confiando na súa superioridade– a un conxunto reducido de ataques para decantar definitivamente o resultado. O segundo, en troques, baséase na ocupación e retención progresiva de lugares de hexemonía e na capacidade de conxugar loita e resistencia.
A (im)política lingüística despregada polo Partido Popular desde o comezo de lexislatura trata por todos os medios de aplicar unha eutanasia forzosa ao galego, de desenchufar de vez a pequena bomba de osíxeno que mantiña ao noso idioma vivo no espazo público (pois no privado, mal que ben, segue a ser amplamente empregado), e para iso preferiu botar man da estratexia do movemento, do ataque total e indiscriminado, en lugar de utilizar a estratexia máis lenta –pero máis eficaz polo menos no terreo ideolóxico– da guerra de posicións. Poida que neste erro de cálculo da dereita, e no efecto rebote que a miúdo produce a excesiva agresividade, residan as nosas posibilidades de reverter a situación.
Neste sentido, a capacidade de reacción mostrada pola sociedade galega tal día coma onte, enchendo as rúas de Compostela, parece estar indicándonos, polo menos, dúas cousas:
1. É necesario confiar na capacidade da nosa sociedade civil, á hora de plantar cara a esta embestida, para adaptarse a unha guerra de posicións que será longa e que en absoluto está dirimida. Así, e como mostra de que o presidente da Xunta entende ben a situación actual do taboleiro, resulta sintomático que un día antes da manifestación Feijoo deostase, nun acto en Londres, a noción de resistencia cultural. Segundo o noso prócer, aquela adoece do erro capital de conter en si mesma a palabra resistencia.
Pero por que mistura Feijoo o concepto de resistencia entendida como renuencia a incorporarse ás correntes de pensamento globais (como se na nosa terra modernidade e galeguismo non tivesen camiñado toda a vida da man) co lexítimo dereito a tratar de conter a cultura dunha dereita que sempre representou, e que tamén agora representa, a reacción cavernícola e antiilustrada? Nada é inocente.
2. É tamén necesario evitar o pensamento sectario (definido por Gramsci como «aquel que impide ver que o partido político non só é a organización técnica do partido en si senón todo o bloque social do que o partido é guía porque é a súa expresión necesaria») e acumular forzas. Todo aquel disposto a unirse a esta causa común, sen máis requisito que o de turrar polo carro, ten que poder facelo.
A vida está chea de trincheiras nas que a xente que fala e ama a lingua debe enfrontarse a diario a un inimigo poderoso en forma de prexuízos, clasismo, ignorancia, intolerancia, incomprensión, etc.. Só dándolle o protagonismo absoluto a esa xente, conseguiremos facer que o actual estado de cousas vire ao noso favor.
2 comentários:
Gramsci conseguiu que a esquerda e o marxismo ficaram vivos na Itália mais do que noutros países do entorno, aduzindo um modelo oposto à traiçom da social-democracia. Interessante reflexom, sempre se aprende algo novo lendo as tuas achegas.
Umha aperta irmandinha
Unha aperta e graciñas polo teu comentario.
Enviar um comentário