Lía hai uns días unha crónica no diario Público que alertaba do aumento de ataques da extrema dereita norteamericana ao presidente Obama. No artigo mencionábase a un creador de opinión da Fox News, moi coñecido nos EEUU, convertido, segundo relataba o periódico, no «principal dedo acusador» desta campaña. O xornalista, que xa utilizara a nova dunha agresión por parte duns rapaces negros a un rapaz branco como proba irrefutable de que desde o acceso de Obama á Casa branca os EEUU estaban a se converter nun «país para negros», empregou, máis recentemente, o argumento de que co presidente mulato no goberno utilizábanse as escolas para adoutrinar aos rapaces.
Non nos soan aos galegos este tipo de argumentos? Acaso non contamos tamén entre nós con xente empeñada en destruír cada institución que non controla? Non nos resulta excesivamente familiar todo este show onde da excepción se fai norma, onde a manipulación substitúe a información e onde a linguaxe se retorce ata quedar irrecoñecible?
Que os grandes marxinados historicamente nos EEUU son os cidadáns de raza negra é algo máis que sabido. Que os wasp sempre combinaron o medo ao estranxeiro co medo ao negro como cortina de fume para desviar a atención doutras cuestión máis importantes que contribuísen a desaloxalos do poder, tamén. A novidade agora é que quen goberna non pertence –non polo menos bioloxicamente– á minoría wasp tradicionalmente hexemónica. De aí que os destronados bufen.
Onte levantouse o segredo sobre o sumario da chamada trama Gürtel. Do mesmo despréndese que non habería practicamente ningún alto cargo do PP español que non estivese salpicado pola corrupción. Tamén se colixe que o PP galego podería estar enzoufado en merda ata as orellas. Pero hoxe, Roberto Blanco Valdés, o creador de opinión estrela na Voz de Galicia, lonxe de dedicar a súa columna a tratar a fondo o latrocinio instalado na dereita española e galega, prefire dedicala a proclamar a racionalidade de reoficializar os mesmos topónimos que no seu tempo deturpara o franquismo e a reclamar a derrogación da Lei de Normalización Lingüística aprobada por consenso. E isto non pode ser casual. Entre outros, este individuo e o xornal que o publica, foron os encargados de amplificar a vaga antigaleguista que conseguiu acabar co bipartito. Unha ofensiva desestabilizadora practicamente copiada das estratexias que a extrema dereita ianqui ven utilizando para tensar á sociedade desde os anos oitenta ata o presente.
Os herdeiros da vella extrema dereita española abandonaron hai tempo o seu antiamericanismo noventaeoitesco. Hoxe, os nosos wasps autóctonos, camuflados como demócratas ilustrados, pretenden convencernos, empregando a mesma hilaridade que os seus mestres ianquis, de que a senrazón é a razón, de que a reacción é o progreso e de que o privilexio é o dereito.
Espantados ante a perspectiva de dilapidar o capital de credibilidade que en teoría ten a dereita no que ao manexo dos cartos públicos se refire e temerosos de que os seus propios votantes actúen como aqueles seareiros de Pinochet que perdoaban todas as barbaridades do ditador excepto que roubase, seguirán á procura de calquera cousa que os axude (e pouco lles importa se polo medio hai que dinamitar todo o estado autonómico) a manter ao electorado distraído ata as próximas municipais.
Velaquí o tipo de irresponsables que andan a xogar ca nosa lingua e o cotroso das súas razóns.
6 comentários:
Um artigo excelente. Os think tanks, importados do ultraliberalismo americano e plasmados em organizaçons racistas como as FAES ou Galicia bilingües, levam bem tempo funcionando alô da mao do binómio político-mediático. Nom é diferente a história aqui e o PP representa o melhor dessas essências, embora tamém o PSOE crie opiniom e o faga em coordenadas mui semelhantes de impostura, demagogia e ultraliberalismo com o pano de fundo do espanholismo e o centralismo, característica autóctone dos thisk tanks espanhóis.
Umha aperta irmandinha
Concordo. Unha aperta.
Depois de tudo, não deveríamos, nesta altura, ficar escandalizados com que a direita queira utilizar fumaças como meio a esconder os seus "desvios de poder". E tampouco com que o material que se queima para essas fumaças seja um idioma (uma cultura), que, do ponto de vista de pirómanos que louvam a ignorância como utopia, é algo perfeitamente prescindível. O Blanco Valdés faz o que têm que fazer, que não é analisar a verdade, mas espancar tudo o que se interponha. E Feijóo faz o mesmo. E, em geral, os ultracon todos.
Pois, parabéns ao Fuco e ao Garcia por não se estranharem. Mais uma vez, a responsabilidade das mudanças é nossa.
Tamén concordo.
gústame esa idea que deixa caer coma si nada:
"Acaso non contamos tamén entre nós con xente empeñada en destruír cada institución que non controla"
porque aí está o xérmolo de toda esta vaga de ataques: cando a dereita non controla algún resorte de poder "monta en cólera", xa que a eles perténcelles o exercicio do poder por natureza, eles son eses "alguéns" destinados a gobernarnos, frente aos "ninguéns" que non deberían estar aí, ao frente de ningunha institución
coma sempre, parabéns polas súas entradas
O estado son eu, que dicía o outro.
Enviar um comentário