Acudín hai uns días a unha conferencia de Chantal Mouffe organizada polo Consello da Cultura Galega. Desenvolvida nunha dependencia da sé do propio consello reuniu —e aínda ben tendo en conta a pouca publicidade— a unhas vinte persoas. (Por que o CCG publicita tan pouco uns eventos financiados, supoño, con cartos públicos sería outro debate interesante).
No acto, a autora de Arredor do político expuxo as principais ideas da súa proposta de «democracia agonista», que se pretende alternativa á «democracia agregativa» (en tanto que conglomerado de intereses) que padecemos e á «democracia deliberativa» habermasiá (democracia que cre na capacidade de chegar a consensos racionais entre intereses opostos).
É todo un síntoma do estado actual da esquerda en Europa que a proposta de democracia agonista de Mouffe, da que xa falei aquí hai tempo, consista nunha especie de desideratum, ou de brinde ao sol, que promove a competencia entre alternativas políticas diferenciadas nun imaxinario espazo institucional imbuído por un repentino espírito de fair play, máis propio do mito do duelo entre cabaleiros do XIX que da vida real. Unha proposta que semella guiarse máis pola fe que pola razón á hora de cuestionarse a viabilidade de establecer un marco democrático no que loiten polo poder programas políticos incompatibles; que utiliza o abstracto concepto de lexitimidade (de cada postura) coma se se tratase dun talismán que puidese evitar que o combate a morte, fose, efectivamente, a morte; e que tampouco prevé como xestionar a violencia que probablemente desatarían os que agora detentan o poder ante calquera ameaza seria aos seus privilexios (véxase Honduras).
Este debate académico, porén, tiña o seu mellor marco no pazo de Raxoi, lugar que alberga o Consello da Cultura Galega. Que a esquerda, ou polo menos certa esquerda, poida facer estas disquisicións no km cero institucional de Galiza é a mellor mostra de que estas disquisicións son inocuas. Que o Consello da Cultura se dedique a organizar eventos aos que non vai ninguén porque tampouco están pensados para que vaia ninguén é a mellor mostra de que só se trata de xustificar uns orzamentos, non de provocar debates que teñan transcendencia social.
Servirá polo menos de consolo a recente entrada de Manuel Rivas e a posible entrada de Ferrín na Academia Galega para mitigar esta sensación de divorcio que moitos padecemos con certas institucións? Habémolo ver.
2 comentários:
a esquerda -mal que lles pese aos esquerdistas "oficiais" europeos- xa só existe como tal en latinoamérica: Morales, Chávez, Correa, ¿por qué o consello non trae a algún deles darnos un par de leccións de como compatibilizar socialismo e democracia, como plantarlle cara aos oligarcas locais e ao imperialismo ianqui e como saír adiante malia a oposición dos grandes conglomerados mediáticos co apoio da maioría da poboación?
en fin, a desfrutar do 2010 e que vostede siga escribindo, que fan falta moitos blogues como este!
Graciñas e bo ano 2010 tamén para ti.
Enviar um comentário