1/21/2008

Xogo político e democracia

No cómic Pollo con ciruelas de Marjane Satrapi hai unha digresión do tema principal, na que a célebre autora de Persépolis introduce unha narración de Rumi, o fundador da orde sufí dos Mowlavi. A historia di que cinco homes se topan nunha corte escura na cal hai un elefante. Ningún deles vira antes un animal coma aquel e deciden examinalo ás apalpadelas. Ao rematar, un pensa que o animal é un tubo enorme, outro que son catro columnas, outro que é semellante a un gran abano, outro que é un asento e o outro que é como unha única columna. Finalmente, acéndese unha candea e os cinco homes ven admirados o elefante na súa plenitude. Satrapi fai concluír ao personaxe que conta a historia a seguinte frase: A vida é parecida. Dámoslle un sentido dependendo do noso punto de vista. Este conto, na miña opinión, metaforiza á perfección aquela idea que encontramos en Carlos Marx de que a historia do home é a historia da loita de clases e aqueloutra dos postmarxistas Ernesto Laclau e Chantal Mouffe cando aseguran –no seu Hexemonía e estratexia socialista– que non existe a sociedade senón as distintas demandas democráticas enfrontadas no seo da mesma. Do mesmo xeito que na corte escura non había elefante, Marx negaba a existencia da historia da humanidade e Laclau e Mouffe a existencia dun todo social.
Pero non todo devén en negación. Así, leo en En torno a lo político como a mesma Chantal Mouffe sostén que aínda é posible aproveitarse do marco que outorgan as democracias liberais para superar a actual fase de debate político descafeinado, onde o baixo nivel –pronto o poderemos ver nas vindeiras eleccións xerais– fai que as distintas opcións apenas se distingan por pequenos matices cada vez máis desdebuxados. Segundo a autora é a ausencia dunha verdadeira confrontación de modelos alternativos e de debate vibrante a que provoca ou ben o desencanto e a abstención por parte dos votantes, ou que estes acaben apoiando opcións populistas de dereitas que, empregando unha linguaxe agresiva e retadora, conseguen a identificación (é interesante a súa observación de clara influencia freudiana sobre a importancia do afectivo-libidinal no proceso de identificación co discurso político) desas masas orfas de alternativas claras. Mouffe sostén que para lograr isto é preciso establecer un ámbito onde a exposición de propostas diverxentes sexa verdadeiramente respectada. Un terreo neutral de recoñecemento mutuo no que sexa posible non o actual antagonismo tendente a levar a oposición política ao terreo da moral –eixes do mal, bos e malos demócratas, choques de civilizacións– e que só se sinte satisfeito cando é quen de esnaquizar totalmente o discrepante, senón un debate nidiamente dialéctico, onde sexa factible unha competición sen trabas de praxes políticas radicais.
Así, para Mouffe a tarefa principal consistiría en transformar as democracias antagonistas no que ela chama –botando man do vello termo grego– democracias agonistas, isto é, democracias onde o inimigo muda en simple adversario.
Cando lin o termo agon no libro de Mouffe lembrei de inmediato outro libro –Homo ludens de Johan Huizinga– onde tamén era mencionado. No prólogo, o autor explica que, posto que o xogo ocupa na vida dos seres humanos un lugar tan importante como o da fabricación de obxectos, o termo homo ludens debería (unha vez descartado o de homo sapiens como definidor da especie ante a probada falta de capacidade razoadora de moitos seres humanos), polo menos, gozar da mesma aceptación que o termo homo faber; e en referencia ao agon, Huizinga asegura que os gregos definían con esta palabra o conxunto de xogos que implicasen competición e loita.
Un filme que se me ocorre podería sintetizar algunhas das ideas mencionadas é Fight Club (David Fincher, 1999) onde un grupo de homes se dedicaban a pelexar entre eles, como símbolo do seu vínculo e camaradería. Non sería semellante a este club de loita o espazo agonal que propón Mouffe, onde a política consistiría nunha guerra sen cuartel entre opcións claramente distintas, pero onde habería de existir un espazo mínimo de lexitimidade que impedise aniquilar o contrario? E continuando o paralelismo, non é este club de loita a perfecta substanciación contemporánea daqueles xogos competitivos e atléticos que practicaban os antigos gregos, onde a honra e a deportividade podían máis que a agresividade destrutiva?
Máis difícil que responder a estas preguntas sería cuestionarse se esta loita a morte sen morte sería posible máis alá de Hollywood e se é esperable que as democracias de mercado deixen ese espazo de recoñecemento para propostas que conteñen en si mesmas o xerme da súa destrución. Lamentablemente Chantal Mouffe non explica como levar a cabo esa transformación do antagonismo en agonismo, pero basta con lermos a famosos pragmáticos (e as democracias liberais tamén están cheas de suxeitos así) coma Napoleón –cando di que na guerra todo o que axuda a vencer é lícito– ou ao prusiano von Clausewitz, perdedor fronte ao corso na batalla de Jena, que sentenciou que a guerra é a continuación da política por outros medios, para considerar as propostas de Mouffe interesantes, pero pouco realistas.
Ao fío de todo isto, leo en
Brétemas un artigo de Marta Toledano onde se di que Neoliberales y socialdemócratas tienen, en los sistemas de partidos, infinidad de puntos en común. Ambos patrones de gestión atentan contra lo común, contra construcción de identidades comunitarias, contra el tejido socio-asociativo cercenando, de hecho, la resistencia, e cuxo derradeiro parágrafo di Derrotados por el neoliberalismo, confío en que, restos del naufragio, seamos útiles para levantar, con la ayuda del movimiento altermundialista, la mitopoiesis creativa y espontánea del porvenir. De lo contrario, cualquier día nos darán medallas por haber tragado sin protestar (...) todas sus reformas en beneficio de la sofisticada democracia de mercado.
Eis un debate interesante: poderase construír este espazo común no seo das democracias de mercado ou haberá que inventar modelos novos –e cales?– que borren para sempre da nosa memoria aquel epígono do conformismo feito frase co que Felipe González pretendía resignadamente convencernos de que vivimos no mellor dos mundos posibles?

Sem comentários: