10/10/2009

Da razón e a emoción



Ágora
(Alejandro Amenabar, 2009) é unha película que, alén da súa maior ou menor fidelidade histórica e alén das súas maiores ou menores concesións á narrativa hollywoodense, trata sobre a secular confrontación entre o coñecemento científico e o coñecemento supersticioso ou relixioso. O primeiro interrógase sen cesar e só concede o título provisional de verdade ao que pode ser demostrado e/ou deducido a partir de coñecementos validados e previamente acumulados polo ser humano. O segundo acepta acriticamente unha serie proposicións imposibles de subscribir ou refutar e sobre elas constrúe todo o seu edificio lóxico. O primeiro esixe un exercicio de distanciamento continuo a respecto de todos os axiomas vixentes. O segundo avoga por mergullarse neles cega e emocionalmente. O primeiro deposita a súa confianza nas capacidades humanas, pero sabe –como cando na película a cámara se separa da atmosfera terrestre e nos mostra a pequenez do noso planeta nun universo inmenso e insoldable– observar o inmediato con perspectiva. O segundo, que só sabe separarse do inmediato para burlarse da ridiculez humana, cae na vaidade máis pedestre cando xulga imposible impugnar a presada de dogmas nos que se sostén.
Carlos Boyero, o crítico de cine de
El País, sostiña, no comentario á película que publicaba onte ese xornal, a seguinte tese: estamos ante unha película respectable pero carente de emoción.
Hoxe, despois de pasar polo cine, sorpréndeme que Boyero escollese ese argumento para elaborar a súa crítica, toda vez que a cerna desta historia na que as peripecias de Hipatia, a filósofa alexandrina, actúan como metáfora de asuntos ben actuais, consiste, precisamente, –ou iso entendo eu– na necesidade de privilexiar a razón fronte a emoción e a frialdade analítica fronte o apaixonamento acrítico.
Así visto, e por levarlle a contraria a Boyero, poderiamos dicir que o feito de a película de Amenabar producir máis respecto que emoción constitúe
paradoxalmente ao estarmos ante un produto comercial máis un signo de calidade ca unha eiva.
Algo parecido ao que por exemplo sucedía, salvando as distancias, co teatro de Brecht.

3 comentários:

Torcinho disse...

Discrepo. Non hai nada máis pateticamente "emocional" ca un deses documentais de Richard Dawkins.
Por outra banda, qué seríamos sen a poesía? Tanto a ciencia como a fe están sobrevaloradas.

Lara disse...
Este comentário foi removido por um gestor do blogue.
O Fuco disse...

Tratarei de contestar no próximo post