9/28/2009

Poliarquía



De
La poliarquía. Participación y oposición. (Robert A. Dahl, 1971), reeditado en castelán este ano por Tecnos, interesoume que o autor se gardase de chamar democracia aos sistemas electorais máis ou menos representativos vixentes en boa parte dos países do mundo. Dahl prefire referirse a estes rexímenes como "poliarquías" e deixa o termo democracia para definir o referente ideal ao que sempre se está por chegar.
En función de dúas variables –liberalización ou debate público e representación ou participación– o autor clasifica os diferentes sistemas en catro grupos posibles:
1. Hexemonías pechadas. Caracterizadas por pouco debate público e por ausencia de participación.
2. Hexemonías representativas. Caracterizadas por pouco debate público e por certa participación popular.
3. Oligarquías competitivas. Caracterizadas polo abondoso debate público e pola pouca participación.

4. Poliarquías. Caracterizadas polo abondoso debate público e pola moita participación.


Desbotado xa o termo democracia para definir o sistema no que vivimos neste curruncho do mundo, cumpriríanos agora dirimir se a nosa é unha "poliarquía" –que, como o seu nome indica, fai referencia á pluralidade de poderes– ou se, polo contrario, non nos encontramos ante un réxime que por veces recorda a unha "oligarquía competitiva" ao máis puro estilo "turnismo s. XIX" composta por institucións políticas afastadas da xente onde se debate moito sobre as cuestións menos importantes ou a unha "hexemonía representativa" ao máis puro estilo "dictabranda" na que o conxunto dos poderes económicos, políticos, xudiciais e mediáticos responden a uns mesmos estímulos e na que as persoas só cumpren o rol de asistir ás urnas cada catro anos para lexitimar co seu voto o estado de cousas.

* * * * *

Alemaña e Portugal –outras dúas poliarquías– celebraron onte eleccións lexislativas. No primeiro país o SPD sufriu un duro castigo despois de ter compartido goberno coa CDU de Angela Merkel. No segundo, o PS de Sócrates perdeu a maioría absoluta despois dunha lexislatura marcada pola prepotencia e as políticas liberais. Este fungueirazo á socialdemocracia (máis en Alemaña que en Portugal) unido ao incremento dos partidos da esquerda e do ecoloxismo (verdes e Die Linke en Alemaña, Bloco e CDU-PC en Portugal) permítenos aventurar algunhas conclusións:

A primeira é que a crise económica non conseguiu deslexitimar moralmente as políticas liberais (tanto en Alemaña como en Portugal os partidos liberais, FDP e CDS-PP, foron os outros triunfadores da noite). A segunda é que comeza a agromar timidamente unha nova esquerda sen complexos disposta a poñer en práctica programas verdadeiramente transformadores (o caso do Bloco de Esquerdas, que nestas eleccións duplicou os oito deputados que acadara en 2005, resulta especialmente chamativo). A terceira consiste no paradoxo de que, ao tempo que desde instancias económicas se volve avogar por certo keynesianismo, vemos como os partidos socialdemócratas, enleados desde hai anos en retóricas liberais, son incapaces de aproveitarse desta conxuntura.

Cabe preguntarse agora, extrapolando á nosa casa o visto nestas eleccións, se o Bloque Nacionalista Galego vai seguir empeñado en transformarse nun partido socialdemócrata ao uso precisamente cando parece que asistimos ao ocaso da socialdemocracia. Pero tamén hai que preguntarse se o PSdG –un día facéndolle o xogo á dereita na
cultural war do L coruñés, outro disposto a chegar a grandes pactos estatutarios co PP– desexa editar na nosa terra –baixo o delirio de conseguir borrar do mapa ao nacionalismo– unha gran coalición PP-PSOE como a que levou á tumba, nestas últimas eleccións, ao outrora todopoderoso SPD alemán.

9/19/2009

Cine fantástico e sublimación



Hai varios motivos que me impiden acudir ao cine máis a miudo do que o fago: o pobre da oferta, o absurdo do sistema de dobraxe e o prezo. Porén, de cando en vez non só asisto ás salas senón que me atrevo con algunha película das consideradas mainstream. Onte foi un deses días. A película: District 9 (Neill Blomkamp, 2009).

O máis interesante do xénero de ciencia ficción para os que non somos especialmente afeccionados á conxunción de ferralla e bechos é o que ten de escaparate das fobias psicosociais dun tempo e dun lugar. Nun interesante artigo titulado Gigantas/ casas/ ciudades. Apuntes para una topografía política del género y la raza Beatriz Preciado analiza a representación da muller monstruosa no cinema de ciencia ficción dos anos cincuenta, sobre todo a partir da película The attack of the 50 foot woman (Nathan Herz, 1958), como unha reacción ansiosa dos varóns pola ocupación por parte das mulleres de raza branca de novos espazos de visibilidade social (por certo que este subxénero das xigantas habería ter un novo momento de gloria o ano 1962 coa curta de Fellini A tentación do doutor Antonio, incluída na obra colectiva Bocacio 70, na que unha exuberante Anita Eckberg facía as veces de muller descomunal e acosadora do pusilánime Antonio). Seguindo esta liña de argumentación poderiamos afirmar que a ficción clásica de Orson Welles para a radio A guerra dos mundos (1938) conseguiría facer real ante o seu público –e tan real– a ameaza latente de invasión estranxeira –xa fóse esta levada a cabo por extraterrestres ou por soviéticos (para o caso era case o mesmo)– que supostamente pendía sobre os USA naquela altura; que o Planeta dos simios (Franklin J. Schaffner, 1968) representaría a obsesión –e novamente o medo– estadounidense polo problema negro nuns intres en que os afroamericanos comezaban a tomar consciencia política e a levantarse contra a discriminación racial; e que filmes como Independece day (Roland Emmerich, 1996) colmarían nos anos noventa, e a base de invasión marciana pura, o grande baleiro que deixou a caída da URSS como antagonista mundial –pouco despois este baleiro sería enchido directamente polo desastre natural en filmes como Tormenta perfecta (Wolfgang Petersen, 2000)– polo menos ata a construcción do novo inimigo en forma de árabe fundamentalista, un inimigo que, por ter entrado na historia non como ameaza fantasma senón como brutal realidade o día 11 de setembro de 2001 non precisou do labor exorcizador do cine, de aí, se cadra, que fose tan mal recibida nos Estados Unidos a tentativa de Oliver Stone de recrear en World Trade Center (2006) os últimos momentos dun dos avións que haberían ser esnafrados contra as torres xemelgas.
Para rematar con este breve percorrido polas neuroses do stablishment cinematográfico, e antes de entrar no que quero dicir de District 9, citar tamén The day after tomorrow, unha cinta do 2004 dirixida novamente por Roland Emmerich que podería representar a lectura hollywoodiense do medo ao cambio climático.


E que medo reprimido atopamos logo en District 9? Fagamos primeiro unha pequena sinopse.
A historia comeza co feito consumado de que unha nave alieníxena permanece inmóbil sobre o espazo aéreo da cidade de Johanesburgo. Nestes primeiros compases da película o director adopta un estilo de falso documental no que vamos coñecendo algúns datos sobre que está sucedendo nesa cidade. Entre estes datos destaca, por exemplo, que cando os humanos accederon á nave atoparon centos de alieníxenas en malas condicións, desnutridos e enfermos. Pronto sabemos tamén que pasado o tempo os alieníxenas foron segregados nun barrio da cidade (o Distrito nove) onde os seres humanos non adoitan entrar. Neste barrio os alieníxenas malviven en condicións pésimas, compran comida de gato –para eles unha droga– a mafias nixerianas que tamén trafican con mulleres e armas. Os alieníxenas son desprezados polos humanos por causar alborotos, roubos e problemas. Ademais, os humanos consideran aos alieníxenas pouco intelixentes, sucios e agresivos sendo apreciados unicamente os alieníxenas traballadores. A MNU, unha empresa contratada polo goberno para trasladar aos alieníxenas desde o Distrito 9 a un campo de concentración nas aforas da cidade, nomeará a Wikus van der Merve, un home inocente casado coa filla do xefe, como encargado de levar a cabo esta tarefa. Unha vez no Distrito 9, Wikus, manexando un cilindro metálico atopado no rexistro da casa dun dos alieníxenas, derrama sen querer un estraño líquido no rostro que lle provocará mutacións no seu corpo. A partir deste momento a película consiste en comprobar como Wikus tenta recuperar, coa posterior axuda do alieníxena que gardaba o líquido na casa e que tamén o necesita para regresar ao seu planeta, o estraño cilindro –agora nas mans da MNU– para poder retornar ao seu estado humano orixinal.
Desta película ambientada en Sudáfrica díxose que pretendía ser unha alegoría do apartheid. Porén, na miña opinión, o feito de estar localizada naquel país, e en concreto na súa capital, é o que asegura que a trama non ten nada que ver co réxime racista afrikáner. Nos testemuños do falso documental sobre os alieníxenas, brancos e negros opinan coa mesma carraxe sobre os intrusos, ademais, non hai ningún tipo de posible vinculación política ou emocional entre os personaxes negros da película e os alieníxenas. Pero se cadra a proba máis concluínte de que o filme non ten nada que ver co apartheid, ou polo menos non co apartheid histórico, é que o protagonista, o ser humano que acabará converténdose en alieníxena, será Wikus van der Merve, un home branco que, como o seu apelido indica, pertence á minoría neerlandesa tradicionalmente dominante en Sudáfrica. O rol que xoga Wikus nesta historia é o da persoa que, atopándose no vértice superior da pirámide social, vaise ver, por unha mala xogada do azar, baixando chanzos (con cada pequena mutación do seu corpo un chanzo máis) ata caer no máis baixo de todos, no estatuto de alieníxena.
Tras os primeiros momentos de falso documental onde a película mostra unha maior vocación artística o filme decae e limitámonos a asistir a unha orxía de disparos, persecucións e mesmo algunhas brincadeiras para distender a acción no que só un elemento é digno de interese: comprobar como o protagonista vai experimentando empatía polo Outro e tomando consciencia da súa necesidade de rebelarse ante o estado de cousas na medida en que el mesmo descende socialmente e sufre a discriminación, isto é, na medida en que, por mor das sucesivas mutacións, vai transformándose nun Outro.
Pero entón que medo sublimado atopamos en District 9? Móstransenos alieníxenas esfameados e amoreados arribando nunha nave a unha cidade que, ademais de ser a máis rica de África na realidade, actúa na ficción como metáfora de calquera cidade moderna occidentalizada. Tamén vemos marxinalidade, drogadicción, contacto con mafias, traballos ingratos, trato brutal por parte das autoridades e desprezo absoluto polos dereitos máis básicos dos alieníxenas. Acaso non nos sona todo isto?
Se ben parece obvio que a película trata do medo ao Outro en xeral, o primeiro medo que, na miña opinión, e de maneira máis concreta, sublima esta película é o mesmo medo que levou á fascistoide Italia de Berlusconi a considerar un delito non ter os papeis en regra: o medo á inmigración. O segundo dos medos é aínda máis complexo. É o medo que impide a solidariedade entre as clases baixas autóctonas e os recén chegados: o medo ao desclasamento. Que ese desclasamento o protagonice unha persoa situada no máis alto da estratificación social non fai máis que agudizar o pánico entre os que se sitúan en posicións intermedias ou baixas da escala, levándoos a radicalizar as súas prevencións (por exemplo votando á extrema dereita) para evitar o desecenso.
A película de Neill Blomkamp ben podería ser, polo tanto, o produto destas neuroses traducido á liguaxe da cultura audiovisual de masas contemporánea.

9/16/2009

Dúas espadas



Alá polo século XIV, o rei francés Filipe IV alcumado o Fermoso, por verse necesitado de recursos, pretendeu obrigar á igrexa a pagar tributos. Este feito motivaría unha agre disputa entre este monarca e o Papa Bonifacio VIII por ver cal das dúas autoridades prevalecía sobre a outra. O choque remataría coa morte do Papa e o traslado da sé papal desde Roma ata as beiras do Ródano —á impresionante residencia dos Papas de Aviñón— lugar que na actualidade alberga as representacións do coñecido festival de teatro. A victoria de Filipe e o conseguinte período aviñonés do papado supuxo a supeditación do poder universal da igrexa ao poder secularizado e territorializado do rei, considerándose, polo tanto, un fito no que á laicización do poder se refire.

Como resultado dun proceso que se habería iniciar xa no século XII, coa lea polo
dominium mundi (o dominio universal) entre o Sacro Imperio Romano Xermánico e o papado, e no ambiente escolástico da época, diferentes figuras intelectuais van tomar partido pola causa do Papa ou do rei respectivamente, xerando toda unha literatura sobre lexitimidade política. Entre os lugares comúns daquelas discusións, repasadas por Bernardo Bayona Aznar en El origen del Estado laico desde la Edad Media (Tecnos, 2009), habería aparecer de forma reiterada a «doutrina das dúas espadas».
Segundo a interpretación que os defensores da prevalencia do rei fixeron desta teoría, Deus tería cedido unha espada ao papado para gobernar exclusivamente os asuntos espirituais e outra ao rei para gobernar exclusivamente os asuntos terreais debendo o Papa, polo tanto, someterse, no que a asuntos terreais se refire, á xurisdicción do reino. Segundo a interpretación dos defensores do Papa da doutrina das dúas espadas, a espada do rei non sería máis que unha concesión sempre dependente da omnipotente espada papal, única fonte de lexitimidade verdadeira. A medio camiño das dúas posturas, os defensores da chamada «vía media», outorgaban igual carta de natureza a un e a outro poder.


No presente, cando a igrexa católica xa é só unha sombra do que era, outro tipo de organizacións universais disputan a lexitimidade ás institucións políticas conformadas polos cidadáns. O papado de hoxe constitúeno superestructuras tecnocráticas e grandes empresas multinacionais que pretenden convencernos de que só a súa espada dispón de poder real.
Se no século XIV intelectuais da talla de Marsilio de Padua, un dos pais do pensamento político moderno, optaron claramente pola espada do poder laico, comprendendo que cando se baten dúas espadas nunha loita histórica un debe posicionarse fuxindo da mediocridade, no século XXI a maioría dos intelectuais semellan máis papistas co Papa, sendo poucos os que se atreven a cuestionar a lóxica economicista que, como o cristianismo no medievo, impregna transversalmente todos os recunchos da nosa existencia e fai imposible a vida aos seus herexes.

* * * * *

Algúns dos defensores da «vía media» como Xoan de París inspiráronse, para as súas argumentacións, na filosofía de Aristóteles por interposición de Tomé de Aquino. Aristóteles dicía que a virtude se encontra no termo medio entre dous estremos e seguro que Felipe González, ese herdeiro da tradición da «vía media», pensa moito en Aristóteles cando fala. Se nunhas declaracións recollidas polo diario Público o pasado vinte e cinco de xuño, o expresidente español alertaba contra as tentacións de «liquidar o sistema» xurdidas a raíz da crise financeira, noutras de hai un par de días, o estadista mundial vitalicio González alertaba sobre a necesidade de non esquecer que a orixe da crise estivo no sector financeiro e non nos gobernos e urxía a reformar aquel de vez —co gallo do vindeiro cumio do G20 de setembro— e a non incubar «o mesmo lixo que nos levou a esta crise».
Con similar vontade reformadora,
El País publicaba o día trece deste mes un longo e pedagóxico artigo de Paul Krugman onde o Nobel de economía facía memoria dos máximos epígonos desa disciplina desde Adam Smith ata a Escola de Chicago pasando por John Maynard Keynes. Deste texto colixíase que, de entre todo o que Krugman entende por posible/desexable, a doutrina do vello economista británico é a que se sitúa máis próxima ao virtuoso medio, xa que, nas súas propias palabras, «a economía keynesiana segue sendo o mellor armazón que temos para dar sentido ás recesións».
En liña semellante á de Krugman e González —reforma ma non troppofalou onte Obama en Wall Street ante un estamento financeiro tan pouco acostumado a pagar tributos como o Papa Bonifacio VIII. Celebrábase o cabodano do falecemento do xigante financeiro Lehman Brothers e o presidente estadounidense acudiu á meca do capitalismo para advertir, en aristotélico modo, que «remataron os tempos dos excesos»; o que é outra maneira de anunciar a chegada dos tempos da virtude.
Se me interesan as declaracións de personaxes como os citados é porque coñecer que pensa o sector máis morno da esquerda (de tan morno case frío) axuda a termos unha imaxe máis nítida, por vía indirecta, da capacidade de influencia e de presión que ten no mundo o pensamento autenticamente de esquerdas. E vese que aquela non é moita.

Pero hai por aí algún herexe que se atreve a dicir esta boca é miña. Walden Bello, se cadra sabedor de que non existe un termo-medio-en-si alleo aos dous estremos que aleatoriamente prefiramos trazar con anterioridade, suxire, no artigo titulado
Chegou a hora de pór fin á globalización?, un outro camiño diferente ao de González, Krugman e, por suposto, Obama, para acadar a virtude: a desglobalización.
O filipino desenvolve en once puntos a súa alternativa. Un resumo da mesma incluiría as seguintes ideas: 1. Máis mercado interior, menos exportación. 2. Produción a escala comunitaria ou nacional. 3. Proteccionismo das economías locais fronte o dumping das grandes corporacións (véxase o caso do leite galego). 4. Política industrial que favoreza ao sector manufactureiro. 5. Redistribución do ingreso e da terra. 6. Menos crecemento, máis calidade de vida e máis medio ambiente. 7. Desenvolvemento mediante tecnoloxías sostibles. 8. Democratización da toma de decisións en materia económica. 9. Institucionalización do control por parte da sociedade civil do sector privado e do Estado. 10. Instauración dun sistema de propiedade mixto (cooperativas, sector privado, sector público) con exclusión de multinacionais. 11. Substitución de institucións globais tipo FMI ou BM por outras de caracter rexional tipo ALBA baseadas non tanto no libre comercio canto na cooperación.

De todos os puntos, o oitavo, democratizar a toma de decisións en materia económica, paréceme o máis importante, ou polo menos, o mínimo necesario para poder levar a cabo os outros todos. Pero pór en práctica ese punto evidenciaría con total virulencia o rexurdir dunha nova doutrina das dúas espadas como a que imperou na Europa dos séculos XII ao XIV. Por un lado a espada do
deus ex machina da economía. Polo outro a espada da sociedade civil politicamente consciente. E novamente en litixio —con máis urxencia se cabe desde a evidencia do cambio climático— a cuestión do dominio universal; o vello dominium mundi que enfrontara, hai xa tantísimo tempo, aos partidarios do Papa Bonifacio VIII contra os partidarios do rei Filipe IV de Francia alcumado o Fermoso.

9/09/2009

A globalización da inmoralidade



Toda a prensa se fixo eco do setenta aniversario do inicio da Segunda Guerra Mundial. A efeméride foi lembrada con non poucos acenos conducentes a igualar nazismo e comunismo, a minusvalorar o papel decisivo do Exército Roxo na derrota de Hitler e a esquecer o compromiso radicalmente antifascista e democrático de todas as forzas progresistas europeas —e aquí debemos incluír o Partido Galeguista dos Bóveda, Castelao ou Vilar Ponte— organizadas desde antes do comezo da guerra mediante a fórmula das Frontes Populares. A celebración dos actos en Polonia, certamente un país abafado a partes iguais por Alemaña e Rusia, pero hogano alumno avantaxado do fundamentalismo relixioso e económico americano, contribuíu de xeito notable a esta deturpación tendente a desmontar toda a lexitimidade histórica que aínda lle puidera quedar á esquerda e a destruír un dos principais fitos que integran a súa memoria.
Nun ámbito e nun lugar distinto, revelouse estes días como o contido da campaña que están a desenvolver os sectores máis resesos da sociedade estadounidense —precisamente aqueles que fan gala da súa falta de ideoloxía— en contra do sistema sanitario público que pretende impulsar a administración Obama (reforma que xulgan colectivizante de máis) , tamén se pode interpretar como un episodio a engadir a esta estela revisionista. Frases como «Hitler tamén socializou a sanidade» son dardos envelenados lanzados sobre o lombo dunha conquista social de valor incalculable aínda non coñecida polo pobo americano.
Máis perto de nós, o irmán ideolóxico daqueles ultras republicanos ianquis, isto é, o PP, hai tempo que ensaia as mesmas estratexias que os seus amigos do outro lado do Atlántico. Cando saíu á luz pública o caso do doutor Montes —médico acusado polo goberno madrileño de aplicar eutanasias ilegais— os argumentos utilizados para desprestixiar a sanidade pública por parte das autoridades que deberían defendela eran coincidentes cos que hoxe utilizan os anti-Obama. Do mesmo xeito que o médico madrileño foi caricaturizado como o «Doutor Morte», os republicanos americanos pretenden vincular a creación dun sistema público de saúde nos Estados Unidos coa instauración de «Comités da Morte» encargados de desenchufar desvalidos anciáns ingresados na rede hospitalaria pública. Que en breve comecemos a escoitar homilías da conselleira Farjas arredor da urxencia de privatizar o Sergas para combater o totalitarismo sanitario é só unha cuestión de tempo.
Por todo o dito ata agora, tampouco non sorprende a campaña revisionista —de nivel doméstico pero con certo cheiro polaco— emprendida polo PP co gallo do último pique-nique-con-chaqueta-de-pana celebrado polos socialistas en León. Desta volta os populares emprendérona co simbolismo do puño en alto, igualando este xesto con aquel outro saúdo á romana tan caro a moitos dos seus militantes (que llo digan senón ao PP coruñés reticente a mudar o rueiro fascista daquela cidade). Esperanza Aguirre, presidenta do goberno que alcumou ao doutor Montes como Doutor Morte e experta, xa que logo, en acuñar frases efectistas que eclipsen ao adversario (ZP anunciou no acto do puño en alto unha suba das pensións) sintetizouno de vez: «El puño en alto es un gesto amenazante de ideologías totalitarias».
O debate do puño en alto aínda non chegou á nosa terra, pero mentres esperamos a que Feijoo o introduza, contentámonos con saber que este país, tradicionalmente pouco asociado á idea de innovación encóntrase hoxe á vangarda no que a manipulación política se refire. Lendo varias reportaxes sobre os manifestantes anti sanidade pública americanos dou cunhas declaracións nas que unha seareira republicana botaba man da «liberdade de escolla individual» —léase liberdade para morrer sen cura— para xustificar a súa oposición ao sistema público de saúde. Case que ao mesmo tempo, a prensa local viguesa, cómoda no seu papel de altofalante da ignominia, publicaba unhas declaracións nas que o sen par López Chaves-Llaves, en liña cos sectores máis resesos da sociedade galega, reivindicaba a liberdade lingüística individual —isto é, a liberdade para ser ignorante— fronte á opresora ordenanza de Normalización Lingüística do Concello de Vigo. Velaí algúns bos exemplos de globalización da inmoralidade.

9/04/2009

A non-guerra afgá


O exército español levaba ben tempo en Afganistán á espera duns bárbaros que non acababan de facer acto de presenza. Pero a diferenza do protagonista d`O deserto dos tártaros de Dino Buzzati (que habería morrer sen ver aos inimigos polos que tanto agardara) ao continxente destinado naquel país para maior gloria da democracia liberal e dos condutos que transportan gas e petroleo desde Asia chegoulle por fin o día de enfrontarse tête à tête a tan temidas hordas. En gloriosa acción, o exército español matou hoxe a trece deles. Ignoramos polo de agora se eran talibáns, delincuentes habituais ou insurxentes, pero si estamos en condicións de afirmar que todos eran homo sapiens afgáns. Case que no mesmo momento, e se cadra como recoñecemento o labor do exército español, a OTAN encargouse de eliminar, mediante a técnica do bombardeo, a noventa e cinco individuos (moi probablemente outros homo sapiens afgáns) que se amoreaban arredor dun camión cisterna para apañar combustible. Os dous sucedidos serán debidamente investigados antes se de esqueceren para sempre.

Se a de Iugoslavia foi, como ben recorda Manuel Vázquez Montalbán en La aznaridad (2003), a primeira das non-guerras que terían lugar no mundo, a de Afganistán semella ser a última. No medio, a apoteose iraquí:


«Aún no hemos visto [dicía Montalbán] los muertos de la guerra del Golfo, aquella guerra que según Baudrillard nunca existió, pero que movilizó a todo el cuerpo de intelectuales orgánicos belicistas que se pasaron días y días tratando de demostrarnos que el ejército iraquí era el cuarto ejército del mundo, muy por encima, desde luego, del suizo y del de Costa Rica. Un peligro.»

As non-guerras, como os non-aniversarios de Alicia no país das marabillas, nin se declaran nin se celebran. Simplemente están aí, todo o tempo que dura a nosa vida, para botarmos man delas cando o estimemos oportuno. Nas non-guerras non hai exércitos, hai continxentes humanitarios destinados a velar aleatoriamente por algún tipo de principio universal traizoado. Así, se no caso da non-guerra dos Balcáns había que liberar aos iugoslavos do etnicismo serbio e na non-guerra do Iraq había que liberar aos iraquís do pérfido Sadam, na non-guerra de Afganistán o «batallón electoral español» (Chacón dixit) seguirá a facer todo o necesario para que aqueles perigosísimos homo sapiens afgáns comprendan dunha vez que ou ben ingresan no paraíso demócrata ou ingresan no inferno.

E aínda que a ministra socialista De la Vega —como os socialistas que gobernaban cando Saraievo era esnaquizado— xustifique a presenza do exército no país asiático dicindo que «España está en Afganistán en una misión de Naciones Unidas, para defender la democracia, los derechos humanos y contribuir a la seguridad del país», eu aínda prefiro —á hora de definirmos o papel de España nos últimos conflitos internacionais— a explicación que espetara o Vázquez Montalbán máis castizo en La aznaridad:

«La contribución española a estas cruzadas se ha parecido a la de los palanganeros en las antiguas casas de putas: poner la palangana para que se limpiara sus partes el señorito.»