7/26/2009

Publicidade. A colonización cultural do Eu



Igual que no seo da economía produtiva cada momento histórico tivo a súa fonte de enerxía —vapor, carbón, petróleo— todo semella indicar que quen está a adoptar ese papel na chamada sociedade da información é quen mellor coñece do seu manexo: o sistema publicitario. A estratexia máis importante, e máis agresiva, das seguidas polos publicistas para crearen novas necesidades e para combateren toda inmunidade fronte a incidencia das grandes campañas pivota no deseño e venta de estilos de vida: narracións que establecen o valor simbólico das cousas e das persoas que as adquiren. E é que na produción de obxectos xa prima máis a lóxica social (o seu valor en canto que signos) que a lóxica individual ou biolóxica (a satisfacción de necesidades). Esta elaboración de mecanismos de distinción e status mediante un valor asociado artificialmente a certas marcas ou produtos chegou a tal punto que é razoable falarmos dunha auténtica colonización cultural do Eu. No recomendable libriño Da miseria humana no medio publicitario (Grupo Marcuse, 2004) cítase unha frase de Hannah Arendt, a teorizadora por excelencia do totalitarismo, que cómpre non perder de vista: «A transformación das clases en masas e a consecuente eliminación de calquera solidariedade de grupo eran a condición sine qua non de toda dominación total». O requisito indispensable para a transformación da humanidade nunha grande masa amorfa de consumidores é eliminar primeiro toda existencia de suxeitos cuxo desexo non responda aos intereses do mercado. Que os partidos políticos estean a aplicar cada vez con máis descaro técnicas propias do marketing é a proba irrefutable de estarmos a ingresar de cheo no tempo da democracia dirixida; o que Sheldon S. Wolin denomina «totalitarismo invertido». Contribuír a rachar esta cadea de producción de subxectividades alienadas —mediante o boicot, a deconstrucción, a reapropiación, etc.— debería converterse nunha das nosas tarefas primordiais. Nunha nosa forma inédita de Ludismo intelixente.

NOTA: Este texto acompañou unha foto-reportaxe de Eduardo Irago Fernández para o Novas da Galiza de xullo/ agosto

4 comentários:

Anónimo disse...

Concordo, mas, o que fazermos quando o boicot, a deconstrução, a reapropiação, e "o etc" são também fagocitados polo sistema? Também não é algo que aconteça tão raramente.

O Fuco disse...

Volver a boicotear, deconstruir, reapropiar; boicotear, deconstruir, reapropiar; etc; etc; etc.

Anónimo disse...

Caro Fuco, mais uma vez concordo. Mas acho que não me expliquei bem. Não falo na possibilidade de eles fagocitarem o boicote, a deconstrução e a reapropriação, mas na possibilidade de eles fagocitarem os próprios conceitos de boicote, deconstrução e reapropriação. Quando se fagocitam os conceitos da resistência, volvermos boicotar, etc. é abundarmos mais uma vez no sistema. Eis a teima do próprio sistema em fagocitar. Não é por desporto. Isto é que queria dizer no primeiro comentário. Desculpa.

Saúde.

O Fuco disse...

Eu creo que se pode fagocitar unha idea, poñamos por caso o boicot, pero non se pode fagocitar a praxe que nós asociamos a esa idea; máis que nada porque é contraria a determinados intereses. Para alguén facer propia a idea boicot, debe primeiro desposuir esta palabra do significado inicial, debe reenmarcala, volver narrala de maneira que a súa carga revolucionaria quede coutada. Cando se produce ese cambio de significado é cando eu digo que cómpre volver boicotear (co significado que nós lle dimos) a idea de boicot deturpada. É unha loita sen fin entre praxes por un significante. Saúde.