7/15/2009

O Pinhal do Rei



«Era bonito o solpor no mar desde o alto do Farol do Penedo da Saudade. Extremadamente bonito. A vista abranguía case cento oitenta graos naquela perda de luz inxente sobre o océano infinito. Morría o sol e medraba a escuridade nun ciclo lento e constante marcado polo devir das cavilacións.»

Rosa Aneiros. Resistencia (Xerais, 2002)

Foi aquel Don Dinís, rei lavrador, quen máis fixo polo Pinhal de Leiria: unha inmensa masa de piñeiros bravos plantados para conter o avance das dunas que pasado o tempo habería transformarse na materia prima coa que os descubridores portugueses construirían os seus navíos. Visitámolo esta fin de semana para coñecer os seus magníficos carrís-bici (ou ciclovías como lles din alá). Quilómetros e quilómetros de pistas para bicicletas que unen lugares de toponimia tan evocadora coma Penedo da Saudade ou Nazaré.
Sentindo o cheiro fresco da mata e escoitando o onmipresente balbordo da carricanta era imposible non lembrarse doutros veráns na Provenza occitana, lugar en que naceu a cançó trovadoresca e os grafemas -lh e -nh que o rei-poeta Don Dinís habería empregar («Quer'eu en maneira de proençal fazer agora un cantar d'amor») tan aqueladamente. Disque aquel monarca foi o primeiro en asinar co seu nome completo e que por iso é considerado o primeiro rei portugués non analfabeto. Non sei se por ese motivo, ou porque a burguesía sempre deveceu por asociarse a orixes máis aristocráticas das que en verdade ten, o lugar de São Pedro de Moel —unha vila inzada de residencias estivais de alto standing— ergueu unha estatua —ben que discreta— a Don Dinís e á raiña Dona Isabel de Aragón.
Cando pedalaba baixo o sol e gozaba da vista de cantís e de praias interminables, ou cando, despois dun opíparo jantar, rebulía na noite igual que rebolen as andoriñas entre as columnas sen teitume das "capelas imperfeitas" do mosteiro de Batalha, pensaba eu, a propósito da burguesía galega, que sendo a súa xénese igual de escura que a da burguesía doutras latitudes —ler senón a entrevista na que esta catedrática de instituto debulla as orixes escravistas de varias fortunas coruñesas— os ricos de aquén Miño atesouran, así e todo, a única eiva que calquera persoa podente sería quen solucionar a pouco que se aplicase: a incultura.
Como facerlles comprender entón, aos que por outro lado nada queren saber da tradición literaria galega, que a súa oposición ao proxectado carril-bici entre Coruxo e o Val Miñor é só a última paifocada dunha longa lista?

2 comentários:

Torcinho disse...

Pero os carrís-bici, non son algo así como esmolas?

O Fuco disse...

Ups! Entón son un socialdemócrata.