6/24/2009

Polarización semántica



Veñen mantendo, varios persoeiros sabios, que a sociedade está a polarizarse politicamente como había tempo que non sucedía. Pero ignoro se os que sosteñen isto atoparon xa os argumentos para explicar (deixando fóra a evidente responsabilidade dunha esquerda que non quere exercer como tal) por que o polo da dereita se inflou tanto nas recentes eleccións europeas. En todo caso, e por falar do caso galego, eu si albisco que toda a controversia provocada arredor do idioma pode acentuar de vez esa polarización da sociedade. As opinións radicalmente opostas que suscitan termos coma “liberdade” así o resaltan.
Hai pouco escribín un artigo no que falaba desta polisemia incrustada en todo termo ideolóxico e vexo con agrado que outras persoas de magnífica e precisa prosa coinciden comigo na importancia central da linguaxe en todo este asunto.
Pero até tal punto é importante a linguaxe que mesmo un lugar —o Parlamento de Galiza— tan pouco acostumado a grandes disquisicións, foi testemuña privilexiada da relevancia dese debate. No pleno de hoxe evidenciouse que máis que ante unha polarización por causa de usarmos unha ou outra lingua, asistimos a unha fenda semántica insuperable independentemente da lingua que esteamos a empregar. Algo así coma a quintaesencia da maldición de Babel: non entendérmonos malia falar o mesmo idioma.
Sen tremerlle a voz, Feijoo sostivo que na sesión da véspera (nela votouse unha nova amputación dos dereitos lingüísticos en forma de non-obrigaroriedade do galego para acceder á función pública) fora consumado o “consenso lingüístico”. En retruque, un deputado da oposición, sorprendido pola gallardía do presidente, suxeriu que para falar de consenso en sede parlamentaria habería que contar, como mínimo, coa aquiescencia das tres forzas con representación na mesma; e expuxo, dando no cravo, que en vista da confusión facíase necesaria a celebración dun pleno para «establecer o consenso sobre o significado da palabra consenso.»
O deputado da oposición acertaba o tiro. Porque esa é a verdadeira cuestión que se está a ventilar nesta falsa guerra de linguas. Que sentido lle damos, en calquera lingua que falemos, ao significado das palabras. Sen clarificarmos esta materia, plantexar calquera tipo de convivencia en sociedade, resulta absurdo.

Sem comentários: