4/11/2009

Variacións sobre a democracia (II)

Cando menos na teoría, as democracias representativas occidentais confórmanse cunha estructura semellante á da distinción moral que o liberal John Rawls establecera no seu Teoría da xustiza. Segundo di Adela Cortina en Ética aplicada y democracia radical (Tecnos, 1993), en Rawls trátase de «distinguir entre las teorías morales de lo bueno, que organizan ordenadamente el conjunto de bienes posibles con vistas a determinar qué sea una vida buena, y las concepciones morales de lo justo, que intentan señalar las reglas mínimas de la convivencia». Na democracia liberal o marco mínimo de convivencia, o que dicta que é xusto, establécese en torno á economía de mercado, o respecto á propiedade privada e á primacía dos dereitos individuais fronte os colectivos. Pola súa banda, as teorías morais do bo son case tantas como individuos hai, e son toleradas —mesmo potenciadas— en tanto en canto non pretendan saír do ámbito que lles corresponde; de aquí que toda a controversia política de hoxe en día se reduza a este intercambio de visións subxectivas sobre o ben e o mal.
En paralelo a Rawls, e a partir da Teoría da acción comunicativa de Habermas, este último autor e outros procederon a crear a versión socialdemócrata do divorcio entre o xusto e o bo. «Considero que hoy el socialismo —di Adela Cortina, en liña con esta segunda corrente— debe reducir sus antiguas pretensiones de convertirse en una cosmovisión y en una antropología, para diseñar aquellos procedimientos que pueden encarnar el modo socialista de valores de autonomía, igualdad y solidaridad» de tal modo que poidan «ser compartidos por distintos individuos y grupos que, sin embargo, tengan distintas cosmovisiones, distintas morales sobre lo bueno».
Este «híbrido» que a propia Adela Cortina denomina «socialismo democrático liberal» parte da convicción de que a sociedade é capaz de chegar a consensos por medio dunha comunicación racional na que os seus diferentes membros se atopan en igualdade de oportunidades comunicativas. Deixando a un lado o feito de que os propios defensores desta teoría recoñecen que esta igualdade de partida dos distintos suxeitos racionais á hora de facer as súas propostas é máis ideal ca real, tampouco fica moi claro nas súas exposicións como se levaría a cabo a transformación efectiva do consenso normativo mínimo —porque sempre hai un momento último de decisión— do modelo liberal individualista ao solidario igualitarista, se os defensores do primeiro modelo —sentíndose con toda probabilidade agraviados nos seus intereses— desbotasen o método racional en favor do método da coerción violenta que, á fin de contas, é a que sostén todo o edificio social.

Sem comentários: