2/14/2009

Consumo consciente e Israel*

Para Gramsci crise é o que ocorre cando o vello non morre e o novo non dá nacido. En tempos de superestruturas inoperantes, estados-nación en declive e sistemas de partidos esclerotizados nos que a palabra democracia é un adorno retórico, cando o homo consumens gañou por K.O. ao homo politicus, só se enxerga, polo menos até que haxa parto, unha vía practicable para recobrarmos as rendas da res publica: facer do consumo unha cuestión ética central. E é que só identificándonos até o extremo co rol que nos adxudican contrarrestaremos a súa influencia. Se comprar na polis é máis importante que dirixila; ou mellor, se comprar na polis é dirixir a polis, politicemos as compras. Falemos a súa lingua até confundilos. Usemos a súa propia forza para tumbalos. Como judokas.
O persoal é político e nada é tan persoal como a cesta da compra. A democracia directa de supermercado é a utopía accesible a todas e todos. O medo que espallou a creba financeira entre a cidadanía do norte provocou a contracción do consumo. Os nosos dirixentes debánanse agora os miolos para conseguir que volvamos gastar. Como as bicicletas, o capitalismo precisa movemento para non caer –a pirámide de Madoff non era a excepción do sistema senón a pedra angular do seu funcionamento.
Linlle a Naomi Klein algo que me lembrou as desesperadas palabras de Mustafa Bargouti: "O mundo aínda non é consciente de que o que está a pasar en Palestina é outro apartheid". Dicía Klein que «a mellor estratexia para poñer fin á cada vez máis sanguenta ocupación é converter a Israel en obxectivo do tipo de movemento mundial que puxo –van aló vinte anos– fin ao apartheid en Sudáfrica». Que estratexia? Nin máis nin menos que o boicot comercial. Eis un camiño, mentres non houber outros, para que non se repitan atrocidades como a de Gaza: coller vimbios vellos para facer cestos novos.

* Artigo publicado na sección "A dúas bandas" do número de febreiro de Tempos Novos.

2 comentários:

J. disse...

A idea dun boicot a productos israelíes (ademáis de que se chegan a perxudicar a alguén, coma eslabón máis febre do mercado laboral, será ós traballadores asalariados, tamén árabes, que forman a clase obreira do país), non é máis ca un outro intento por negarse a comprender a especificidade deste conflicto, alén de amosar a mesma atitude cara o mundo globalizado no que vivimos.

Crendo que por non mercar productos que teñan uns díxitos no código de barras estamos a repercutir dalgún xeito na economía dun país, e supoñer que esa hipotética repercusión vai facer que muden estas ou aquelas políticas que nós criticamos dende a nosa casa, é descoñecer (léase "querer descoñecer") que as principáis navieiras israelíes navegan con bandeiras doutros países, as súas multinacionais máis importantes asócianse con empresas locais á hora de comercializar os seus productos, ou que non será habitual que o consumidor chegue a saber que a mesa que se construéu en China, se embarcou en Filipinas, e el mercou en Madrid, foi no seu momento deseñada en Tel Aviv.

Aínda dando por certo que se poidan salvar eses atrancos, o problema básico desta clase de prantexamentos é que están patrocinados por persoas que, se por algo se caracterizan, é por unha clara incoherencia. Se cadra a parte máis significativa das exportacións israelíes atópanse na área das novas tecnoloxías, e dubido moito que o mesmo seitor da sociedade que publica nos seus blogues a súa adhesión a esta medida, logo perda de empregar ordenadores con tecnoloxía de Intel Centrino ou deixe de comunicarse mediante o chat. Asi mesmo, arquivos de compresión de datos que empregamos na nos vida cotiá coma o mp3 ou pdf teñen a súa orixe nun invento israelí, e o mesmo acontece cos formatos de imaxe png ou gif, tan frecuentes na rede. Inventos que, coma os anteriores, xeran bós dividendos para as empresas e departamentos de comercializción das universidades israelíes.

Sen acritude.

O Fuco disse...

A primeira das teses que expós, (léase “ao final o boicot prexudica á clase traballadora árabe”) parte dunha óptica das cousas que poderiamos calificar de reformista; e receitar paciente reformismo nunha situación de apartheid semella, ademais de interesado, cínico, toda vez que “árabes sometidos = man de obra barata”. Esta lóxica é a mesma que aplica, noutra orde de cousas, a esquerda europea ante a crise do automóbil: avoguemos por dar axudas á compra de coches para evitar o peche de empresas en lugar de cuestionar radicalmente o absurdo dun sistema que se sostén só na medida en que consegue que os cosumidores renoven continuamente o seu parque automobilístico alén das súas necesidades reais. Un sistema, en suma, cuxo funcionamento coincide co da pirámide de Madoff.
Sobre o de considerar á globalización (por certo que intúo no uso desta palabra-fetiche que a globalización é para ti a fin necesaria dunha historia teleoloxicamente construída) a proba inapelable da ubicuidade e da inaprehensibilidade dos intereses/beneficios israelís, casa mal co argumento que desenvolves máis abaixo, onde si tes claro que os dividendos que xera o mp3 ou o pdf van parar ás moi concretas e claramente determinables arcas das universidades israelís.

Coincido na segunda tese (léase “é dificultoso determinar que é un produto israelí”) agora ben, isto parte dun a priori: o boicot, para ser efectivo, necesita aplicarse a absolutamente todos os produtos israelís, o cal é falso. Un chamamento a escala global para boicotear a Israel non necesita determinar e rexeitar absolutamente todos os produtos israelís, basta con conseguir unha campaña eficaz nun ou dous produtos para que esta poida ser efectiva. Ademais, o éxito do boicot non reside só no dano económico que este poida xerar por si mesmo, senón en que este cumpra unha función que poderiamos chamar, se mo permites, metonímica; é dicir, que o éxito no boicot dun ou dous produtos israelís acabe por transformarse no símbolo dun rexeitamento á totalidade da conduta duns gobernantes (e duns poderes económicos, porque ao final todo conflito é económico) dados. Así mesmo, non debemos esquecer que vivimos nun mundo onde a imaxe proxectada é tan importante como a esencia, así pois, un chamamento ao boicot a Israel, pode, por si mesmo, deteriorar a imaxe dese país, alí onde esta aínda posúa algunha credibilidade. Cómpre dicir tamén que a eficacia do boicot non reside só (que tamén) na capacidade de evitar a compra de produtos israelís dun número máis ou menos elevado de individualidades, senón de que esta corrente consiga forzar a toma de posición dos distintos gobernos onde residen estes cosumidores conscientes. E creo que non hai dúbida de que se dous ou tres países europeos se negasen a importar mercadorías israelís, xa poderiamos empezar a falar dun dano económico serio.

A terceira das túas teses (léase “os que incitan ao boicot son incoherentes”) paréceme a mais fácil de desmontar desde o momento en que apela a abstraccións e suposicións sen base concreta nin proba algunha: “as persoas que incitan ao boicot se caracterizan por unha clara incoherencia”, “dubido moito que o mesmo seitor da sociedade que publica nos seus blogues a súa adhesión a esta medida, logo perda de empregar ordenadores con tecnoloxía de Intel Centrino ou deixe de comunicarse mediante o chat”, etc. Así mesmo, e posto que falas do beneficio que xeran estas supostas incoherencias atribuídas a non se sabe quen con non se sabe qué base, tamén cumpriría preguntarse se é tan invalidante a incoherencia de quen se vale (coma os judokas) da tecnoloxía do adversario para contribuír a tombalo. Haberá que facer os cálculos para coñecer ben se compensa.

Sen acritude.