non o goberno de ferro dos reis ,
senón o traballo do servo e do varredor—
The White Man´s Burden. Rudyard Kipling
No xa comentado Qué pasa con Kansas (Acuarela & A. Machado, 2008), Thomas Frank mostrábanos o papel distorsionador que xogaba na política estadounidense o factor racial e eu comparaba este efecto coa cuestión nacional no Estado Español. Tanto a cuestión racial como a nacional deben ser englobadas –o mesmo que, por exemplo, a cuestión de xénero– no que se denominan políticas de identidade. As políticas de identidade foron desprezadas pola esquerda clásica, para a que estes antagonismos non eran máis que síntomas dun problema máis profundo encarnado na desigualdade económica. No pensar daquela esquerda era suficiente con ir ás raíces da contradicción económica para que todas estas dificultades superestruturais tamén fosen caendo unha tras outra como fichas de dominó. Co debilitamento, nas últimas décadas, do pensamento de esquerda clásico, boa parte da política progresista mundial desertou de toda reivindicación económica e refuxiouse nas políticas de identidade. Se a vella esquerda esquecía a psicoloxía, os afectos ou os lazos culturais e trataba as persoas como organismos só preocupados pola súa manutención, a esquerda postmoderna centrou todos os seus esforzos en producir un canon do politicamente correcto cada vez máis refinado mentres contemplaba os especuladores da bolsa brindar cun champaña cada vez máis caro. Ao fío destes asuntos, resulta interesante o libro de Amy Gutmann La identidad en democracia (Katz, 2008), onde a politóloga neoiorquina aborda precisamente o encaixe entre identidade e xustiza cun pragmatismo que lle leva a afirmar, por exemplo, que «un enfoque democrático reconoce el papel legítimo pero al mismo tiempo problemático que cumple la identidad grupal en la política democrática, y de ahí la importancia de distinguir entre lo bueno, lo malo y lo feo de la política basada en la identidad». Entre o malo poderiamos encontrar a supeditación do individuo a marcas culturais máis que cuestionables; p. e. a ablación de clítoris. Entre o feo a negación mutua entre identidades; p. e. as guerras de relixión. E entre o bo? Gutmann di nalgún lugar do libro que a identidade non ten que ver tanto con que se quere como con que se é. Ou doutro xeito, que a identidade non é necesariamente un medio para conseguir un fin senón un fin en si mesmo; algo semellante ocórreseme, á idea de "recoñecemento" da que falaba Nancy Fraser. Polo que se desprende do libro, semella que Gutmann considera algunhas loitas identitarias como portadoras dun ideal de xustiza universal, ou, polo menos, como non contradictorias con este. Así, a reivindicación feminista, a loita dos negros americanos polos seus dereitos civís, os movementos indixenistas, algunhas loitas nacionais (Gutmann menciona neste apartado tanto Cataluña coma o País Vasco, pero pensa que no segundo caso a presenza de ETA e a súa ameaza á seguridade física das persoas converte aquela reivindicación en menos digna), etc. merecen respecto; se ben precisa que cómpre analizar cada caso por separado e recorrer ao papel dos mediadores culturais e da democracia deliberativa, da que Gutmann é unha importante teórica, para resolver os posibles conflitos. Dito isto, o fito histórico de que un afroamericano fose nomeado antonte presidente dos EEUU e que o fixese con reiteradas referencias simbólicas a outro home negro que, antes ca el, sostivo o facho da igualdade para esixir o dereito de todas persoas desta raza a ser tratadas coa mesma consideración que o resto dos seus conxéneres é un exemplo de como unha loita identitaria, neste caso a racial, pode contribuír no só a que ese grupo de persoas viva mellor, senón a que todos os seres humanos do mundo sintamos a satisfacción de estarmos asistindo á construción dunha sociedade máis xusta. «Esta crise –recitou onte Barack Obama en Washington durante o discurso de toma de posesión– lembrounos que, sen o ollo atento, o mercado pode descontrolarse, e que un país non pode prosperar durante moito tempo cando só favorece aos que xa son prósperos». Que estupendo corolario sería, agora que está nas súas mans cambiar radicalmente un modelo económico desastroso, que ese home negro tamén estivese disposto a facer xustiza no que toca á desigualdade material; e que decepción se a loita de tantos negros humillados, explotados, vexados, marxinados e asasinados ao longo da historia só servise para que un home negro rico –o presidente dos Estados Unidos– acabase sendo cómplice de non parar a humillación, a explotación, a vexación, a marxinación e o asasinato dos que –teñan a pel que teñan e vivan onde vivan– unicamente posúen –como dicía Carlos Marx– a súa forza de traballo.
Sem comentários:
Enviar um comentário