3/23/2008

COpenhague BRuxelas Amsterdam

Exponse este mes en Vigo “Cobra, as cores da liberdade” alentando a (re)descubrir a derradeira das vangardas. O movemento Cobra, cuxo nome fai mención ás cidades nas que viviron os seus integrantes, foi un grupo artístico formado nos cincuenta coa idea de crear unha obra espontánea, infantil, expresiva e primitiva; unha arte na que o momento creativo fose máis importante que o produto desa creatividade e onde se primara a participación colectiva fronte á intervención do artista individual. Tal como di Constant –un dos seus fundadores– no manifesto publicado na revista Reflex en 1948: “Neste período de mudanzas, o rol do artista creativo só pode ser igual ao do revolucionario: o seu deber consiste en destruír os últimos vestixios dunha estética baleira e pesada, espertando os instintos creativos aínda durmidos no inconsciente da mente humana”.
Asistín á exposición animado polo que xa coñecía dalgúns dos integrantes do grupo e saín contento por ter descuberto a outros que, coma
Theo Wolvecamp (curiosa a semellanza de trazo e de composición barroca do seu cadro “Aves nocturnas” 1958 con algunhas obras do noso Laxeiro) me eran descoñecidos. Botei en falla a Asger Jorn, pintor danés que, canda Constant, acabaría ingresando anos máis tarde na Internacional Situacionista. De Jorn sempre me interesou o seu xogo cos cadros kitch que compraba en rastros e que pintaba por encima, dándolles un novo valor artístico. Esta idea da reutilización de materiais alleos para xerar novos obxectos artísticos definiuna Guy Debord, o gurú dos situacionistas, co concepto de detournement: “As dúas leis básicas do detournement son a carencia de importancia de cada un dos elementos autónomos manipulados –que poden chegar a perder o seu sentido orixinal– e ao mesmo tempo, a organización doutro conxunto con sentido que confire a cada elemento un alcance e efecto novos”. Sempre pensei que o detournement situacionista era o avó da técnica do sampleado que, a partir dos anos oitenta co movemento hip-hop, emerxería nos barrios neoiorquinos para esparexerse e inundar, como o fai hoxe, o mundo enteiro en forma de música electrónica e de cultura dj.
Noutro parágrafo do manifesto Cobra, o autor di: “Até agora condenado a un rol puramente pasivo na nosa cultura, o espectador hase implicar no proceso creativo. A interacción entre o creador e o observador fai deste tipo de arte un potente estimulante no nacemento da creatividade do pobo”. Do mesmo xeito que teorizaría máis tarde Debord en La societé du spectacle, Constant cargaba as tintas contra o artista fornecedor de mercadorías culturais –aínda que, ironías da historia, sexa por medio dunha caixa de aforros que vemos agora as noutrora revolucionarias obras– para un espectador pasivo e consumidor, exhortando ao público a intervir directamente no proceso creativo, do mesmo xeito que se exhorta no interesante
Repensar la política en la era de los movimientos y las redes que puiden coñecer grazas a depaso, a concibir a política como un proceso colectivo, participativo e horizontal, empregando a modo de gran metáfora totalizadora destas ideas, a filosofía que emana da concepción e do desenvolvemento do sistema operativo Linux e en xeral de todo o software libre.
Leo en Brétemas que ante esta colonización de internet por parte de creadores de contidos para sitios web voluntarios e amateurs (wikipedia, códigos abertos, publicacións de todo tipo, blogs, etc.) xa se iniciaron movementos a prol dunha volta ao discurso dos expertos, isto é, aos discursos dirixidos polas elites e o poder, para tratar de pór cancelas a un medio que, polo de agora, é tan pouco susceptible de ser cinguido coma o mar.
Como debulla o manifesto Cobra: “Está a punto de nacer unha nova liberdade que ha permitir á xente satisfacer os seus impulsos creativos. Como resultado deste proceso, a profesión artística deixará de ocupar a súa posición de privilexio. Esta é a razón de que algúns artistas contemporáneos se resistan. No período de transición, a creación artística está en guerra coa cultura existente, á vez que anuncia a chegada dunha cultura futura. Debido a este aspecto dual, a arte ten una papel revolucionario na sociedade”. Tamén no ámbito da internet –un dos máis poderosos instrumentos tecno-políticos para construír unha nova praxe transformadora– este novo espectador-actor se enfronta aos que non desexan perder os seus privilexios, sendo así que esta concepción da rede como lugar aberto á participación de todos estea en guerra con aqueles.
Dicía ao principio que o reclamo da exposición de Cobra era descubrir a derradeira das vangardas artísticas, e posto que a Internacional Situacionista, nacida con posterioridade, tamén recibiu o título de derradeira vangarda artística, ben fariamos en pensar que, afortunadamente, a historia dos que tentaron xerar novas maneiras de ser e de entender é tan fructífera e viva que sexa cal sexa a postura máis vangardista do momento, está só será, pasados uns aniños, a penúltima das vangardas.

3/16/2008

A mirada de Pier

Friedrich Nietzsche describiu en “Así falou Zaratustra” as tres transformacións do espírito valéndose das metáforas do camelo –aquel que acepta sen rebelarse o peso dos valores establecidos–; do león –aquel que racha con eses valores e que se enfronta ao dragón chamado “ti debes” espetándolle un “eu quero”– e por último do neno, que no propio dicir do filósofo é “inocencia e esquecemento, un novo comezo, un xogo, unha roda que se move por si mesma, un movemento primario, un santo dicir si”.
Cunha reivindicación deste santo dicir si comeza “A mirada de Pier”, a obra que representou onte en Vigo a compañía Nut Teatro. Unha reflexión sobre poder e desexo, sobre goce e autoridade, e sobre aquilo que o alemán denominaba: espírito dionisíaco. Despois da exhortación inicial feita por unha sorte de “mestra de cerimonias”: se tiveses que escoller entre si e a nada, que dirías?, diría si, soa a Femme fatale da Velvet underground mentres tres personaxes femininas van aparecendo desde detrás dun pano –cuxa abertura lembra demasiado a unha vulva como para ser algo inocente– para nos contar, fragmentariamente, as súas experiencias con ese Pier dominador e dador de pracer. Erika Bornay sinalaba no seu “As fillas de Lilith” como o mito da femme fatale xurdiu no mesmo momento histórico –finais do XIX– en que se comezou a espallar a sífilis, o mal dos viciosos, polos bordeis de media Europa. Esta imaxe da muller ameazante creada polo varón como vinganza por causa do seu medo primario e patriarcal á vaxina castradora, será subvertida desde o feminismo para reivindicar o que de liberadora ten a visión da muller entendida como ser desinhibido e dono do seu pracer. Na montaxe de Nut teatro as femmes fatales son paradoxicamente paridas por aquela mesma vaxina dentada que aterrorizaba aos burgueses decimonónicos.
A realidade escénica desdóbrase. Unha cámara duplica as interpretacións, facéndonos tomar consciencia, ao decatármonos de que o noso ollo prefire a pantalla fronte á realidade, da atracción que sentimos pola imaxe filmada (ou da repulsión que nos provoca o demasiado real?), e evidencia, canda a outros elementos coma a aplicación de lágrimas nos ollos ou o dictado do propio guión durante a interpretación, o carácter manipulador, dirixido, seductor e excesivo do que estamos a presenciar.
A que seguen estas mulleres, é unha estratexia que só procura a nosa atención, un exhibicionismo disfrazado de confesión onde non sabemos se as actrices son as vítimas dese Pier nomeado e ausente ou se –como é habitual nas relacións sadomasoquistas– sucede o contrario. Entre as actrices e o espectador acórdase un pacto semellante a aquel pacto de escravitude firmado entre Angelika Aurora Rümelin e a persoa de cuxo nome derivou a palabra masoquismo: Leopold Ritter von
Sacher-Masoch.
Ao final da obra proxéctase na pantalla a frase “Dende o comezo souben que Pier es ti e a túa mirada un mandamento” para que asumamos o noso rol nesta historia, o poder da nosa mirada e tamén a súa debilidade. Porque ao fin e ao cabo, quen é neste pacto entre vouyeur e exhibicionista o amo e quen o escravo? Non son as protagonistas cantando unha e outra vez o imperativo retrouso de P.J. Harvey: Lick my legs, I´m on fire/ Lick my legs, of desire (Lambe as miñas pernas, estou ardendo/ Lambe as miñas pernas, con desexo) as que deixan moi claro quen manda? Non somos nós, estáticas vítimas daquel caracter libidinal que segundo Freud impregnaba as relacións de poder, as que sen deixar de mirar, nos sentimos abraiados por estas tres nenas nietzscheanas que –antes de ser engulidas de novo pola grande vaxina do fondo– só parecen querer berrar: si, si, si?

3/08/2008

Os beneficios da fame

Abraia e indigna a nova do artistiña de Costa Rica que matou de fame e sede a un can ante a mirada desapaixonada e “obxectiva” dos asiduos á galería que acollía o acto. Frivolizar coa morte por inanición dunha criatura intrinsecamente inocente semella cruzar unha das liñas vermellas que sustentan ou deberían sustentar o universo simbólico común e o paradigma ético máis básico. Confundir a investigación artística e o seu afán por ir sempre un pouco máis alá coa destrución total da esfera do sagrado e do intocable implica correr o risco de que, sinxelamente, tamén a arte sucumba á máis cega iconoclastia, levando á especie humana a actuar coma unha manda de robots orgánicos sen vertente espiritual. Puras máquinas viventes.
Sen dúbida desbotar o plano do simbólico outorga unha liberdade total. Non hai instancias morais externas que condenen por matar un can –ou un rapaz– de fame nunha exposición artística. Pero é o recoñecemento dese aspecto simbólico o que delimita e impide que o descarnadamente físico, o puramente vivo, o ocupe todo. Levi-Strauss dicía que o concepto do cociñado era o que xeraba o concepto do cru; de igual xeito pódese inferir que o concepto do espiritual é o que delimita o significado da pura existencia sen atributos e sen máis aspiracións que a perpetuación, da núa supervivencia contraposta á vida baseada nun sistema de valores, nunha idea de transcendencia, nunha ética... Delimita, en definitiva, á cultura.
Posto que segundo o antropólogo o paso do cru ao cocido representa un salto cualitativo que funda a escisión entre natureza e cultura, debería reflexionar o artistiña –xa que o imperativo de respecto á vida dunha criatura indefensa non lle resulta poderoso dabondo– sobre a importancia que o alimenticio ten na forxa do ser humano como ser moral, para así asumir o que esta separación implica: a ética, e non outra cousa, é o que nos diferencia dos simios, e dos cans.

“Coas cousas de comer non se xoga”. Encerra unha grande verdade esta máxima economicista conservadora se obviamos o que con ela se pretende dicir e extraemos o que, de xeito literal, realmente se di. Informarse sobre consumo ético e agro-ecoloxía permite coñecer o desastre de ter convertido a comida nunha mercancía máis, en algo valorizado unicamente na súa vertente industrial. O afán da industria agro-alimentaria en obter maior rendibilidade non só vai en detrimento da calidade dos alimentos, senón que ademais é ineficiente á hora de atender as necesidades de alimentación globais. Para comprender isto, é útil pensar no fracaso da chamada Revolución Verde dos anos sesenta e setenta (un programa auspiciado pola FAO para erradicar a fame do mundo a base de “modernizar”, isto é, industrializar, a agricultura dos países “pobres”) que a parte de non conseguir os seus obxectivos e forzar os labregos deses países a abandonar o campo e a emigrar á cidade –sendo substituídos por grandes empresas explotadoras dos recursos en réxime de monocultivo– provocou que, ao se destinar a producción nacional á exportación, os poucos agricultores que malia todo resistiron, dependeran cada vez máis dun sistema de prezos inestable e case sempre inxusto, e que o propio país se desabastecese, precisando cada vez importar máis alimentos.
En relación directa con estas prácticas, e aínda que as súas consecuencias non sexan polo momento tan brutais para o campesiñado autóctono, están as directrices que a través da PAC segue a Unión Europea. Estas políticas están perfectamente deseñadas para incentivar o abandono do agro co que isto supón de desestruturación social e de deterioración para o ambiente. Ninguén mellor que os galegos sabemos o que agachan estas prácticas. A renuncia ao medio rural nos últimos anos na nosa terra foi espectacular e o que aínda queda transformouse nun deserto verde para a producción de pasta de papel ou, como vimos recentemente a raíz do asalto á fábrica que Puleva ten en Nadela, nunha loita continua primeiro contra unha UE que ao mesmo tempo que non permite producir autoriza a importación de leite doutros países e máis contra unha política de prezos abusiva e cambiante por parte das grandes distribuidoras, que afoga as economías gandeiras.

"Food for people, not for profit" coreábase hai uns anos en certos ambientes alternativos. A comida, coma ben básico que é, non debería suxeitarse ás leis do mercado. A vida é un capital social global non susceptible de ser patentada ou contaminada mediante modificacións xenéticas. Crerse co dereito para xogar coa vida dun can é inadmisible, xogar coa seguridade alimentaria de milleiros de persoas é un crime sen nome.
Di Richard Wagner no seu A arte e a revolução: «O súbdito do Estado moderno é preparado para ganhar dinheiro na indústria, preparação que pode passar inclusivamente pela arte e pela ciência. Se o homem livre do futuro já não tiver por objectivo único ganhar a vida e se, pelo contrário, por intermédio de uma nova fé, que em rigor será um novo saber posto em prática, estiver completamente fora de causa a questão da subsistência, ultrapassada em benefício de uma actividade natural que corresponda às capacidades dos indivíduos, ou seja, se a indústria deixar de ser dona dos nossos destinos para passar a estar ao nosso serviço, será natural que o homem coloque a alegria de viver como objectivo da sua vida e dê aos seus filhos uma educação que os torne capazes de experimentar integralmente o verdadeiro prazer dessa alegria».
Mentres esta nova fe trata de transformarse en saber posto en práctica, só cabe non acostumarse á decadencia circundante, e sen perder un ápice de alegría, abraiarse e indignarse, unha e outra vez, até o esgotamento.