10/02/2008

O liberalismo real

Prestando atención á maneira en que están abordando os grandes medios estatais (dicir que só me refiro aos de dereitas implicaría a falsidade de que existen medios de esquerda) a cuestión da crise financeira, un saca a impresión de que, desde esas tribunas e de xeito máis ou menos inconsciente, xa se está traballando arreo na construción dun discurso que xustifique o que, obxectivamente, non é senón a demostración práctica da perversidade intrínseca do sistema capitalista.
Así, desde o pensamento fundamentalista liberal, tanto se se argumenta que o exceso de intervención dos gobernos (xa sexa en forma de impostos ou en forma de plans de rescate) é o verdadeiro culpable de que o mercado non funcione todo o ben que debería, como se se lanzan pequenos dardos envelenados –que lembran a infaustas épocas persecutorias do pasado– tendentes a enfrontar a unhas capas da poboación contra outras (unha das teorías escoitadas recentemente en Ondacero viña culpar aos inmigrantes que asinaron hipotecas bancarias sen ter un contrato estable de traballo da existencia de hipotecas lixo en España), como se se reelabora sobre a marcha a teoría de que mercado e estado (isto dito por aduladores do Von Hayek de Camiño de servidume) son igual de necesarios para o bo funcionamento do sistema, como se (no artigo de Pedro Arias que publica hoxe La Voz de Galicia) se apela –por exemplo cando di: «Es un artificio escapista atribuir la crisis económica actual a causas mecánicas, como si la sociedad fuese un artefacto que periódicamente se avería según oscuras fuerzas estructurales (…) Hoy ya sabemos que los fallos de la colectividad son debidos a un inmoral ejercicio de las facultades de la libertad; de cualquier actor social, en particular de los que cuentan con atribuciones especiales, facultades por representación y poder real»– á moralidade das elites empregando o psicoloxismo para analizar o que debería ser unha cuestión de sistema económico e botando en falta, aínda non sei ben se o buenismo que eses mesmos parámetros ideolóxicos desprezaban hai nada, ou –o que sería moito máis perigoso– o leviatán que aplaque os homes lobos para os homes (actitude tanto máis sorprendente en persoas que defendían aquilo da man invisible imaxinada por Adam Smith: o mecanismo que habería de corrixir, espontaneamente, o egoísmo propio dos seres humanos); vemos, en todos eles, un nexo común tendente a xustificar, sen explicitalo, o estrepitoso fracaso das teorías económicas hexemónicas.
Seguindo co repaso á prensa, hoxe en El País aparece un interesante artigo (reitero o de que non hai grandes medios de esquerda engadindo que si hai medios aos que lles interesa o posicionamento veladamente favorable a Obama deste artigo) asinado por Slavoj Zizek que, ao analizar –na súa habitual liña de crítica á ideoloxía– unha actualidade totalmente marcada pola campaña electoral e mais pola crise financeira estadounidense, chega a conclusións (moito mellor argumentadas e explicadas cas miñas) parecidas ás que tratei de expor máis arriba. Un exemplo? Cando di: «Cuando el curso normal de los acontecimientos sufre una interrupción traumática, se abre la puerta a una rivalidad ideológica discursiva; por ejemplo, en Alemania, a finales de los años veinte, Hitler ganó la disputa por la narración que iba a explicar a los alemanes las razones de la crisis de la República de Weimar y la forma de salir de ella (su argumento era la trama judía); en Francia, en 1940, fue la versión del mariscal Pétain la que dominó la explicación de los motivos de la derrota. Por consiguiente, para decirlo en viejos términos marxistas, la principal tarea de la ideología dominante en la crisis actual es imponer una versión que no responsabilice del colapso al sistema capitalista globalizado como tal, sino a sus distorsiones secundarias accidentales (normas legales demasiado relajadas, corrupción de las grandes instituciones financieras, etcétera).»
Se despois da caída do muro de Berlín o primeiro intento da esquerda de saír do seu atordamento foi comezar a falar de socialismo vs. socialismo real, no momento actual semella que os actuais crentes na relixión do libre mercado, acreditando naquilo da performatividade da linguaxe, tamén comezan a levantar –palabra a palabra– o seu propio muro defensivo. A finalidade é que, pase o que pase, a culpabilidade polo que poida suceder na presente crise recaia sempre no outro. Non no capitalismo. Non na globalización. Non no neoliberalismo. Quérese que a responsabilidade –sexa das excesivas regulacións, sexa dos inmigrantes, sexa da falta de control do estado, sexa da maldade humana– sempre se encontre un pouco máis alá; sempre noutra parte. Trátase, en definitiva, de que o liberalismo (utópico, platónico, imaxinario) quede a salvo, nestes tempos de treboada, da mala prensa atribuíble aos estragos causados polo outro liberalismo. Polo real.

Sem comentários: