9/26/2008

Tras o II Consenso de Washington

Pasou xa un tempo desde que Etienne Balibar acuñara o termo de Egaliberte para subliñar a relación de necesidade existente entre estes dous grandes principios que, canda á fraternidade, nos legou a Revolución francesa. Era preciso recordar que non hai liberdade sen igualdade, e viceversa, nunha época –as tres últimas décadas do século XX e o que levamos do XXI– onde a liberdade era reivindicada en solitario, coma un credo, polos gurús da economía de mercado e as súas ramificacións mediáticas.
Nos anos 90 do pasado século, toda esa doutrina económica á que só lle interesaba unha liberdade (a dos mercados) e que consideraba todo desexo de igualdade como vestixios de totalitarismo, dotouse dun marco de referencia denominado o Consenso de Washington, onde as receitas baseadas na liberalización, a abolición de impostos, as privatizacións masivas e o control do gasto público, eran vendidas coma purgantes que, tras un breve período de molestias, haberían curar para sempre os males das “economías subdesenvolvidas”.
Onte, aproximadamente unha década despois de que a chamada crise asiática e o corralito arxentino desen os primeiros avisos das dramáticas consecuencias que carrexaban consigo aquelas receitas, asistimos, trala xuntanza entre o actual presidente dos EEUU e os dous candidatos a substituílo (alguén segue crendo a estas alturas que realmente escollemos algo nas democracias liberais?) ao nacemento do que poderíamos chamar o Segundo Consenso de Washington.
Nos prolegómenos desta cimeira o que dixo George W. Bush foi «Fixemos este plan para salvar o sistema económico dos Estados Unidos do desastre», pero o que realmente quería dicir –despois de tres décadas de devastadora ortodoxia neoliberal– era: keynesianismo ou barbarie. Así volviamos, tras o paréntese da utopía financeira, ao mesmo punto no que nos atopabamos.
Será esta a fin do capitalismo? Xa nos gustaría. Tamén onte, o presidente da CEOE , Gerardo Díaz Ferrán, expuxo a súa proposta estrela para afrontar a crise que azouta o Estado Español: flexibilizar o mercado mediante o abaratamento do despedimento. «É imprescindible –dixo o representante dos empresarios– que o mercado laboral español se homologue ao dos países do noso entorno». Nada comentou, porén, de que esta homologación atinxise tamén ao capítulo de salarios e de dereitos sociais.
Pero compre non desanimarse, o advenimento do Segundo Consenso de Washington trae canda el novos aires á viciada atmosfera da teoría da “fin da historia”. Cándido Méndez, o secretario xeral de UGT, expresouse hai pouco cunha claridade ideolóxica pouco frecuente. Ante a pregunta de que lle parecía o que estaba a acontecer na economía dos EEUU aseverou con rotundidade: «Estamos ante una quiebra de fondo del sistema capitalista mundial». Tempo había que non lle escoitaba a un líder sindical español utilizar o termo capitalismo nos medios de comunicación.
Non sei se Dinamarca se encontrará entre o que o señor Díaz Ferrán denomina “países do noso entorno”, pero é probable que, se o goberno se prega finalmente ás esixencias da patronal, o faga usando o engado dun novo neoloxismo como é a flexiguridade (ou de algo semellante a este) moi do gusto do seu pensador oficial: Jesús Caldera. Este concepto, de moda na Comisión Europea, ten no país nórdico o seu inventor e máximo expoñente. Baixo o pretexto dun forte compromiso coa protección das clases máis desfavorecidas, incentívase, de paso, a flexibilización laboral, a mobilidade xeográfica e a continua adaptación dos traballadores ás demandas do mercado de traballo. De gobernarnos Díaz Ferrán tragariamos cunha reforma laboral a pao seco, gobernando ZP recibirémola empaquetada e con laciño de deseño escandinavo. Na medida en que organizacións como a de Méndez, entre outras, sigan conservando esa clarividencia na análise da situación e non actúen, unha vez máis, como a vaselina do goberno, as clases traballadoras non serán os pagáns da factura dos pratos rompidos polos especuladores.
A invención fecunda de Etienne Balibar –se cadra inspirada no snark (híbrido entre snake e shark) imaxinado polo xenial Lewis Carrol– axudou a deitar lucidez nunha época escura. Do oxímoro da flexiguridade –non sempre a creatividade vai da man da bondade– só pode saír unha criatura –como a mula produto de burro e cabalo– quizais apta para levar as cargas durante un tempo, pero estéril e sen descendencia, ao final dos seus días.

Sem comentários: