8/12/2008

Seráns

Ando a ler ultimamente a Arthur C. Danto e este, na introducción a El cuerpo/ el problema del cuerpo, fala a propósito do famoso decreto de morte que dictara Hegel para a arte do seguinte xeito: «En sus Lecciones de estética, Hegel declaró que la historia del arte (...) había llegado a su fin. Basó esto en parte en la opinión de que el arte ya no era capaz de relacionarse con la sociedad como lo había hecho en otros tiempos, en las épocas griega o gótica, expresando el espíritu objetivo de esas épocas. Se había abierto una brecha entre la sociedad y el arte, que se había convertido más en un tema de enjuiciamiento intelectual en lugar de, como se creía que era la belleza, un objeto de reacción sensual o intelectual».
A profecía do sabio alemán foi o primeiro que me veu á cabeza cando lin o
mail no que miriño propuña pensarmos: Por que se fan seráns hoxe en día?
Se trazamos un paralelismo entre a arte e os seráns (e quen di seráns di toda tentativa de rescatar do pasado calquera actividade ou costume) decatámonos de que este proceso de reanimación –no caso dos seráns dun acto festivo propio dunha sociedade agraria, onde a música e as letras, así como os bailes e a súa ideoloxía (porque tamén os bailes teñen ideoloxía) estaban perfectamente incardinados na realidade social na que se producían– parte en realidade dunha intelectualización previa na que nós, urbanitas do século XXI cuns costumes e realidade totalmente alleos ao tipo de vida que deu lugar ao que hoxe coñecemos coma seráns, non somos quen de crear formas de ocio non alienantes, socializadoras e creativas (e esta carencia é o principal motivo para que busquemos formas de relación social no pasado), acaídas ao noso xeito de vivir, senón que por medio dun traballo reflexivo, re-creamos o que os libros ou as persoas maiores (ás que acudimos como se fosen libros) nos contan. Así, os seráns non serían o producto directo do noso ocio senón o producto do noso ocio mediatizado e intelectualizado.
No paradoxo de Aquiles e a tartaruga, argumento que pretendía demostrar a imposibilidade do movemento, Zenón de Elea cóntanos coma o heroe grego decide competir en carreira con aquel animal. Seguro de que sería moito máis veloz déixalle unha grande vantaxe. Ao darse a saída, Aquiles percorre en pouco tempo a distancia inicial, pero ao chegar onde se encontra a tartaruga, decátase de que esta non está, senón que avanzara, máis lentamente, un pequeno treito. Sen desanimarse, segue correndo, pero de novo, ao chegar canda o becho, este volve avanzar un pouco máis. Deste modo –dinos Zenón– Aquiles nunca gañará a carreira, xa que a tartaruga sempre estará por diante del. De igual modo que Aquiles, tratamos, por medio da recreación, de acceder a un ideal de autenticidade (no caso dos seráns trataríamos de acceder ao que poderíamos chamar un platónico
serán ideal) que sempre se nos escorrega como unha troita entre os dedos. Isto sucede porque aquilo que hoxe coñecemos por serán (algo que por certo non pode máis que contaminarse co presente, véxase senón a tendencia a que os músicos toquen en escenarios) nunca coincide con aquel serán antigo e realmente auténtico, sempre rememorado, sempre estrañado, e sempre definitivamente perdido; e canto máis nos esforzamos en que todo sexa auténtico –enxebre– menos, probablemente, nos achegamos ao que eran os seráns que alegraban as horas de lecer labrego.
Para non finalizar con esta sensación agridoce que sempre deixa a calella sen saída que é o posmodernismo –porque facer seráns hoxe en día é absolutamente posmoderno– só se me ocorre facer unha pequena proposta: o mellor dos seráns, o que fai desexable que algo quede do que foron os seráns, non son as súas cancións sobre segas e vendimas, ou a súa habilidade para transportarnos a unha arcadia rural imaxinaria; o mellor dos seráns é a súa capacidade para a socialización interxeracional, o seu espírito participativo e a súa condición –polo menos ata agora– de ocio non mercantilizado. A nosa meta debería consistir en crear unha forma de organización social que producise xeitos diferentes e novos de entender o lecer, xeitos que non pretendesen parecerse a nada –que non fosen o produto dunha representación intelectual previa– senón que sendo auténticos (sendo eles mesmos no devir do presente) se inspirasen no mellor dos valores que impregnaban aos vellos seráns. Velaí unha tarefa apaixonante.

10 comentários:

miriño disse...

Terei que respostar entón á túa resposta... pero antes gustaríame facerche outra(s) pregunta(s)....

E cal é a ideoloxía do baile? Ou bailes? Terán distintas ideoloxías se son agarrados ou soltos? Ou é por ritmos, muiñeira unha ideoloxía, xota outra...? E coas músicas, que ideoloxía teñen as músicas? Coas letras das cancións parece máis simple, mais tamén ando despistado...

...
...

Xa ves que me xurden moitas dúbidas nisto da ideoloxía do baile...

O Fuco disse...

Que o home leve á muller é un exemplo de ideoloxía no baile. Ou, no caso do baile tradicional galego, que os puntos sempre os saquen os homes. Outro exemplo: Cando naceu o rock n roll, a pelve de Elvis Presley estaba cargada de ideoloxía, era o momento no comezaba o que hoxe chamamos cultura xuvenil, e os daquela mozos, cos seus bailes cheos de sensualidade (hai que situarse nas coordenadas morais da época) estaban querendo dicir á xeración dos seus pais que xa non crían nos seus tabúes.

miriño disse...

:)

Ou sexa, ten ideoloxía pero non se sabe cal é.

Porque digo eu, canto ti bailas, levas ti ou lévante. Paréceme a min que non pensas que pode ser un compartir, leve quen leve.

E agora, no solto, quen é o guía, hai guía?

De todas as formas, e igual que todo é ideoloxía, todo é economía, ou incluso todo pode ser coma un touro (como dicía o Jesulín). Para ti é unha consecuencia do intelecto como para un deportista pode ser unha necesidade física.

E antes de meterme na fariña da pregunta como tal... Neste caso Aquiles alcanzou á tartaruga, pero tanto Aquiles como a tartaruga son máis vellos e con outras vivencias, polo que nin Aquiles é Aquiles nin a tartaruga é a tartaruga que comezaron o conto.

A realidade é que se fan seráns. A mentira é que os seráns non son seráns. Neste caso os que pretendían recrealos saben perfectamente que non son o que eran. E os que chegan de primeiras, disfrutan (se lles gusta) do serán actual, e é para eles unha realidade.

Citándote, todo é postmoderno. E sempre o será. Sempre haberá lazos co pasado e sempre haberá recreacións que darán lugar a novas formas. Todo é cíclico... helicoidal.

O Fuco disse...

Non sei se todo é un círculo ou unha liña recta e infinita (e tampouco é algo que me preocupe demasiado); o que si sei é que unha cousa son os lazos co pasado, outra distinta son as recreacións e outra distinta son as formas novas. Non creo que teña que haber necesariamente, entre estes tres elementos, unha relación de causa efecto. Onde creo que si se soe dar este tipo de relación é entre os lazos co pasado e as novas formas; o da recreación, en cambio, paréceme algo bastante inútil.

miriño disse...

Tendo en conta que practicamente toda a cultura é basicamente recreación (ou tal vez debera escribir re-creación), é posible que exista algo non inútil? (ininútil??? desinútil???, ainútil???... útil?).

No momento no que a xente se divirte cantando e bailando, falando e comendo, bebendo e mirando, cres que pensa como deben ser os seráns ou como deberan ser?

Dis que somos totalmente alleos ao tipo de vida que deu lugar ao que hoxe coñecemos como seráns. Poderemos ser alleos aos seráns tal e como se facían, non somos alleos aos que se fan hoxe en día. De feito estamos neles, e participamos deles, e se non estiveramos, non existirían. Resulta que a sociedade non se conforma só coa xente que é coma ti, confórmase con todos os tipos de vida que nestes seráns comparten o mesmo momento temporal, pero non teñen as mesmas vivencias. O serán tal e como se coñece agora é desta época. Non se pode negar. O material do que está feito é do presente, ti e máis eu e máis eles non podemos vivir máis que neste momento e é aquí onde se produce a festa.

Non estamos a contar o que nos contaron. Asistimos e polo tanto creamos o serán. Non o serán que nos contaban os nosos avós. Estamos neste, no de agora.

A recreación non é tal que vaiamos vestidos como se ía antes. Non se conserva a forma dos bailes. Non se conserva a forma dos instrumentos. Non se conserva nada máis que o nome. Para diferencialo dunha verbena, ou dun guateque.

E agora hai moitos tipos de seráns. Hainos urbanos, hainos onde se lles paga aos músicos, hainos de inverno e hainos de verán, hainos organizados por xente maior e hainos organizados pola xuventude. A xente que vai faino por moi diversas razóns. Uns por bailar, outros por tocar (e dentro dos que tocan e bailan procúranse camiños moi diversos), outros por falar, outros por curiosidade... e outros para pensar que son posmodernos.

O Fuco disse...

Ti estasme a falar de como vive, ou do que pensa, ou de como senten individualmente as persoas que acoden aos seráns. Eu estouche a falar de cal é (ou pode ser) a razón (na miña humilde opinión) de que precisamente neste tempo histórico e neste preciso lugar se estea a dar tal revival, independentemente das motivacións
de cada unha das persoas que acoden ou participan -persoas ás que calificarei en xeral (síntoo, para calquera debate é imprescindible certa xeralización, do contrario non habería debate conceptual, habería acumulación de excepcións non suceptibles de comparación) como xente intelixente que non se conforma coas formas de lecer alienantes que ofrece o sistema, senón que busca (mesmo sen ser conscientes diso) formas de lecer máis humanas e "auténticas".
Ti estasme a falar da ideoloxía dos individuos eu da ideoloxía do acto en si. Ti consideras aos individuos libres para escoller o que realmente queren. Eu considero que os individuos están/ estamos condicionados nas súas/nosas escollas polas vantaxes ou polas carencias do tempo histórico no que se/nos moven/movemos. En definitiva (e para variar): ti falas de touciño, eu de velocidade, (ou viceversa).

miriño disse...

Eu sei que falamos de cousas distintas, mais pensei, ou esa era a miña intención, que eran complementarias.

Se o ves como a auga e o aceite, aquí o deixo. Se tan clara tes a miña opinión, parece absurdo seguir afondando no touciño e a velocidade, dous temas nos que aínda non teño unha opinión formada.

Tal vez falte un café de por medio, ou unha cervexa, ou quizais un viño do país. :)

Ulises Lima disse...

Concordo en que namentres as formas de organización social continúen sendo as mesmas, o tempo de lecer será o que segue sendo nunha porcentaxe moi ampla: a excepción, a anestesia/amnesia, a ilusión da fuga, e ao fin e o cabo...o silencio, pois como en tantas outras manifestacións da vida humana, só acontece iso: un inmenso silencio, malia o ruído. E coido que a perda da orixinalidade, ou da "maxia" que debería secundar(segundo o que humildemente entendo eu) xa se perdeu hai moito, si é que algunha vez a tivo. Pero engado: vexo moi difícil que tal cambio se produza, e en todo caso, desconfío algo dos trocos que non se produzan de modo espontáneo...a última frase cecais sexa mellor non tela en conta. Saúdos.

O Fuco disse...

Que consigamos cambiar as cousas creo que non é fácil. Que estas cambien espontaneamente creo que é imposible. Un saúdo.

Ulises Lima disse...

Onde dixen espontáneo, e agora decátome, referíame(mal, por certo)a trocos que se acomoden e sexan interiorizados por unha ampla maioría de xente, non orientados dende determinados ámbitos(político, cultural...e sendo así, non ten que ver bastante o eido cultural e político coa perpetuación de determinadas formas de organización social?), eidos por outra parte bastante conservadores na súa esencia, isto é, certo elitismo e gosto pola permanencia nos centros de poder, en fin, sei que algo de pesimismo secunda esta queixa...en todo caso, hai material para pensar, que supoño, será o importante.