6/17/2008

Democracia e fe

Leo en El Pais unha crónica sobre o recente referendum irlandés escrita nese novo estilo xornalístico que busca a identificación sentimental do lector a base de personalizar, é dicir, a base de analizar o todo a partir da focalización nunha das súas partes. O artigo trata de escarvar na realidade social da vila que obtivo un maior índice de votos negativos ao Tratado de Lisboa de toda a illa. Procurando en todo momento describir máis que xulgar, o autor non pode evitar deslizar, así e todo, unha velada toma de posición ao facer fincapé en que foron as capas máis febles economicamente, e polo tanto, as menos formadas e informadas, as que votaron en masa en contra do tratado. Mesmo a posible influencia dun discurso esquerdista contrario ao texto –pensamos no Sinn Fein– é aplacada argumentando por unha banda que a vila en cuestión non é un feudo tradicional dos republicanos e, por outra, sostendo que os precarios traballadores autóctonos vían na UE a causante da avalancha de inmigrantes do Leste chegados após a aplicación do acordo de Schengen nos seus respectivos países. No mesmo xornal, circunspectos comentaristas preguntábanse con certo patetismo como podía ser que o socio máis beneficiado polas políticas europeas dera coa porta nos fociños aos mesmos que subministraran cuantiosos fondos durante todos estes anos; algún mesmo, nun caso de auténtica inversión da realidade, sostiña que non era democrático que un pequeno país de a penas 3 millóns de habitantes puidese paralizar –precisamente mediante unha consulta democrática que outros non se atreveron a levar a cabo– a todo un continente. En definitiva, moitos pensaron –e algún, sen sabelo, mesmo escribiu– aquela máxima brechtiana que dicía: se o pobo se equivoca ao votar, o que compre é disolver o pobo e escoller outro.

* * * * *

De Max Weber, veño de ler Parlamento y gobierno en una Alemania reorganizada, onde o sociólogo expón o seu interese en que o Reichstag da Alemaña do seu tempo deixase de ser unha instancia sen capacidade real de control ao goberno, isto é, «un parlamento conversador». O sistema alemán naquela altura estaba formado polo Bundesrat, institución que reunía a delegados enviados por cada un dos gobernos dos Estados Federados, os cales actuaban de acordo ás instruccións recibidas dos seus respectivos gobernos e contaban ademais con diferente número de votos segundo o seu peso. O Bundesrat lexislaba, executaba e controlaba as leis federais. A Presidencia do Bundesrat e a dirección dos seus asuntos tíñaa o Canciller do Reich, o cal era nomeado polo Emperador. Di o prólogo de Joaquín Abellán: «La gran significación legislativa y gubernamental atribuída por la Constitución al Bundesrat y a su presidente –el canciller del Estado– hace que éstos ocupen en realidad la posición de gobierno estatal. Por eso la Constitución no le dedica ningún artículo al gobierno del Estado ni habla de "ministros" del gobierno que tengan que intervenir en el Reichstag para dar explicaciones o para negociar con él, pues quienes lo hacen son los miembros del Bundesrat» e segue «Frente a este potente órgano con funciones legislativas y ejecutivas, el Reichstag es una cámara elegida por sufragio universal, directo y secreto (...) participa en la legislación y en la aprobación del presupuesto y tiene capacidad para darse su propio reglamento. (...) El nuevo Reichstag representaba a la nación desde abajo, pero sin capacidad para participar en el gobierno».
Non recorda todo isto curiosamente á representación dual da Unión Europea actual, onde por unha banda están os integrantes da Comisión Europea e máis do Consello Europeo –meros representantes dos estados que ninguén elixe democraticamente– parangonables ao Bundesrat salvo polo feito de que a presidencia é rotativa; e pola outra o Parlamento («conversador») Europeo, similar ao Reichstag tanto na súa representatividade mediante sufraxio universal como na súa inutilidade á hora de controlar o que fan as outras dúas instancias?

* * * * *

Se é difícil situar no abano ideolóxico da dereita ou da esquerda as razóns que se agochan detrás do non de Irlanda, e se cadra habería que falar do non dos irlandeses, pois cada un terá unha razón diferente; é posible que, cando menos, puidera haber un punto en común entre todas elas: algo así coma unha necesidade de augar a festa aos burócratas de Bruxelas a base introducir paos entre os radios da roda na única oportunidade de intervir directamente –agora en Irlanda coma antes en Francia e en Holanda– que se lle deixou aos cidadáns comúns e correntes. O moderado Weber escribía que tanto a forma organizativa da fábrica coma a aparición da burocracia «se puxeran a producir a armazón da servidume do futuro» e por veces parece que contribuír a fortalecer este armazón estea entre os obxectivos das superestructuras de Bruxelas e Estrasburgo; por isto mesmo, é unha cuestión de mínimos democráticos –cuestión que como vemos conta xa con case dous séculos de historia– que a composición do Parlamento Europeo tivese unha incidencia real na composición e no seguimento dos órganos que rexen na UE. Delegar nos gobernos nacionais a escolla das persoas axeitadas e permitir que ningunha institución actúe coma instancia de control sobre esas persoas pode ser considerado formalmente democrático –en canto a que son representantes dos nosos representantes– pero en realidade este proceder, como ben sabía o por outra parte elitista Max Weber, máis que coa democracia ten que ver cos autos de fe.

Sem comentários: