A «Restauración», tal como chama Alain Badiou á hexemonía do pensamento conservador e postmoderno que domina intelectualmente desde 1970 até os nosos días, rexeita a idea do «nosoutros» en favor do «eu». Escaldados dos excesos cometidos no século XX en nome dos grandes ideais colectivos, a nova civilización liberal renega de toda construcción dun suxeito que transcenda ao individuo. O filósofo francés, na procura dunha «palabra tenda» –é dicir, unha palabra refuxio– que permita superar a tensión existente entre a subxectivación colectiva e a individual, pregúntase se, fronte «a la fraternidad-terror (...) del nosotros sometido al ideal del yo fusional y cuasi militar» para a que non hai outra alteridade que a do adversario, non podería formarse un novo «nosoutros» que, sen deixar de ser «nosoutros», sexa tamén dispar e respectuoso coa súa propia diversidade.
No mes de xaneiro deste ano botaba eu man da metáfora do mar de xiz de G.K. Chesterton para mostrar como a nosa realidade próxima está –de abrírmonos ao mundo con curiosidade– chea de campos nos que actuar politicamente. Naquel texto daba conta da celebración na capital de Galiza dunha asemblea de colectivos e individualidades con ganas de dar un pulo ao discurso emancipador mediante a organización dun Foro Social Galego que, asumindo a carta de principios do Foro Social Mundial, fixese realidade o máis que coñecido lema de pensar globalmente e actuar localmente. Hoxe, pasados varios meses daquela xuntanza, é posible anunciar que aquela unión de vontades con vocación constituínte comeza a dar os seus froitos. O Foro Social Galego xa ten título –Pensar e construír alternativas desde Galiza–, data –os vindeiros 5, 6 e 7 de decembro–, lugar –Santiago de Compostela– e eixes temáticos –Modelo económico e límites do crecemento, Vida e traballo, Soberanía e diversidade fronte a uniformización e imperialismo e Defensa das liberdades e dereitos sociais.
Da traducción francesa dos versos de Paul Celan: Du visible, de l´audible, le/ mot-tente/ qui se libère:/ Emsemble (Do visible, do audible, a/ palabra-tenda/ que se libera:/ Xuntos.) extrae Alain Badiou o bocexo, a posibilidade aínda embrionaria, desa nova e necesaria fraternidade. Os procesos de creación dos diferentes Foros Sociais Mundiais e en concreto o do Foro Social Galego tratan tamén, paseniño, de abrir un camiño inexplorado na matogueira de individualismo e incomunicación que nos oculta o mar de xiz no que nadamos. Desde este pequeno espazo convido a todo o que queira a participar; porque só permanecendo xuntos, emsemble, será posible crear un novo mundo mellor.
6/25/2008
O Foro Social Galego e a nova fraternidade
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário