Na sutil e divertida A fost sau n-a fost? [12:08 ao leste de Bucarest] de Corneliu Porumboiu (2006), unha televisión local convida a dous cidadáns –Emanoil Piscoci, un vello excéntrico coñecido por ter feito de Papá Noel algún Nadal e mais Tiberiu Mănescu, un profesor de historia alcohólico e endebedado– a analizar en directo se durante o réxime de Ceauşescu –varios anos atrás– o dictador se vira forzado a escapar da cidade en helicóptero por causa da presión da xente ou se a masiva concentración diante do pazo de goberno se producira con posterioridade á fuxida do mandatario. Durante o programa, o profesor de historia mantén contra vento e marea ter chegado á praza antes das 12:08 (hora de partida do dictador) debendo, polo tanto, considerarse o sucedido en Bucarest como unha revolución popular. Malia isto, as sucesivas chamadas ao programa doutros cidadáns, testemuñas dos acontecementos, desmenten –entre insultos, ameazas de demanda contra o xornalista e loas á figura de Ceauşescu– a versión do profesor, sostendo que antes da hora sinalada a praza estaba deserta. A fita finaliza nun ton melancolicamente poético, mostrando o ruinoso e gris Bucarest na hora do lusco e fusco, baixo unha intensa nevada. Sobre estes planos escoitamos a voz do fracasado e vilipendiado profesor laiándose do acontecido, mentres vemos como se acende a lámpada dun farol solitario. Posteriormente, vemos como a este farol vanlle seguindo outros até que, por fin, se alumean as rúas todas da cidade. Esta metáfora dos farois ilustra o xeito en que o profesor recordaba os acontecementos: a mobilización, a partir dunha única persoa, de toda unha cidade a prol dun cambio histórico. E Tiberiu Mănescu pensa que aínda que non sexa de todo certo, esta segue a ser a maneira en que lle gusta lembrar o acontecido.
"12:08 ao leste de Bucarest”, filme que se ben nunha primeira achega non semella poder ser vinculado á Ostalgie [nostalxia do Leste] tan claramente coma por exemplo Good bye Lenin (Wolfgang Becker, 2003), deixa entrever, así e todo, na falta de entusiasmo e de épica co que aborda o cambio de sistema político en Romanía, que se non é da saudade polo pasado do que se pretende falar, tampouco entra nas pretensións do director dar unha sensación de optimismo ou de compracencia cun decrépito presente. A fita cuestiona, con fino humor, a capacidade real que ten a sociedade para producir ou intervir nos cambios históricos, ademais de desenmascarar o papel central dos medios de comunicación na construcción do discurso sobre os feitos pretéritos. Que sexa un profesor de historia o que experimente a sensación de estar completamente trabucado ao atribuír á xente o protagonismo de moitos dos acontecementos históricos e que estes acontecementos deveñan finalmente nunha sorte de decisión previa tomada por poderes alleos ao pobo e nos que o papel para os cidadáns do común consiste só en reubicarse a posteriori, fala da intelixente ironía de Porumboiu. A manida transición española –outro acontecemento histórico no que segundo a monodia do establishment mediático, os españois tiveron un protagonismo principal– aínda agarda pola rodaxe dunha lectura tan incisiva coma esta.

Sem comentários:
Enviar um comentário