5/12/2008

La semantica è mobile

Leo, nun número de El viejo topo do ano 2000, unha entrevista a Oskar Lafontaine. O que fora ministro de finanzas no primeiro goberno Schröeder e un dos artífices da victoria electoral do SPD no ano 1998, saltara á palestra cando decidiu abandonar o partido socialdemócrata e o seu goberno por considerar que se estaba a traizoar o programa electoral co que se presentaran ás eleccións, constituíndose así nun dos primeiros en denunciar a fraude que supuña a Terceira Vía. Na entrevista, o alemán di cousas tan interesantes coma estas: «Tal y como escribió Lewis Carroll, las palabras tienen dueño. Y el neoliberalismo se ha adueñado de las palabras. La izquierda no puede emplear expresiones como “mercado de trabajo” porque son contradictorias con su filosofía. Las palabras cambian las ideas, y todo el mundo emplea ahora esa expresión, incluso los sindicalistas. Otras palabras se usan tramposamente, como la palabra “modernización”, por ejemplo, con la que se disfrazan auténticos retrocesos...» e segue: «Nuestro vocabulario político está heredado en gran parte de la Ilustración. De ahí nace, por ejemplo, la idea de “modernización”, pero siempre entendida en el sentido de mejorar las condiciones de los seres humanos. Una de las claves de esa modificación del lenguaje es la caída del comunismo al haber ganado EEUU la guerra fría, y eso tiene también un impacto cultural, haciendo máis fácil que nos cambien el sentido de las palabras».
No número de maio de 2008 da edición en español de Le monde diplomatique dáse conta do continuo ascenso, experimentado desde as eleccións de 2005 tras acadar o 8,7 % da representación no Bundestag, de Die Linke (A esquerda) o partido froito da unión do Partido do Socialismo Democrático (PDS) –forte na Alemaña do Leste– e da Alternativa Electoral Traballo e Xustiza (WASG). Ademais destes dous partidos tamén é crucial na nova formación a figura de Oskar Lafontaine. A importancia de Die Linke estriba por unha parte en ter conseguido crear un espazo á esquerda do todopoderoso SPD forzando agora a este a resituarse no mapa político e, por outra, na posibilidade de que a volta a certos discursos netamente esquerdistas evite no electorado o temor á sombra alongada dos rexímenes derrotados tras a caída do muro de Berlín. No artigo dise: «Así como antes los Verdes habían “ecologizado” la vida política alemana, Die Linke» –segundo Lafontaine– «la ha “resocializado, empujando así la balanza hacia la izquierda”» e segue «Estos avances se han prolongado en la semántica pública. Los periódicos han dejado de mencionar a los “socialmente débiles” para volver a hablar de los “pobres”. Ya no se es sospechoso de ser “envidioso” cuando se pide “justicia”. La “solidaridad” ya no es una mala palabra, y ya no se asimila al “socialismo” con el “estalinismo”. A largo plazo estos logros simbólicos serán probablemente más importantes que algún punto porcentual ganado en las negociaciones salariales». Como vemos, o vello problema lingüístico no que teimaba Lafontaine na entrevista de 2000 está comezando a ser sorteado.

* * * * * *

No número de maio de 2008 de El viejo topo aparece un artigo titulado “El centro que mató a la izquierda” no que se analiza, entre outras cousas, o esboroamento sufrido por Esquerda Unida nas últimas eleccións xerais. No artigo se afirma que o PSOE utilizou a IU para centrarse, isto é, que para o PSOE, contar cun partido á esquerda co que competir electoralmente, non só non resulta un problema senón que lle vén ben á hora de presentarse ante o electorado coma unha organización máis fiable e moderada. Por outra banda, a irrupción do partido de Rosa Díez, UPyD, que se define no seu manifesto fundacional coma un partido “progresista” e que no artigo describen coma “catch all party”, significa a chegada ao mapa político español de alguén (aínda) máis centrado que os socialistas. Ante este panorama cabe augurar que o PSOE deberá facer encaixes de bolillos para, por unha banda, seguir absorbendo o electorado de esquerdas que actualmente o apoia e, por outra banda, non perder de vista o electorado máis tépedo que potencialmente podería ser absorbido por UPyD. Así, a novidade máis importante do sistema político español sería a aparición dun partido que se caracteriza por facer bandeira da recentralización do estado e da clausura de todo o que teña que ver coa profundización autonómica ou federal, evidenciando deste xeito que, neste momento, no estado español a contradicción centro-periferia eclipsa a contradicción esquerda-dereita (se é que estas se poden analizar separadamente). Os que cremos que periferia e esquerda deben ir unidas e que a volta ao centralismo supón un retroceso para o desenvolvemento social, económico e cultural galego, non deberiamos perder de vista os novos cambios semánticos que se poden producir a raíz deste corremento ao centro do mapa político. O cuestionamento no seo de Esquerda Unida do modelo organizativo mantido até o de agora e as propostas de refundación a partir de postulados máis xacobinos (estou a pensar na proposta de Anguita) non son senón a proba de como a inserción daquela nova peza no taboleiro influirá na colocación do resto das pezas. Neste sentido, certos discursos –até o de agora propios da dereita– coma os tendentes a falar de imposición das linguas autonómicas, de asociar palabras coma igualdade e solidariedade –penso no tema da seca no Levante– con certas posicións ideolóxicas máis ben espúreas ou o recente intento de desvincular o nacionalismo español do franquismo buscando as súas raíces na guerra da independencia e na Constitución de Cádiz poderían ser perfectamente adoptados pola esquerda recentralizadora, converténdose así en tentativas, dentro do ámbito estatal, de producir os cambios semánticos que, para outros ámbitos, denunciaba Oskar Lafontaine.

Sem comentários: