11/30/2007

Populismo

Segundo Ernesto Laclau o que chamamos Sociedade non existe porque o antagonismo que lle é inherente supón unha fenda infranqueable que evita poder constituír un todo. O filósofo sostén no seu La razón populista que é a acumulación de demandas insatisfeitas o que xera unha identidade de “pobo” antagónico ao poder. Segundo o arxentino cada unha destas demandas democráticas non satisfeitas vanse acumulando e nun proceso de equivalencias acaban formando canda outras demandas democráticas illadas un todo que el denomina demandas populares. É deste xeito que nace o populismo, fenómeno que en si mesmo o autor non xulga nin bo nin malo, xa que só se pode xulgar negativa ou positivamente o uso que se faga destas demandas por parte do movemento ou líder que as articule politicamente. A semellanza do suxeito lacaniano, o pobo así constituído sería un baleiro catalizador de demandas que se enche de significado na medida en que se baleira.
O sociólogo François Houtart sinalou -nunha conferencia celebrada recentemente en Vigo- como un feito social novo a cristalización desde os comezos dos anos 90 ata os nosos días do que denominou como unha converxencia de resistencias. Esta viría conformándose e crecendo de xeito exponencial a partir das mobilizacións de Seattle, pasando polos foros anti-Davos e seguindo polos Foros Sociais Mundiais celebrados en diferentes lugares do planeta. Segundo Houtart, Latinoamérica sería a día de hoxe o lugar do mundo onde este novo suxeito histórico tería máis posibilidades de madurar e erguer unha alternativa á asoballante omnipresencia neoliberal, xa que para o teólogo belga, os países asiáticos aínda ven no capitalismo unha oportunidade para saíren do atraso, os países africanos terían perdido demasiadas enerxías na tentativa de reconstruíren as súas identidades nacionais tras séculos de colonialismo, os países árabes perciben o capitalismo como unha ameaza de tipo cultural polo que a súa alternativa tamén se centra na loita cultural e de Europa, da sempre agardada Europa, non se pode esperar nada, sinxelamente porque é xunto cos EEUU parte central da economía que abafa ao resto do mundo.
Houtart dixo que o que poderiamos chamar Socialismo do século XXI debería, ademais de aprender dos erros pasados, incorporar catro novos eixos á súa formulación: 1. Basearse nun desenvolvemento sustentable. 2. Incentivar o valor de uso fronte ao valor de cambio. 3. Traballar para que a democracia impregne todos os ámbitos e relacións humanas. 4. Potenciar a interculturalidade.
O vello profesor e integrante do Foro Social Mundial, o mesmo que Ernesto Laclau nesta entrevista, fixo unha defensa vehemente da chamada revolución bolivariana -á que ve camiñar no sentido daqueles catro eixos- ata o punto de preguntarse se baixo este deostado populismo Latinoamericano non estará agromando a anceiada revitalización do pensamento de esquerda tras décadas de noqueamento; e se ben recoñeceu que como todo proceso social complexo, o que está a acontecer en Latinoamérica ten os seus defectos, convidou –botando man dos didácticos conceptos de dentro e fóra- a ser crítico con eles desde o seu interior, é dicir, apostando por eles e tentando melloralos, e non desde o exterior, isto é, dando bazas a unha oposición cuxo currículo é bastante tétrico e que en ningún caso representaría mellora algunha. Permitiranos o noso cómodo escepticismo esta pequena marxe de confianza?

11/26/2007

Capitalismo verde

Jean Paul Sartre afirmaba naquela coñecida conferencia publicada en galego n´A trabe de ouro que o existencialismo é un humanismo. Segundo o filósofo, unha teoría da existencia que incidía na liberdade do ser humano para crear e comprometerse cos seus valores prescindindo de calquera outra instancia supra-terrenal ou transcendente, non podía ser considerada como unha ameaza á posición central que o home ocupou desde sempre no discurso ilustrado; antes ben, esta toma de posición esixía unha maior responsabilidade, xa que os actos de cada ser humano comprometían á humanidade enteira.
Recentemente, Nicolás Sarkozy, o político que parece imitar desde a dereita á Terceira Vía de Blair coa súa capacidade para integrar a xentes vindas da socialdemocracia e para ser gabado por prestixiosos "intelectuais" ex-marxistas (as comiñas son en homenaxe a Vidal-Beneyto, pois se para el dicir intelectual de esquerdas é redundante, dicir intelectual de dereitas só pode ser un oxímoro) esa quintaesencia, en definitiva, da teoría da fin das ideoloxías, anunciaba por un lado que ía sendo hora de aplicar as tesoiras ao sistema de benestar francés e, polo outro, daba un golpe de efecto coas súas medidas para combater o cambio climático.
No estado español, o xesto sarkozyano colleu a Rajoy a contra pé -o noso paisano semella esmerarse sempre en facer todo o posible para perder eleccións- pero, segundo souben por unha entrevista radiofónica, outro paisano noso pertencente ao mundo da empresa, comprendía e asumía sen reticencias as propostas de Sarko: Adolfo Domínguez.
Domínguez, como bo pos-moderno, citou non sei que texto de non sei que xefe indio, onde se describía a decadencia do modo de vida occidental, como unha lectura obrigada para tomar consciencia de que de continuarmos por esta senda de despilfarro, camiñamos cara ningures.
Tras disertar sobre a capacidade das leis do mercado para regulalo todo, Domínguez, sacou da chisteira unha primeira solución conducente a impedir que a neve desapareza por completo das pistas de esquí: posto que as enerxías no estado español están subvencionadas e dado que isto xera unha falsa percepción nos usuarios do costo real das mesmas -incitando a un consumo excesivo- o axeitado sería deixar que o mercado actuase subindo os prezos. Sobra dicir que segmento da poboación acabaría restrinxindo o seu acceso ás fontes enerxéticas e que segmento continuaría consumindo practicamente o mesmo.
Parece ser que o significado da palabra xaponesa judo viría ser camiño da flexibilidade ou camiño da suavidade e que na práctica deste deporte non se trata de vencer ao adversario opoñéndose á súa forza, senón de aproveitarse dela redirixíndoa no teu favor. Esta capacidade para aplacar e instrumentalizar os discursos críticos en beneficio propio é a clave do éxito da economía capitalista. Se un discurso indubidablemente liberador como por exemplo o feminista, foi convenientemente encarreirado para conseguir que aquela metade da poboación non explotada directamente polo capital, entrase tamén no mercado de traballo (e de consumo) certo discurso ecoloxista, está sendo adaptado sen grandes problemas aos intereses das empresas, até o punto de que personaxes como Al Gore son xa os profetas dun novo sector económico: o eco-capitalismo.
Giorgio Agamben, partindo das reflexións de Michel Foucault en torno á biopolítica, acuñou o termo Homo Sacer, para se referir a un novo tipo de suxeito que, seguindo a distinción de Aristóteles entre zoe (a vida natural) e bios (a vida política) se caracteriza por ser tratado desde o poder única e exclusivamente en función da primeira distinción; é dicir, como simple vivinte (como nuda vida, diría Agamben) e non como suxeito político. Se cadra, este homo sacer -o protagonista das múltiples estatísticas sobre esperanza de vida, produción de lixo por habitante, enfermidades xenéticas, posesión de bos ou malos hábitos alimenticios ou de correctas condutas sexuais- sería o suxeito máis acaído para este liberalismo new ager, que parece soñar cun mundo de produción limpa e ilimitada, pero, onde as inxustizas provocadas pola desigualdade entre as persoas continuasen irresolutas.
Así pois, o home non sería máis que outra especie á que salvar do perigo de extinción e non o posuidor daquela dignidade intrínseca que a Declaración dos Dereitos Humanos de 1948 nos recoñecía a todos, ou, para dicilo ao modo sartreano: o home sería o convidado de pedra dun ecoloxismo ao que se lle extirpou o seu carácter máis xenuíno e revolucionario, é dicir, o seu humanismo.

11/15/2007

Europa e os bárbaros

O filme Les invasions barbares, Denys Arcand (2003) comeza cun longo percorrido da cámara polos corredores ateigados de camas dun hospital público no Quebec. Ao instante caemos na conta de que o outrora sólido sistema de seguridade social presenta un estado lamentable, onde a falta de recursos, a burocracia, e un sindicalismo corrupto e inútil só contribúen a unha maior deterioración.
E malia todo, Rémy –o enfermo terminal que protagoniza a fita– négase, por fidelidade aos seus principios, a abandonar o seu país cara a un centro privado situado ao outro lado da fronteira sur, nos Estados Unidos. Por mediación do seu fillo, el e os seus amigos acaban reunidos nunha casa á beira dun lago para pasar xuntos as derradeiras horas antes da súa eutanasia. Con humor e complicidade, este fato heteroxéneo de burgueses progres, fan repaso dos ismos nos que foron acreditando durante a súa xuventude: fomos existencialistas, marxistas, feministas, trostkistas, maoístas, estruturalistas... Naturalmente din fomos. Porque na época da fin das ideoloxías, só se poden volver pronunciar estas palabras sen ser acusado de calquera burrada cunha copa de viño no corpo e ante xente de confianza.
Nunha selección de conferencias do ano 2000 Pierre Bourdieu di:
A Europa é fundamentalmente ambígua, de uma ambiguidade que tende a dissipar-se quando a consideramos numa perspectiva dinâmica: há, por um lado, uma Europa autónoma frente às forças económicas e políticas dominantes e capaz, nessa qualidade, de desempenhar um papel político à escala mundial; há, por outro lado, a Europa ligada por uma espécie de união aduaneira com os Estados Unidos e votada, por esse facto, a um destino análogo ao do Canadá, quer dizer, a ser progressivamente desapossada de toda a independência económica e cultural relativamente à potência dominante. De facto, a Europa verdadeiramente europeia funciona como un logro dissimulando a Europa euro-americana que se perfila e que ela facilita, obtendo a adesão daqueles que esperam o oposto perfeito daquilo que ela faz e daquilo em que está a tornar-se.
Avisa Bourdieu de como a Europa ilustrada está sendo comida, moitas veces co seu beneplácito pola Europa do capital, pero faino deixando unha última raiola de esperanza (desde o momento en que esa Europa lúcida aínda non é dada por morta) confiando en virar as tornas e que o noso continente consiga xogar un papel diferente no concerto mundial. Tamén en Susan George e mais recentemente en Sloterdijk puiden atopar esa esperanza in extremis: Europa debe, porque pode, erixirse como dique de contención contra as nefastas políticas neoliberais.
Pero existe realmente esa Europa alternativa?
No recente affair Juan Carlos vs Chávez o que máis me chamou a atención foi a reacción inmediata dos medios españois –cos seus columnistas e opinadores á fronte– e sobre todo a conclusión que, mais ou menos suxerida, todos debiamos sacar do que acontecera: O rei, cunha lacónica e expresiva frase e coa digna retirada da sala, foi quen mellor defendeu os intereses das institucións e, sobre todo, das empresas españolas, ergo, o rei foi quen mellor defendeu os intereses de España.
Pero, desde cando pode un rei facer política nunha monarquía parlamentar? Desde cando os intereses de empresas que teñen a gala levar o apelido de multinacionais coinciden cos intereses de España? U-la España autónoma frente às forças económicas e políticas dominantes? Onde está esa España verdadeiramente europeia que se negue a rir as grazas dun rei que gosta exercer de bufón?
Vólvome preguntar, en definitiva, se existe realmente esa Europa –e esa España– remisa a deixarse fagocitar, como o Canadá, polo bulldozer capitalista; ou se Europa, o mesmo que todos aqueles ismos balorentos e desprestixiados, é só unha idea do pasado, nun presente que presume de non necesitar ideoloxías.

11/08/2007

A mirada perdida

De rapaz, nun corredor da casa da aldea, penduraba unha fotografía impresa en plástico groso, na que aparecían uns peixes de cores e o fondo dun mar tropical. A peculiaridade daquel obxecto –posiblemente traído polos meus avós da emigración venezolana– era que en función de onde te situases, xurdían máis ou menos peixes e até semellaba que as rochas e a vexetación se arrolasen ao compás das correntes mariñas.
Gustábame ver aquel caribe en miniatura e desque descubrín o seu segredo, non podía evitar bascular levemente a miña cabeza, co fin de experimentar unha e outra vez o marabilloso efecto animado.
Moito tempo despois, cando en Galiza se fixeron tan comúns os bazares chineses coma os canastros de tixolo, volvín ver nun escaparate unha daquelas fotografías móbiles. Desta volta, un Cristo de aspecto nórdico abría ou pechaba os ollos segundo te colocases mais á dereita ou máis á esquerda.
O achado foi traumático. De xeito súbito, comparei a sincera ensoñación que produciran na miña imaxinación infantil os peixes tropicais co riso malévolo e a mirada despectiva que facía nacer en min este nazareno pestanexador.
O paleontólogo S.J. Gould no seu La montaña de almejas de Leonardo, explica como algo tan aparentemente irrelevante coma a popularización dos acuarios domésticos, moda durante a época Victoriana, cambiou para sempre o xeito en que os científicos representaron e ilustraron os fondos mariños nos seus estudos.
Conta Gould que na época de transición de mediados do s. XIX se pasou de representar –cun candor que agora nos produce tenrura– a fauna mariña nadando na superficie das augas case coma se flotasen no ar ou a facelo directamente fóra das augas como se as criaturas posasen durante uns minutos fóra do seu medio para ser inmortalizadas, a debuxalas coa perspectiva en que se miraría se nos situásemos no interior do mar, curiosamente, tal e como se ven os peixes a través dos cristais dun acuario.
Sérvelle esta anécdota a Gould para mostrar como a en teoría “natural”, “obxectiva” “obvia” e “precisa” maneira en que a ciencia, e polo tanto, o ser humano, se conta a si mesma a realidade varía tamén na historia e depende de contextos sociais e das
interaccións de mente e ambiente que definen a posibilidade de mellora humana.
Esta é a irreversibilidade inherente a cada nova faceta de coñecemento. Saber sobre algo é perder para sempre aquel estadio que a posteriori chamamos ignorancia (no caso dos peixiños de cores chamariámolo inocencia: algo no que, coma o cabelo, só reparas cando o estás a perder) pero que previamente definiamos cunha palabra tan pouco pretenciosa como normalidade.