Jean Paul Sartre afirmaba naquela coñecida conferencia publicada en galego n´A trabe de ouro que o existencialismo é un humanismo. Segundo o filósofo, unha teoría da existencia que incidía na liberdade do ser humano para crear e comprometerse cos seus valores prescindindo de calquera outra instancia supra-terrenal ou transcendente, non podía ser considerada como unha ameaza á posición central que o home ocupou desde sempre no discurso ilustrado; antes ben, esta toma de posición esixía unha maior responsabilidade, xa que os actos de cada ser humano comprometían á humanidade enteira.
Recentemente, Nicolás Sarkozy, o político que parece imitar desde a dereita á Terceira Vía de Blair coa súa capacidade para integrar a xentes vindas da socialdemocracia e para ser gabado por prestixiosos "intelectuais" ex-marxistas (as comiñas son en homenaxe a Vidal-Beneyto, pois se para el dicir intelectual de esquerdas é redundante, dicir intelectual de dereitas só pode ser un oxímoro) esa quintaesencia, en definitiva, da teoría da fin das ideoloxías, anunciaba por un lado que ía sendo hora de aplicar as tesoiras ao sistema de benestar francés e, polo outro, daba un golpe de efecto coas súas medidas para combater o cambio climático.
No estado español, o xesto sarkozyano colleu a Rajoy a contra pé -o noso paisano semella esmerarse sempre en facer todo o posible para perder eleccións- pero, segundo souben por unha entrevista radiofónica, outro paisano noso pertencente ao mundo da empresa, comprendía e asumía sen reticencias as propostas de Sarko: Adolfo Domínguez.
Domínguez, como bo pos-moderno, citou non sei que texto de non sei que xefe indio, onde se describía a decadencia do modo de vida occidental, como unha lectura obrigada para tomar consciencia de que de continuarmos por esta senda de despilfarro, camiñamos cara ningures.
Tras disertar sobre a capacidade das leis do mercado para regulalo todo, Domínguez, sacou da chisteira unha primeira solución conducente a impedir que a neve desapareza por completo das pistas de esquí: posto que as enerxías no estado español están subvencionadas e dado que isto xera unha falsa percepción nos usuarios do costo real das mesmas -incitando a un consumo excesivo- o axeitado sería deixar que o mercado actuase subindo os prezos. Sobra dicir que segmento da poboación acabaría restrinxindo o seu acceso ás fontes enerxéticas e que segmento continuaría consumindo practicamente o mesmo.
Parece ser que o significado da palabra xaponesa judo viría ser camiño da flexibilidade ou camiño da suavidade e que na práctica deste deporte non se trata de vencer ao adversario opoñéndose á súa forza, senón de aproveitarse dela redirixíndoa no teu favor. Esta capacidade para aplacar e instrumentalizar os discursos críticos en beneficio propio é a clave do éxito da economía capitalista. Se un discurso indubidablemente liberador como por exemplo o feminista, foi convenientemente encarreirado para conseguir que aquela metade da poboación non explotada directamente polo capital, entrase tamén no mercado de traballo (e de consumo) certo discurso ecoloxista, está sendo adaptado sen grandes problemas aos intereses das empresas, até o punto de que personaxes como Al Gore son xa os profetas dun novo sector económico: o eco-capitalismo.
Giorgio Agamben, partindo das reflexións de Michel Foucault en torno á biopolítica, acuñou o termo Homo Sacer, para se referir a un novo tipo de suxeito que, seguindo a distinción de Aristóteles entre zoe (a vida natural) e bios (a vida política) se caracteriza por ser tratado desde o poder única e exclusivamente en función da primeira distinción; é dicir, como simple vivinte (como nuda vida, diría Agamben) e non como suxeito político. Se cadra, este homo sacer -o protagonista das múltiples estatísticas sobre esperanza de vida, produción de lixo por habitante, enfermidades xenéticas, posesión de bos ou malos hábitos alimenticios ou de correctas condutas sexuais- sería o suxeito máis acaído para este liberalismo new ager, que parece soñar cun mundo de produción limpa e ilimitada, pero, onde as inxustizas provocadas pola desigualdade entre as persoas continuasen irresolutas.
Así pois, o home non sería máis que outra especie á que salvar do perigo de extinción e non o posuidor daquela dignidade intrínseca que a Declaración dos Dereitos Humanos de 1948 nos recoñecía a todos, ou, para dicilo ao modo sartreano: o home sería o convidado de pedra dun ecoloxismo ao que se lle extirpou o seu carácter máis xenuíno e revolucionario, é dicir, o seu humanismo.
Sem comentários:
Enviar um comentário