11/15/2007

Europa e os bárbaros

O filme Les invasions barbares, Denys Arcand (2003) comeza cun longo percorrido da cámara polos corredores ateigados de camas dun hospital público no Quebec. Ao instante caemos na conta de que o outrora sólido sistema de seguridade social presenta un estado lamentable, onde a falta de recursos, a burocracia, e un sindicalismo corrupto e inútil só contribúen a unha maior deterioración.
E malia todo, Rémy –o enfermo terminal que protagoniza a fita– négase, por fidelidade aos seus principios, a abandonar o seu país cara a un centro privado situado ao outro lado da fronteira sur, nos Estados Unidos. Por mediación do seu fillo, el e os seus amigos acaban reunidos nunha casa á beira dun lago para pasar xuntos as derradeiras horas antes da súa eutanasia. Con humor e complicidade, este fato heteroxéneo de burgueses progres, fan repaso dos ismos nos que foron acreditando durante a súa xuventude: fomos existencialistas, marxistas, feministas, trostkistas, maoístas, estruturalistas... Naturalmente din fomos. Porque na época da fin das ideoloxías, só se poden volver pronunciar estas palabras sen ser acusado de calquera burrada cunha copa de viño no corpo e ante xente de confianza.
Nunha selección de conferencias do ano 2000 Pierre Bourdieu di:
A Europa é fundamentalmente ambígua, de uma ambiguidade que tende a dissipar-se quando a consideramos numa perspectiva dinâmica: há, por um lado, uma Europa autónoma frente às forças económicas e políticas dominantes e capaz, nessa qualidade, de desempenhar um papel político à escala mundial; há, por outro lado, a Europa ligada por uma espécie de união aduaneira com os Estados Unidos e votada, por esse facto, a um destino análogo ao do Canadá, quer dizer, a ser progressivamente desapossada de toda a independência económica e cultural relativamente à potência dominante. De facto, a Europa verdadeiramente europeia funciona como un logro dissimulando a Europa euro-americana que se perfila e que ela facilita, obtendo a adesão daqueles que esperam o oposto perfeito daquilo que ela faz e daquilo em que está a tornar-se.
Avisa Bourdieu de como a Europa ilustrada está sendo comida, moitas veces co seu beneplácito pola Europa do capital, pero faino deixando unha última raiola de esperanza (desde o momento en que esa Europa lúcida aínda non é dada por morta) confiando en virar as tornas e que o noso continente consiga xogar un papel diferente no concerto mundial. Tamén en Susan George e mais recentemente en Sloterdijk puiden atopar esa esperanza in extremis: Europa debe, porque pode, erixirse como dique de contención contra as nefastas políticas neoliberais.
Pero existe realmente esa Europa alternativa?
No recente affair Juan Carlos vs Chávez o que máis me chamou a atención foi a reacción inmediata dos medios españois –cos seus columnistas e opinadores á fronte– e sobre todo a conclusión que, mais ou menos suxerida, todos debiamos sacar do que acontecera: O rei, cunha lacónica e expresiva frase e coa digna retirada da sala, foi quen mellor defendeu os intereses das institucións e, sobre todo, das empresas españolas, ergo, o rei foi quen mellor defendeu os intereses de España.
Pero, desde cando pode un rei facer política nunha monarquía parlamentar? Desde cando os intereses de empresas que teñen a gala levar o apelido de multinacionais coinciden cos intereses de España? U-la España autónoma frente às forças económicas e políticas dominantes? Onde está esa España verdadeiramente europeia que se negue a rir as grazas dun rei que gosta exercer de bufón?
Vólvome preguntar, en definitiva, se existe realmente esa Europa –e esa España– remisa a deixarse fagocitar, como o Canadá, polo bulldozer capitalista; ou se Europa, o mesmo que todos aqueles ismos balorentos e desprestixiados, é só unha idea do pasado, nun presente que presume de non necesitar ideoloxías.

2 comentários:

miriño disse...

Gustoume moito a película cando a fun ver ao cine. É o mesmo reparto e o mesmo director da película O declive do imperio americano, do ano 1986. En realidade son os mesmos personaxes. Quixen vela, mais non a conseguín por ningures, non a terás ti?

O que máis me chama a atención do rifi-rafe por qué no te callas? é como se pode pasar de dúas persoas maleducadas a falar de indignación, respeto, dignidade, desprecio, etc, etc, dos pobos e dos gobernos...

Ata o carallo (o 29) estou de tanto mangoneo mediático...

O Fuco disse...

Eu tamén ando á procura desa peli, pero ainda non a topei indo polos cauces legais, se cadra na rede...