9/23/2007

Sobrevoando

Se o terremoto de Lisboa de 1775 fixo tomar consciencia ao home moderno do lonxe que se encontraban os asuntos humanos da inmensidade cósmica, a existencia dos campos de concentración nazis, ademáis de se tratar dunha experiencia forte demáis como para pretender ser explicada, deixou en evidencia que o mal era un asunto tan banal –en expresión de Hanna Arendt- que ata o home máis normal, representado na figura do oficial alemán Adolf Eichmann, sería capaz de pór en marcha os fornos crematorios antes de ir cear coa súa familia. Este foi o golpe de graza á confianza no proxecto humanista e ilustrado e tamén a morte definitiva de Deus.
Leo en Miedo Líquido de Zygmunt Bauman, a diagnose dunha época, a da globalización negativa, onde estas incertidumes herdadas e a falta de solidez dunha realidade que nos abafa, provoca que o medo, antes moito máis delimitado e manexable, se volva ubicuo e dobremente ameazador. Tememos ás catástrofes naturais, ás epidemias, ao caos financieiro, ao terrorismo internacional, ao inmigrante, ao marxinal, mesmo a ese veciño demasiado normal coma para non ser sospeitoso de algo. Temos medo ao Gran Outro caótico que é a natureza e a esa segunda natureza autónoma en que se está a converter a economía capitalista, tememos ao Outro lonxano, e máis ao Outro próximo. Dito doutro xeito: temémonos a nós mesmos.
A mensaxe é clara, posto que non sabemos ben de quen debemos desconfiar, desconfiemos de todos. Ou mellor, odiémolos-odiémonos todos.
Leo en El arte de amar de Erich Fromm, o antídoto contra esta situación: o home para sair do estado de angustia que provoca a separatidade, debe aprender a dar. O amor, non é tanto algo que se adquire unha vez coñecemos á persoa amada, como unha facultade que ten o home, unha actitude ante a vida e un xeito de encarar todo o que nos circunda: É ofrecerse ao mundo sen perder a propia integridade.
Adorno dixo que despois de Auschwitz non se podía volver escribir poesía, poren, os libros de poesía séguense editando: Lin estos días a traducción ao castelán de Compañero del viento de Abbas Kiarostami, onde o director iraniano semella querer volver ao comezo das cousas, á sixeleza primixenia -tamén no minimalismo formal dos poemas- do puro acontecer, á poesía que permanece intacta, se se quere ver, no devir espido dos acontecementos.
O home nas instantaneas de Kiarostami é visto de xeito compasivo pero despersonalizado: un viejo monje/ desayuna a solas,/ el sonido de la tetera hirviendo, a natureza é simplemente aceptada e disfrutada no seu sensentido la mariposa gira en torno a sí misma/sin meta/ bajo el suave sol de primavera.
E é que cando morre o home e morre Deus só nos queda a mera vida, o simple suceder. Se ben narrar o devir xa é contextualizalo e en certa forma humanizalo, e ainda que semella imposible ver o mundo desde fóra sen deixar algo de nós mesmos polo camiño, ás veces penso que desexaría ser coma Robert Mitchun en Night of the hunter: disfrutar da seguridade que outorga ter escritas en cada man as palabras amor e odio, e saber utilizar cada unha delas no momento preciso. Ou, ver a vida sempre desde arriba, nun continuo plano picado.
Este sobrevoar sen mollarse ten tamén os seus riscos, por iso unha vez escribín –quen non compón algún que outro verso despois de Auschwitz?- que de tanto elevarme por enriba das cousas, vou acabar abrindo a cabeza, contra o ceo.

9/10/2007

Dúas epopeas e un poema

D´altri diluvi una colomba ascolto
Giuseppe Ungaretti


Hai máis de 4000 anos alguén escribiu unha epopea que ainda hoxe nos conmove: Trátase da historia dun rei semidivino chamado Gilgamesh e do seu amigo da alma Enkidu. Nela se relata como os heroes matan ao Touro das tempestades enviado pola deusa Innana tras ser rexeitada por Gilgamesh. Os deuses, encolerizados, deciden que Enkidu debe morrer. Gilgamesh, tomando consciencia da súa propia mortalidade, chora con desespero o falecemento do seu camarada igual que o faría Auden naquel seu poema de laio hiperbólico (de vello se sabe que a esaxeración das plañideiras axudaba na superación da dor) en que exixía apagar as estrelas, empacotar a lúa, desmantelar o sol, derramar o océano e varrer o bosque, pois despois da morte do seu amigo todo semellaba non servir para nada.
Gilgamesh, agora en solitario, visitará a Utnapishtim —antecedente de Noé, constructor dun barco, salvador dunha parella de cada especie, sobrevivinte a un grande diluvio, emisario dunha pomba— coa fin de que lle desvele o segredo da inmortalidade. Utnapishtim móstrase remiso, e só ao final lle confesa un segredo: No fondo do mar está a pranta que devolve a xuventude.
Gilgamesh atopará a pranta pero unha serpe —tamén aquí unha serpe— lla roubará, relegándoo para sempre á súa condición perecedeira.
Máis de 4000 anos despois, José Manuel Ciria —pódese ver a súa exposición no CC Caixanova— recrea a historia sumeria en lenzos de gran formato, mediante abstracións de trazo expresivo, xesto violento —pois violenta é toda xénese e o de Gilgamesh considérase o primeiro texto da humanidade— e luz tan intensa que acada unha tridimensionalidade impactante.
Hoxe, na época en que resulta pretencioso —e mesmo obxecto de burla— contar o mundo a través das grandes narracións, acudimos aos museos —lugares que a duras penas conseguen aillar, de entre os claxons dos coches e o rebulir dos asiduos ás rebaixas, un espazo para o sagrado— na procura da aura que Benjamin atribuiu aos obxectos e que Duchamp descubriu no mesmo espazo expositivo. O colapso típico do noso tempo faise ainda máis evidente, cando Piero Manzoni envasa e expón a súa propia merda baixo o título de “Merda de artista”, quebrando o carácter sagrado do espazo arquitectónico museístico e contribuindo a que o zafio, o vulgar, o brutalmente material lle segue os pés ao sublime ata deixalo e deixarnos baleiros e unidimensionais.
E porén, ainda hai epopeas que merecen ser relatadas, ser contextualizadas e ser inseridas nunha cadea de sentido. O ser humano segue viaxando coa fin de calmar as súas ansias. Ainda hai persoas que se botan ao mar como hai máis de 4000 anos, procurando non tanto a inmortalidade como a fuxida dunha mortandade á que se lle pode sentir de perto o fedor do bafo.
Hai uns días, un grupo de homes novos afogaron a escasos 20 metros da costa canaria despois de que o patrón os obrigase a desembarcar. A maioría dos integrantes deste patético Medusa non sabía nadar. Ainda que semelle ridículo, eu tamén os chorei coma Auden chorou polo seu amigo; por iso, igual que Utnapishtim, dende aquí tento contribuir, dentro das miñas posibilidades, a facelos inmortais. E indígnome non coa carraxe apolítica dun Voltaire maldecindo á natureza tralo terremoto de Lisboa. Indígnome cun sistema que se sinte cómodo enzoufándose en sangue. Indígnome apuntando (co dedo) a esa parte da humanidade que permite, podendo evitalas, que estas traxedias sen ensinanza, acontezan.

9/03/2007

Caos e Orde


I


Caótica Ana: Unha pomba defeca na cabeza dun falcón e éste esnaquízaa caéndolle en picado a máis de 300 kilómetros por hora. Esta pomba –un espíritu santo– é Ana.
Ana é tamén unha rapaza que vive co seu pai –home grande e sabio ao que alcuma cariñosamente O Monstro– nunha cova (ou nun útero) chea de portas pintadas. Ana ten un don: abrindo esas portas –os caixóns de Salvador Dalí– pode experimentar en carne propia o sufrimento e a opresión de diversas mulleres en épocas e lugares moi afastados do presente. Ana padece, coma un Cristo feminino –pois tamén Deus era en certa forma un sabio grandón e monstruoso– para redimir a aquelas mulleres (as nais dos homes bos) aos que falcóns, ou voitres, lles triparon e esparexeron a carne para evitar que as súas almas regresasen.


II


Bryan Sykes –profesor de xenética humana na Universidade de Oxford– sostén que a actual poboación europea provén na súa totalidade de sete clans femininos. Partindo de Úrsula hai uns 45000 anos ata Jasmine, hai uns 8500, Sykes atreveuse a bautizar a cada unha das integrantes do noso acervo xenético tras estudar o ADN mitocondrial –ADN que só se transmite por vía materna– de miles de persoas do noso continente.

Ainda que ningunha das sete Evas de Sykes se chama Ana, todos nós, somos un pouco como ela: vasos comunicantes entre as mulleres que virán e as que nos precederon e nos habitan.
Ou parafraseando a José Hierro: Somos a chama que crepita entre a madeira e a cinza.


III


Hai veces


en que a ciencia parece un conto.



IV


Universo fractal: Hipnotizados asistimos á vida dunha rapaza que hipnotizada, asiste á vida doutras rapazas.
Medem quere que nos concentremos: a película está estructurada en capítulos numerados coma nunha conta a atrás que nos deixará en estado de trance.
Somos testigos da vida de Ana, para dar sentido ao seu pracer cando fai o amor con Said e para dar sentido á súa dor, cando sofre o castigo por defecar enriba dun neocón americano.
Semella coma se o director quixese topar un patrón, achar a orde oculta no devir dos acontecementos: Un porqué que o convenza de que as cousas boas e malas que nos suceden, non son inútiles.

V

Ian Stewart, profesor de matemáticas na universidade de Warwick, sostén que unha liña costeira é un bo exemplo de fractal que existe en forma natural. Os mapas de liñas costeiras, debuxados en diferentes escalas, mostran todos unha distribución similar de baías e promontorios. Cada baía ten as súas propias baías e promontorios máis pequenos, que á súa vez teñen outros e así sucesivamente. Un cacho minúsculo de liña costeira, ampliado dez veces ainda parece unha liña costeira.

O amplo berro de dor da saharaui, da bagdadí ou da india, segue sendo, hoxe en día, igual de desgarrador que hai séculos. Non hai dores, hai, a dor.

O profesor define esta idea do seguinte xeito:
Autosimilitude.


VI


Querer que a nosa vida sexa unha liña de costa:

Matemática. Útil.

Un chanzo non continxente inserido nun universo

tan arbitrario e cruel

como unha borrasca.