11/30/2007

Populismo

Segundo Ernesto Laclau o que chamamos Sociedade non existe porque o antagonismo que lle é inherente supón unha fenda infranqueable que evita poder constituír un todo. O filósofo sostén no seu La razón populista que é a acumulación de demandas insatisfeitas o que xera unha identidade de “pobo” antagónico ao poder. Segundo o arxentino cada unha destas demandas democráticas non satisfeitas vanse acumulando e nun proceso de equivalencias acaban formando canda outras demandas democráticas illadas un todo que el denomina demandas populares. É deste xeito que nace o populismo, fenómeno que en si mesmo o autor non xulga nin bo nin malo, xa que só se pode xulgar negativa ou positivamente o uso que se faga destas demandas por parte do movemento ou líder que as articule politicamente. A semellanza do suxeito lacaniano, o pobo así constituído sería un baleiro catalizador de demandas que se enche de significado na medida en que se baleira.
O sociólogo François Houtart sinalou -nunha conferencia celebrada recentemente en Vigo- como un feito social novo a cristalización desde os comezos dos anos 90 ata os nosos días do que denominou como unha converxencia de resistencias. Esta viría conformándose e crecendo de xeito exponencial a partir das mobilizacións de Seattle, pasando polos foros anti-Davos e seguindo polos Foros Sociais Mundiais celebrados en diferentes lugares do planeta. Segundo Houtart, Latinoamérica sería a día de hoxe o lugar do mundo onde este novo suxeito histórico tería máis posibilidades de madurar e erguer unha alternativa á asoballante omnipresencia neoliberal, xa que para o teólogo belga, os países asiáticos aínda ven no capitalismo unha oportunidade para saíren do atraso, os países africanos terían perdido demasiadas enerxías na tentativa de reconstruíren as súas identidades nacionais tras séculos de colonialismo, os países árabes perciben o capitalismo como unha ameaza de tipo cultural polo que a súa alternativa tamén se centra na loita cultural e de Europa, da sempre agardada Europa, non se pode esperar nada, sinxelamente porque é xunto cos EEUU parte central da economía que abafa ao resto do mundo.
Houtart dixo que o que poderiamos chamar Socialismo do século XXI debería, ademais de aprender dos erros pasados, incorporar catro novos eixos á súa formulación: 1. Basearse nun desenvolvemento sustentable. 2. Incentivar o valor de uso fronte ao valor de cambio. 3. Traballar para que a democracia impregne todos os ámbitos e relacións humanas. 4. Potenciar a interculturalidade.
O vello profesor e integrante do Foro Social Mundial, o mesmo que Ernesto Laclau nesta entrevista, fixo unha defensa vehemente da chamada revolución bolivariana -á que ve camiñar no sentido daqueles catro eixos- ata o punto de preguntarse se baixo este deostado populismo Latinoamericano non estará agromando a anceiada revitalización do pensamento de esquerda tras décadas de noqueamento; e se ben recoñeceu que como todo proceso social complexo, o que está a acontecer en Latinoamérica ten os seus defectos, convidou –botando man dos didácticos conceptos de dentro e fóra- a ser crítico con eles desde o seu interior, é dicir, apostando por eles e tentando melloralos, e non desde o exterior, isto é, dando bazas a unha oposición cuxo currículo é bastante tétrico e que en ningún caso representaría mellora algunha. Permitiranos o noso cómodo escepticismo esta pequena marxe de confianza?

8 comentários:

miriño disse...

ummmm... as charlas de bocata dan para moito...

Non penso entrar máis ao trapo da comodidade. Non se trata de escepticismo (que tamén, pero co ser humano, en xeral) se non de 'ser' crítico. Ser e estar. Nada que se apoie incondicionalmente chega a bó porto. A historia demostra ademáis que é perigoso.

Criticar ao adversario é fácil, moi fácil, diría que ata "demasiado" fácil. Criticar, intentando ser constructivo, resulta máis difícil. Non se queren dar argumentos ao adversario.

Desta forma non existe oposición válida nin constructiva. Así nos vai. A metade desfacendo o que intenta facer a outra metade.

A única oposición válida entón é a que se fai dende dentro. É outra opción, non che parece?

Pero como as opinións son coma os cús...

En canto ao populismo. Non é bó nin malo... sempre e cando coincida coa "miña" opinión, se non é malísima...

O PP utilizou, abusou (e sigue facéndoo) do populismo, pero nese caso resultarache pésimo...

De tódalas formas, deume moito que pensar... tal vez eu sexa moi cómodo na miña burbulla de cristal na que aparentemente non caso con ninguén. Tal vez non pertencer a ningún colectivo político encasillado sexa tomado como non compremetedor. Tal vez sexa máis fácil criticar que facer. Serei un ser pasivo entón. Mais hai algo que me di que esta forma de pensar e tratar de procurar a outra visión é a mesma que no seu momento expulsou da miña cabeza a idea de Deus desde o pensamento intelectual. Tal vez estea fuxindo dos dogmas de fe.

Pd. Non quería entrar de novo, non quería discutir máis sobre isto, non quería... :p

Pd2. Votaron que non. Como en Francia. Será o mesmo nivel de democracia?

O Fuco disse...

Tratar de ver posibles bondades en certos populismos é unha idea de Laclau que eu expoño aquí co ánimo de reflexionar sobre o tema. E que é o que fai que un populismo sexa bo? Non a postura narcisista de que coincida coa "miña" idea, como ti dis. Para Laclau, e neste caso tamén para min, un populismo podería ser considerado "bo" (aínda que falar nestes termos é simplificar demais) sempre e cando poida xerar transformacións reais nas condicións de vida dos de abaixo. Ou isto é algo malo para ti? Neste sentido, é bo o chamado populismo de Chávez, ou de Morales, ou mesmo de Kirchner? Hai elementos -logros concretos no que se refire a un reparto máis equitativos dos recursos do país entre as capas máis desfavorecidas-que indican que podería selo. Teñen estes populismos cousas criticables? Probablemente moitas pero, sempre chega un momento en que hai que decidir, en que hai que aparcar a eterna cadea de crítica -que moitas veces non son máis que disculpas para continuar co status quo- e lanzarse -Slavoj Zizek usando a Lacan diría proceder a un pasage à l'acte- á acción: Escoller entre aquelas alternativas que existen ou que loitan por existir, non entre ese ideal perfecto e inmaculado que coma Godot, nunca vai chegar.

miriño disse...

Vou ao concreto:

Creo que está ben este revés no referendum de Venezuela. Chávez dase conta que non é chegar e xa está. Os seus seguidores agora teñen que traballar por unha revolución chavista que a partir do 2013 non contará con Chávez como cabeza primeira. A revolución está por riba de determinadas personalidades. Así é como creo que deben traballar. Deixar todo en mans dunha soa persoa e deixar que pensen por ti non creo que sexa a mellor solución. Se a revolución é para o pobo que a faga o pobo. Neste sentido ocorreron moitas cousas dende o non do referendum. Ata a oposición venezolana tende a man para activar certas propostas sociais que resultan interesantes na idea da reforma de Chávez.

Tamén os socialistas chavistas se deron conta de que non se pode basar todo nun pedestal, e xa andan a falar do sistema que se sosteña sen Chávez.

O populismo non debe enmascarar ansias de poder.

Paréceme moi ben que non se deixe a reelección indefinida. É verdade que en Europa existe, e tamén é verdade que penso que non debería existir.

Non sei por que a crítica constructiva non é acción. A acción tamén é dar ideas, tamén é ver o que está mal para corrixilo.

A pesares de gustarme as reformas plantexadas para a consitución, gústame este non, que a todos fai pensar e reflexionar.

O simple apoio incondicional non serve, non é útil, non leva a revolucións realmente válidas. Non sería máis que un rebaño mellor ou peor levado.

Non se trata da polarización do perfecto, pero si de buscar o mellor. Conformarse por tomar partido por unha oposición é deixar que pensen por ti.

Que todos estes líderes consigan logros positivos non é suficiente (creo que nunca o é) para darlles carta branca.

Como dicía Antón Reixa: Estamos en guerra, pero hai que reflexionar.

Non é malo para min que se consigan melloras das condicións de vida dos máis desfavorecidos. Non me parece bó que se deixe facer, que se deixe de pensar, só e porque o outro é aínda peor. Non é máis que conformarse co malo coñecido ante o bó por coñecer. Penso que se hai posibilidades de facelo mellor, por que non facelo? É máis, por que non dicilo?

O Fuco disse...

É difícil saber se o non ao referendo será bo ou malo en termos absolutos. Se cadra teñas razón e este parón sirva para pulir os excesos personalistas de Chávez, pero non todo reparo feito en nome de certa actitude crítica ten por que ser necesariamente bo. Do mesmo xeito, é difícil saber se un si acabaría sendo bo ou malo sinxelamente porque a realidade é dialéctica, non lineal, de aí que haxa que partir en calquera proceso dunha mínima confianza ou compromiso acrítico e ver que pasa (isto se de verdade se queren provocar cambios reais). Se observamos a chamada revolución bolivariana desde un punto de vista optimista ou esperanzado, o non so pode significar un paso atrás e novos argumentos para unha oposición que representa todo o contrario a un modelo de xustiza social. Sobre o "da metade que desfai o que fai a outra metade" dicir que nunha sociedade onde os intereses de certas clases son contrapostos aos das outras (porque na miña opinión en Venezuela, e non só aí, hai loita de clases) que suceda iso é inevitable e mesmo desexable. En temas como o do reparto da riqueza non existen dúas verdades, ou se aposta por un modelo ou se aposta polo outro, todo o demais é concebir a sociedade de xeito orgánico como facían por exemplo os fascismos europeos (e como fan en moitas ocasións os nacionalismos) ou concebila ao xeito socialdemócrata: crendo que é posible a reconciliación e a convivencia harmónica das clases mediante a aplicación de políticas sociais de reparto. Sobra dicir que para o darwinismo neoliberal imperante ata o tímido modelo socialdemócrata é considerado unha ameaza que antepón o benestar colectivo (é dicir o dos perdedores) fronte ao individuo que destaca e que triunfa por si mesmo. É por iso que están -mentras nós nos recreamos en debatir se Chávez é ou non un tipo con boa educación- a desmontar tixolo a tixolo, todos os logros do chamado Estado do Benestar.

miriño disse...

Non creo que o non á reforma da constitución sexa un paso atrás da revolución bolivariana. Toda constitución debería ser un limitador de poder, como utilicen e lexislen despois os políticos depende da política que queiran levar.

Unha constitución pode dicir que a libertade é un dereito, ou que todo cidadán ten dereito a unha vivenda digna. Isto non é máis que un principio básico que despois será aplicado polo político que teña o poder en cada caso. Fará as leis necesarias para levar a cabo o que entenden na súa interpretación dos dereitos básicos.

O dereito a unha vivenda digna pode ser interpretado como a creación de vivendas de menor coste de protección oficial, ou pode ser interpretado como unha mellora salarial para que cadaquén poida mercar a súa vivenda, ou pode ser creando unha rede de vivendas sociais nas que aloxar á xente con menos recursos... pode ser interpretado de moitas maneiras, só está na vontade dos políticos de poder conseguilo de maneira que non se afundan outros sectores da economía do estado.

Só por poñer un exemplo. Na reforma da constitución venezolana incluíanse moitos dereitos sociais nos que por exemplo dicíase que a xornada laboral fose de 6 horas diarias para que a xente poidese desenrolarse como persoas. Isto pode provocar unicamente que os contratos laborais recollan ese número de horas no papel. Na realidade é outra cousa. Isto sucede aquí perfectamente, onde as horas traballadas, as horas cotizadas e as horas remuneradas non coinciden en moitos dos casos.

A constitución deber ser unha recolla dos dereitos fundamentais das persoas e debe ser unha limitación ao poder da xente que nos goberna.

Volvo aquí. Suponse que os poderes están separados, suponse que todos son democráticos, pero o tribunal constitucional ten problemas para establecerse porque PP e PSOE están empatados e recúsanse mútuamente. Non era este un poder separado e independiente? O mesmo ocorre cos medios de comunicación e cargos públicos.

Chávez pode aplicar todas as medidas sociais que considere sen ter que modificar a constitución, que bastante boa é xa de seu. Non creo que darse conta de que o pobo pode non estar dacordo con el sexa malo para a revolución. Non creo en revolucións completamente personalistas, e tes aí a historia que demostra unha e outra vez onde acaban. Patria ou morte... e será morte, dicíame un cubano, porque non hai outra posibilidade.

A constitución hai que pensala de maneira que despois poida ser o presidente outra persoa, e non pode valer todo porque agora está este que é o 'salvador' e o que nos dá ilusión para seguir avanzando.

Os chavistas saben agora que no 2013 non poderá estar Chávez no poder, e agora teñen que pensar como seguir facendo a súa política unha vez que Chávez non estea. Se vemos, como ti dis, a revolución bolivariana dende un punto de vista optimista, esta é a mellor posibilidade, onde cada persoa se ve involucrada no desenvolvemento da súa vida e da súa sociedade. É a revolución para o pobo, dende o pobo. A opción populista e personalista fai que cada persoa deixa a súa responsabilidade na casa e en mans dunha soa persoa.

Estás caíndo na misma visión dos opositores venezolanos cando se atribúen como victoria o non ao referendum. Houbo moitas causas e moitas opcións como para que cada grupo opositor se poida sentir vencedor. Foi sinxelamente unha manifestación de non estar dacordo con esta reforma, ben por desinformación, ben por non estar ben plantexada, ben por non gustarlle á xente. Non foi un non a un referendum revocatorio (que por certo existe na propia constitución venezolana) do propio Chávez. Haberá que esperar ás seguintes eleccións para ver que opción política se leva máis votos.

Non entro no da loita de clases porque paréceme a min que é todo moito máis complicado. Onde os intereses políticos e económicos se mesturas por todos lados. Pódese interpretar como loita de clases calquera cousa que pase no mundo.

A confrontación entre capitalismo privado e capitalismo de estado existirá sempre. E non vexo bondades en ningún dos extremos. Porque é o menos malo dos sistemas, frase que se repite moi a miúdo e que parece moi catastrofista. Mais o ser humano ten os dous aspectos na súa natureza intrínseca, e el mesmo por si mesmo e pola relación que ten cos demáis. El e a sociedade na que vive. Aí están os ámbitos privados e sociais. A revolución está en conxugar estos dous elementos para protexer aos máis débiles da sociedade.

O Fuco disse...

Cando falaba de que o Non supón unha certa derrota da revolución bolivariana (e de darmos por bo que tal revolución encarna algo positivo, unha derrota tamén de todos os que debecemos por cambios reais no estado de cousas) non me refería tanto a unha derrota aritmética nas urnas (esta non foi tan rotunda) como a unha derrota simbólica, algo crucial nesta época de espectáculo xeralizado onde todo(tamén os líderes políticos) acaba medíndose polos golpes de efecto(ou de defecto) retransmitidos nos sempre escasos e simplificadores minutos que os medios (parciais e interesados) lles brindan.
Toda revolución que mereza tal nome debe conter en si mesma unha vocación universalista e non cabe dúbida de que a imaxe de Chávez recoñecendo os resultados adversos tralo referendo, propagada con celeridade por todo o planeta, supón un paso atrás nas intencións dos bolivarianos por actuar como espello no que se poidan recoñecer outros pobos do mundo (especialmente de Latinoamérica).
Que este contratempo poida acabar sendo bo e que consiga mellorar moitos aspectos criticables do chavismo xa se verá.
En todo caso hai que ter coidado co hipercriticismo. O parto da criatura (a criatura dos cambios sociais) xa é complicado dabondo como para que se lle teñan que poñer aínda máis trabas.
Unha vez máis hai que saber manter ben o equilibrio, non vaia suceder que de tanto poñer a venda antes da ferida o que podería ser un parto acabe nun aborto.

miriño disse...

Coma sempre móveste entre puntos opostos. Unha cousa é posicionarse nun punto e criticar dende aí e outra o que das en chamara hipercriticismo, que sería onde se sitúa a oposición venezolana.

Aínda así creo que se necesitan todas as visións, incluídas aquelas que non son compartidas en primeira persoa.

R. A. disse...

Eu quedaríame na posición de Rorty, que aplicada ao caso -penso eu- sería algo así como: deámoslle unha oportunidade a esas revolucións bolivarianas, pero sen subilas a altares. Vexamos qué dan de sí -eu coido que pouco, pero agardemos-; eso si: que non impidan que a xente fale, discuta, debata e rebata... que non volvan a convertir ideais absolutos nos dragóns que xa temos vistos.
Outra proposta: Dinamarca; capitalismo efectivo, estado do benestar, liberalismo de verdade (nada de sucedáneos neocon). Hai receitas vellas que xa non somos quén de cociñar.