8/23/2007

A illa

Todo é máis bonito visto desde lonxe, acostumaba pensar.

Uns minutos antes de divisar os guindastres do porto, as avenidas, os campos de rugby e os suburbios de beleza xeométrica que conforman Dublín, apareceu baixo a á do avión, moi perto da costa, un pequeno illote cuberto de herba. É coma unha Irlanda de tamaño chaveiro, pensou
. Un anaco de veludo enchoupado de océano... unha impoluta moquetiña mol e esponxosa... unha minúscula torrada untada de manteiga.

Podería quedarme con ela no peto e renunciar a coñecer a outra, a grande, díxose. Pagaría a pena desfacerse da Irlanda imaxinada en favor da Irlanda que se pisa, que cheira, que molla?

Aclimatándose, agudizando o ouvido cos novos sons, aprendendo a reprimir o impulso de abandonar o camiño da esquerda, sentiu –el tamén– aquela estraña e tópica sensación de familiaridade en cada farrapo de mapa que percorría. Varias curvas despois foi quen de delimitar o motivo: as de Irlanda tamén eran montañas que non cansan nin homes, lombos de boi vencidos a norte e sur, por lonxanos viaxeiros.

É bo sentirse na casa en calquera lugar, pensou.

Unha civilización que nacera no mediterráneo oriental, e que esmorecía en Europa, recluírase na harmonía primitiva de abadías pétreas coma a de Glenndalough, para lamber as feridas e recadar forzas. Séculos despois, o lugar seguía a emanar a esquiva e pouco científica enerxía que desprenden os mortos.
As tumbas amoreábanse caoticamente, coma se un xigante tivese lanzado dende o ceo –igual que se lanzan os dados da sorte– un cargamento de cruces célticas e laxas pizarrosas.

Todos temos cadáveres detrás nosa –pensou– E moito medo a acumular máis cadáveres.

O caos tampouco non respectou o interior dos edificios: entre os muros ruinosos descansaban máis irlandeses idos. Ruínas que lle fixeron lembrar –cando perdía a ollada entre as nubes, imaxinando que sucedería se se decidise a coller a man dela e a non soltala máis– a igrexa de Santa Mariña, en Cambados, e os seus arcos que, segundo Cunqueiro, sostiñan o ceo.

Era a devecida estampa romántica. Tan próxima que se perdía coma auga entre os dedos. Era o mito feito filigrana entrelazada en pedra. Era a Irlanda celta das lendas, do cine, das axencias de viaxes e de William Butler Yeats.

Por iso, pretendéndose escéptico e despreocupado, el que naquela altura xa intuía que Butler viña, en realidade, de Walter (un nome normando) riu entre os mortos, facendo fotografías, e proxectando a cea daquela noite.

Non se colleron a man, trataron de convencerse, por causa do refrán que citan todos os preguiceiros (e os covardes) do mundo: Deus cando fixo o tempo, fixo dabondo.

Foi por iso que non se colleron da man...
Polo menos. Non aquel día.

7 comentários:

R. A. disse...

Veño de descubrir que O Funambulista Coxo retornou á rede de redes.. unha boa noticia, sen dúbida.
Gústame bastante boa parte do publicado ata o de agora, pero polo momento limitareime a dar unha sinceira noraboa por estas liñas de Irlanda. Fixéronme lembrar a miña recente viaxe polas Highlands Escocesas.
Un texto cheo de matices, para saborear... o dito: noraboa e, benvido de novo á rede.

miriño disse...

Señor (don) Fuco. Non me deixa vostede outra vía de comunicación. A personalidade do ente é por veces máis forte que a do artista. A comodidade do ente éche ben larpeira para non contestar.

Aí vai entón:

_____

O costume de pensar non é outra cousa que un tipo de prexuicio. Neste caso, agora non é máis bonito dende ben preto?

Estará o illote pequeno no peto? Ou é que dende a ventá se miraba unha porta ben aberta? Ou é que se miraba directamente dende o teito?

Recurrindo a lendas celtas e mitos que xa abandonaron o ceo que se esvae das dedas só se chega á conclusión de que en terras alleas obtense a liberación de estar na casa, con calma, para que o único que quede por coller sexa unha man.

A 'Irlanda' que se pisa, que cheira, que molla é, con moita diferenza, a mellor. Ou?

Non si?

O Fuco disse...

Moitas grazas polos teus comentarios Ricardo Arias.
-------------------------------
Estimado señor Miriño:
Xa sabe vostede como somos os "entes intensos" en materia comunicativa... ou se nos quere ou se nos odia.
Hei de dicir que en ningún momento fun consciente de que houbese lumieira algunha á que poder asomarme, non ata cheguei á Illa. Alí comezou a sorpresa.
Alí souben que a Irlanda próxima, a que se pisa, a que cheira, a que molla, é moito mellor que a Irlanda imaxinada, de filigranas pétreas e catálogos para turistas.
É nesta Irlanda, que me sinto como na casa.

miriño disse...

Querido don (señor) Fuco:

Sabe vostede moi ben, e se non o sabe esta a piques de sabelo, que eu odio con toda a miña alma (de existir) aos "entes intensos" en materia comunicativa... ou odiareinos cando saiba o que son.

(Comeza a gustarme esta comunicación epistolar, e iso pode ser un perigo. Aínda así prefiro un café con tarde por diante para poder escoitar incluso os silencios que me poida vostede contar. Supoño que haberá un tempo de 'intensidade' involuntaria, que eu espero que se lle pase en favor da creatividade potencial).

Unknown disse...

chego con 3 meses de retraso ao novo blog do funambulista. máis vale tarde.

unha pregunta, o libro do 1 premio diario cultural de teatro radiofónivo, está a venda? onde?

benvido de novo á blogosfera e noraboa (con moito retraso) polo premio teatral.

O Fuco disse...

Estimado señor Miriño, pode vostede escoller o método comunicativo que máis lle praza, relación epistolar ou tarde de café e silencios, eu son fácilmente adaptable.

--------------------------------

Lúa, non teño nin idea de onde se pode mercar o libriño. Eu non o vin por ningures....

miriño disse...

E supoño eu que nos veremos no festival da poesía. Así que espero que me convide vostede a un café.