6/15/2007

Punk

Hai algúns días volvín escoitar na radio unha canción que había tempo que non escoitaba. Tratábase de Me gusta ser un zorra, a versión troglodítica que fixeran Las Vulpes, da xa de por si troglodita I wanna be your dog dos Stooges. Como todo o mundo sabe esta canción pasou á historia porque no ano 1983 Televisión Española a emitiu nun programa musical. A actuación provocou tal escándalo na sociedade da época, que o programa foi retirado, e o xornal ABC adicouse durante semanas a moer o tema. Obviamente, todo isto pasaba nun tempo e nun lugar onde o escándalo ainda era posible.
Vou pola rúa e vexo os valados dunha campaña publicitaria de Beefeater. O leit motiv que empregan é a cidade de Londres. O valado é unha composición onde destacan diversos espazos arquitectónicos londinenses, un rapaz de aspecto brit-pop tocado cun bombín e un paraugas, e, o que máis me chamou a atención, catro carteis do album London Calling, pegados nun muro. O contraste está claro, The Clash, a banda máis vermella do primeiro punk, convertida en icona de marketing: Ou de cando a estética da transgresión axuda a vender.
Di Sloterdijk: "O paradoxo moral do capitalismo é, sobor de todo, a peculiar soportabilidade do insoportable, o confort na desolación, a high life na permanente catástrofe. Hai tempo que dixire aos seus críticos, sobor de todo desde que se puido percatar do fracaso de todas as alternativas iniciadas revolucionariamente". Sobra dicir que, socialmente, o Estado Español dos primeiros oitenta, ainda non era un país capitalista homologado.
Os situacionistas dicían: "O sistema non crea, recupera". Pero nesta recuperación, a idea a integrar baléirase de contido, perdendo parte ou o todo o seu significado. É dicir, o sistema, subvirte. Transforma todo o que toca, en materia inerte. O sistema é unha especie de rei Midas invertido, que muda o ouro en chumbo: onde a aparente solidez devén extrema flexibilidade.
Slavoj Zizek sostén que a consigna hoxe en día é: Goza. Consume, disfruta, aproveita, proba. O esloveno tamén cree que o sistema non pretende ser tomado totalmente en serio. Ao hedonista de hoxe, todo lle está permitido, pero iso si, todo debe ser consumido sen a súa sustancia maligna: toma café, pero sen cafeina, bebe cervexa, pero sen alcol, fornica, pero practicando o sexo seguro, métete en política, pero esquécete da economía.
É dentro desta permisividade controlada onde se nos convida a ser escandaloso sen escándalo, a ser revolucionario sen revolución.
Nunha época na que os donos dunha empresa coma Google, aparecen coma dous rapaces desenfadados que se moven en skate pola súa oficina, ou onde o dono da Virgin, é unha especie de hippie maduro ao que lle encanta voar en globo aerostático, quen encarnaría ao revolucionario? Non sería algo así, coma alguén alonxado de todo comportamento estrafalario e bastante serio? Non estamos nun momento no que o fulano con pelos crespos amarelos podería representar máis acaidamente ao cidadán integrado? Acaso non sería a imaxe dalguén cun aspecto común e carente de artificio, alguén dunha austeridade case gris e para nada choqueiro quen mellor representase ao inimigo do sistema?

1 comentário:

R. A. disse...

Estamos vivindo tempos nos que se vende a portada, non as páxinas; un decorado, non unha realidade; unha careta, non unha persoa (aquí as etimoloxías levaríanos á paradoxa)... vivimos tempos superficiais, lights.
Por eso é ben certo que ese home gris, de vida disciplinada e austera (perigoso exemplo fronte ao consumismo sen tino) é certamente un revolucionario. Ou como mínimo un outsider, un maverick.