6/18/2007

Guións, boleros e cintas de video

No libro entrevista que François Truffaut lle fixo a Alfred Hitchcock, este último conta a anécdota do guionista que só tiña ideas xeniais a altas horas da noite, cando estaba na cama coa luz apagada. Ao amencer, descubría que non lembraba nada do que pensara, de xeito que todas as súas creacións se perdían no esquecemento. Para pór remedio a este contratempo, decidiu colocar un bolígrafo e un papel na mesiña de noite coa fin de anotar as ideas tan pronto como xurdisen da súa cabeza. Unha noite, ocorréuselle algo xenial. Prendeu a luz, colleu o papel, anotou todo, e deitouse de novo coa tranquilidade de saber, que desta vez as súas ideas haberían de permanecer en lugar seguro. Cando por fin espertou, o primeiro que fixo foi coller o papel para ler o que anotara a noite anterior. O que estaba escrito na folla era o seguinte: "Un rapaz coñece a unha rapaza".
Recentemente revisitei dous clásicos do cine: O marido da perruqueira de Patrice Leconte, e La strada de Federico Fellini; e case sen me decatar atopei nas súas personaxes un estraño paralelismo. Eran coma un rostro reflexado nun espello: a mesma figura pero con todas as partes postas do revés.
Antoine, o protagonista da peli de Leconte, móstrasenos coma un home simpático e tenro, Zampanò, o protagonista da peli de Fellini, coma un home rudo e brutal. Gelsomina, a protagonista da peli de Fellini, desprega unha comicidade asexuada, mentras que Mathilde, a protagonista da peli de Laconte, aparece coma o erotismo en estado puro. Antoine, desde neno soubo que quería casar cunha perruqueira. Zampanò, únicamente desexaba estar só. Gelsomina, suplicaba por ser amada. Mathilde, suplicaba por non deixar de ser amada. Antoine fica só e desgrazado pese a amar desmedidamente. Zampanò fica só e desgrazado por non ter sabido amar. Gelsomina morre sen ser amada. Mathilde suicídase pese a non deixar de ser amada.
Din que os mellores boleros de amor, son os que tratan da ruptura, por iso, é probable que o guionista de Hitchcock só tivese un xeito de poder superar en xenialidade a aquela xenialidade que conseguiu salvar grazas á feliz idea de deitarse cun bolígrafo á man.
Acontecería o día en que, ao se levantar pola mañá, lese no papel da mesiña de noite, escrita coa tosca caligrafía que a excitación creativa lle tivese permitido, a seguinte frase:
"Un rapaz perde a unha rapaza".

Sem comentários: