6/14/2007

Porcos, patos, e outros bechos

No seu libro O xen egoista, o etólogo Richard Dawnkins fala das EEE (Estratexias Evolutivas Estables). Entre os moitos exemplos tirados de observacións con animais, conta o experimento denominado A Caixa de Skiner. Neste experimento o animal é obrigado a alimentarse únicamente cando consegue accionar unha panca, de tal xeito que a comida é deslizada por unha rampa.
Dous científicos empregaron este método con porcos, pero cunha innovación adicional: A panca atopábase nun extremo e o dispensador de comida no outro, desta forma, o becho tiña que accionar o mecanismo nun lugar e despois desplazarse correndo ata o outro para inxerir a comida. Porén, esta non foi a única innovación destes dous tipos: en lugar de introducir a un só animal na caixa de Skiner, introduciron parellas de porcos, dando así a posibilidade da explotación dun porco polo outro. O porco "escravo" accionaba a panca e corría e o porco "amo" agardaba a que o alimento caese, creando así unha pauta estable.
A observación máis detallada do experimento deparou un paradoxo: as etiquetas "amo" e "escravo" designaban posicións cambiantes: O porco que disfrutaba plácidamente da maioría do alimento comportábase en todos os demáis sentidos coma subordinado e o porco que pasaba todo o traballo e só accedía a unha parte pequena do alimento, era en todas as demáis facetas o dominante.
Dawkins explícanos como este aparente paradoxo encerra unha gran lóxica en aras de conseguir unha relación estable: se o porco que acciona a panca fose o subordinado non sería capaz de desplazar ao outro cando quixese disfrutar da súa pequena parte de comida e tendería a cesar o hábito de premer a panca. Sendo o dominante, só precisa que quede un pouco de comida para seguir atopando motivación. E pola outra banda, o porco nugallán, sempre verá recompensado o seu hábito de deitarse ocioso ante a rampa.
Estamos en tempos de pa(c)tos entre as dúas forzas que sustentan ao goberno da Xunta. Uns pactos que o BNG acolle con cautelas e desconfianzas, bastante xustificadas, tendo en conta o balance que a Fronte obtivo de acordos feitos en anteriores ocasións: traicións, deslealdades, desprezos, e o peor de todo, baixa rendibilidade eleitoral. Nesta nova andaina os nacionalistas semellan querer curarse en saúde, e están a negociar a cara de can -non hai máis que ver o prantón de onte a Orozco- e pondo as cousas todo o claras, e visualizables, que se poida desde un principio.
Pola banda do PSOE, despois de deixar atrás os anos negros nos que pasaron a ser a terceira forza do país, pero sen poder levar a cabo o seu seguinte máximo anhelo, isto é, facer desaparecer do mapa ao BNG, acomódanse, non sen reticencias e dificultades, á realidade inevitable de que para o PP non gobernar en calquera das Caixas de Skinner que son os distintos ámbitos de poder político existentes en Galiza, non chega cun só porco, son imprescindibles dous.
E é que por moito que o Napoleón d´A revolta dos animais -porco tamén el- dixera aquilo de: todos os animais son iguais pero uns son máis iguais que outros, se o que queremos é unha Estratexia Evolutiva Estable no que a pactos se refire, semella que a fórmula: o porco máis nugallán = porco dominante, non ten moito futuro. Probablemente a desexada estabilidade só sexa posible cando as dúas forzas aprendan a tratarse coma o que son: igual de necesarias e polo tanto, igual de relevantes.