8/16/2018

Sobre «Happy end», de Michael Haneke



Happy end (2017), a última película de Michael Haneke, trae á mente a novela clásica de Thomas Mann "Os Buddenbrook". Se na obra de Mann se describía a decadencia dunha familia burguesa protestante do norte de Alemaña, onde a terceira xeración dilapida o que as dúas anteriores acumularon e multiplicaron, na cinta de Haneke a acción transládase a Francia, en concreto á zona fronteiriza de Calais; un escenario perfecto, o da antiga nación-estado burguesa por excelencia, hoxe desprovista de toda grandeur e sometida ás presións dos fluxos migratorios xerados polo capitalismo global.

Os Laurent, a familia protagonista, descendentes, senón de sangue si de facto, da vella aristocracia, habitan unha luxosa casa con aires pacegos chea de tapices e mobles clásicos. O patriarca, George Laurent —Jean-Louis Trintignan— é un vello canso de vivir e con saudades da súa muller falecida, disposto a pagar a quen o axude a suicidarse. Anne Laurent —a marabillosa Isabelle Huppert— e Thomas Laurent —Mathieu Kassovitz— fillos do patriarca, encarnan á segunda xeración da familia. Unha xeración entregada á hexemonía da financiarización —rematarán vendendo a empresa familiar a un fondo de investimentos inglés (o triunfo do modelo anglosaxón sobre o continental)— e á desestructuración familiar —ela minusvalora constantemente ao seu propio fillo Pierre e el apenas ofrece afecto á súa filla Anaïs, froito dun anterior matrimonio (ademais de serlle infiel á súa actual muller e nai dun segundo fillo)—.

Esta parella de irmáns son dous seres desarraigados en cuxa vida prima o individualismo, a incomunicación e a frialdade nas relacións humanas. Unha frialdade que, en realidade, echoupa a todas as personaxes e que o director enfatiza co emprego das novas tecnoloxías como mediadoras/distanciadoras na comunicación mesmo das cuestións máis íntimas —as confesións de Anaïs no seu Instagram sobre as súas pulsións de morte, as conversas obscenas de Thomas coa súa amante através do Messenger de Facebook (ás que terá acceso Anaïs)—.

Na cinta de Haneke, a última xeración (a de Pierre e Anaïs) actúa coma unha sorte de maxistratura do día do Xuízo Final. Así, Pierre acudirá bébedo á voda da nai cun avogado inglés, acompañado dun grupo de inmigrantes africanos aos que convida, coma un Cristo desvariado, a compartir mesa co resto dos estupefactos comensais para bochorno de Anne; e Anaïs, cando, tras a súa propia tentativa de suicidio, decide axudar ao avó a morrer empuxando a cadeira de rodas ata a beira do mar nos exteriores do mesmo restaurante onde se celebra a voda. Actos, ambos, falidos. Anne terá os reflexos de reaccionar disculpando ao fillo en público e poñendo unha mesa para os africanos entre os cariacontecidos convidados e o avó non acadará a arelada morte: antes de que as ondas do mar o engolan, os seus fillos acudirán ao seu rescate.

Este final patético, este Happy end, mostra tamén o ton xeral que impregna a película: o do o sarcasmo. A disposición de ánimo que, en contraposición ao distanciamento desapegado da ironía é, como dixo Gramsci a propósito do sarcasmo "apaixoado" en Marx, o encargado de mostrar o carácter continxente e "vencellado a un mundo perecedoiro" de certas ilusións. O "cheiro a cadáver que traspasa o colorete". 

Sem comentários: