Todo o mundo coñece a
brincadeira. Un meniño en bicicleta di: olla,
mamá, sen pés!…, olla mamá, sen mans!…,
olla mamá…, o neno afuciña no chan e coa
bici escangallada remata: olla mamá, zen
dentez! Algo así é o que lle ocorreu a En Marea no Congreso cando, coa
excepción de Alexandra Fernández, as deputadas-os dese partido fixeron caso
omiso do acordado polos órganos de dirección; ámbito de decisión sancionado
como competente para marcar a liña política do grupo parlamental do Congreso
precisamente —non rían que o conto é triste—
grazas á emenda que Xosé Manuel Beiras —hoxe un xarrón chinés arrombado
nunha Fundación— presentou no último congreso da formación.
Tras semanas de
sobreactuación —mesmo con minixira a modo de marketing barato dos que finalmente
entregaron o seu voto gratis et amore— arredor dunha suposta axenda galega que
nunca se negociou co PSOE, chegou a hora da verdade: o momento en que os
malabarismos xa non abondan e hai que decidir.
A mesma mañá do debate
sobre os orzamentos, Yolanda Díaz, coma o neno do chiste, e para asombro dos
seus compañeiros de Unidos Podemos que baseaban o seu argumentario en convencer
aos independentistas cataláns de que a “axenda catalá” era menos importante que
a axenda de Podemos, continuou levando a súa actuación ata tal estremo —olla mamá, sen mans!— que a ministra
decidiu darlle non un senón dous cortes: o primeiro, sabotando o que
probablemente pactaran (unha mención a que despois da aprobación se poderían
negociar melloras para Galiza), ao incluír nesa hipotética negociación ao resto
de CCAA, desvirtuando así a importancia dos votos mareíles. O segundo xesto,
máis ca un corte foi unha machada: a ministra, seguramente amolada polo
histrionismo de Díaz, dixo (ai… pobres deputadiños do PSdG…) que cun 20% menos
de investimento Galiza tiña o que lle correspondía. Sen dúbida, desta volta a
portavoz de En Marea no Congreso non medira ben o malabarismo. Olla mamá, zen dentez!
Sen deternos en se os
orzamentos aprobados ían pasar a peneira da Comisión Europea, e que sucedería
co PSOE cando chegasen os recortes daquela —ao fin e ao cabo aquí todo o mundo
segue pensando que España é un Estado soberano e non é cousa de amargar a festa
a ninguén—, o asunto é que, producida a votación, e con Pedro Sánchez
pechándose na Moncloa, os mantras das distintas parroquias consistiron no
seguinte: a dereita española, o raca raca do presidente ilexítimo e a
necesidade de eleccións; UP, o raca raca de que eses orzamentos eran, grazas a
eles, pouco menos que o Plan Marshall; o PNV, advertindo aos cataláns de que se
deixen de independencia, ou o concerto vasco vai ir ao tacho; os cataláns,
aturando leccións de antifascismo por votar a favor da súa emenda á totalidade cando
teñen persoal no cárcere e se inicia o «xuízo xusto» que —como nas pelis do
oeste— sempre se fai antes de aforcar ao bandido; Anova, co raca raca da Fronte
Popular esquecendo que no 36 a Unidade Popular non levou consigo a supeditación
do PG de Castelao á estratexia dos republicanos españois. Unidade antifascista,
si; pero, en plena guerra civil, a aprobación do Estatuto de Autonomía era
prioritaria.
Canto ao de que a non
aprobación dos orzamentos conduce inexorablemente a novas eleccións, cómpre
dicir que é unha falacia e que se Pedro Sánchez as conovoca é porque considera
que é o mellor para el e porque pensa distanciarse, aínda máis, de calquera
idea conducente ao recoñecemento da plurinacionalidade do Estado. Do mesmo
xeito que era falaz o argumentario podemita —nunha fase anterior da negociación
dos orzamentos— segundo o cal a suba do salario mínimo no propio proxecto
orzamental xustificaba deixar de lado calquera outra reivindicación (o salario
mínimo podíase aprobar por decreto e así se fixo). En calquera caso, se toda a
estratexia antifascista da esquerda se basea en dilatar ao máximo unhas
eleccións porque ten medo de que ese fascismo reciba apoios en forma de voto, estámosche
apañados.
Neste momento, a pelota
está no tellado da dirección de En Marea. O xesto dos deputados do Congreso constitúe
un desprezo absoluto por Luís Villares. Se todo se fiaba a chegar ás municipais
e ás europeas disimulando o que xa é indisimulable, a posibilidade de novos
comicios desbarata ese camiño.
Unhas novas eleccións
xerais son, para quen isto escribe, a oportunidade de sondear unha candidatura
galega que inclúa a BNG e a En Marea. Chanzo primeiro para levar a cabo o
inevitable no medio prazo: a refundación do soberanismo galego.
Sem comentários:
Enviar um comentário