6/20/2018

Do remador Pedro Sánchez


Este artigo foi escrito orixinalmente para o Galiza Livre.

O novo goberno de Pedro Sánchez semella máis novo do que é. Indentifícano con estrelas emerxentes do que Nancy Fraser alcumou como neoliberalismo progresista, tipo o presidente do Canadá, Justin Trudeau; pero, márketing aparte, o espírito segue a ser o de todos os gobernos socioliberais das últimas décadas: fincapé nalgunhas reivindicacións culturais e ortodoxia no económico.

Se cadra, o de Sánchez é un goberno aínda máis baleiro do que o eran, polo menos no plano cultural, os gobernos de Zapatero. Hoxe, as batallas culturais ascenderon un chanzo en canto ao seu nivel de banalidade. Maxim Huerta é o home do momento. No que toca á economía política, a de Sánchez é, de xeito cada vez máis desvergoñado, un asunto de "Europa". Se Solbes levaba as rendas do goberno de ZP, hoxe a ministra de economía é alguén directamente importada de Bruxelas, unha tecnócrata, unha muller de negro: Nadia Calviño. Moito mellor, deberon pensar, que enviar cartas ameazantes desde o BCE —coma fixera Trichet con Zapatero— e que impoñer ás bravas aos Mario Monti de quenda, é metelos previamente no gabinete.

Estes dous aspectos, a banalidade cultural e a domesticación económica, fan de Sánchez un candidato ideal para que os poderes do Estado español traten de recompoñer o réxime do 78. Só precisa encaixar a Cataluña.

Ante a rixidez e o estreito marxe de manobra para implementar políticas económicas non neoliberais debido aos dogmas que imperan na zona euro, a esquerda institucional que aínda pretende dedicarse a algo máis ca ao simbólico, adoita esgrimir a política fiscal como medio de redistribuír renda. Así o fai, por exemplo, Íñigo Errejón, cando nunha entrevista recente sinalaba que o seu partido debía soster e acompañar ao goberno Sánchez procurando que este poida levar a cabo algunhas reformas fiscais que lle permitan aplicar políticas redistributivas. Non digo que non se poida facer algunha reforma fiscal menor, pero vai ser como deitar unha pinga no mar. Reformas de calado, que afecten á fiscalidade do capital internacional dependen, como sinala Marko Milanovic, dunha vontade política inexistente debido á dificultade que entraña na globalización pretender poñer portas ao campo.

Esta complicación á hora de implementar políticas fiscais progresistas, unida á ausencia dun Banco Central con capacidade de intervención económica no mesmo sentido, son as dúas grandes explicacións diso que se chama a crise da socialdemocracia.

No primeiro aspecto, semella que pouco hai que facer de momento. Se ben guerra económica entre Trump e China e as desavenencias entre Merkel e o propio Trump, indican que as contradicións xeradas pola globalización poden ser resoltas a base de proteccionismo e choque explícito de potencias. No que toca ao segundo aspecto, a manida reforma do euro non consegue franquear as reticencias alemás a cambiar un sistema monetario que lle beneficia (lebensraum onde non se europeízan as perdas e moeda máis débil do que correspondería ao seu poderío económico, ideal para fomentar as súas exportacións). A chegada de Sánchez celébrase como a posibilidade de que se reforce a posición de Macron na súa pugna con Merkel, pero algúns cronistas que seguen o asunto tampouco se mostran especialmente optimistas no que ten que ver coa reforma do euro.

Entrementres, a ausencia no estado español dunha oposición que politice a cuestión da economía política na Eurozona fai que Sánchez poida sentirse, neste momento, coma se fose un remador nun kaiak: se finca a pá na dereita (velaí os nomeamentos de Borrel e Marlaska), avanza e deixa atrás a Ciudadanos; se finca a pá na esquerda (velaí a decisión sobre o barco de inmigrantes rexeitado en Italia), tamén avanza e deixa atrás a Podemos.

Cabe augurar, logo, que o novo goberno de Sánchez empregará a escasísima marxe de manobra de que dispoña en materia económica para facer políticas electoralistas de curto percorrido, acenará moito no plano simbólico e agardará, se se mantén no goberno tras unhas eventuais eleccións, a que a próxima crise da zona euro tarde o máximo posible. Non é pouco. Se lle sae ben a cousa, a esquerda á súa esquerda, para a que todo este marco xeral semella que non existe, pode ficar para servir o café.


Sem comentários: