11/26/2017

Recensión de: «Labrando na rebelión», de Isidro Román Lago e Antonio Bernárdez Sobreira



Quixo o azar que precisamente hoxe que se celebra o cabodano do asasinato en 1922 de varios labregos e labregas da comarca de Tui (os coñecidos coma mártires de Sobredo), tiroteados por un destacamento da Garda Civil que acudira á zona a desafiuzar a varios campesiños que se negaran a pagar a medieval figura xurídica do foro, rematase eu de ler o estupendo libro de Isidro Román Lago e Antonio Bernárdez Sobreira Labrando na rebelión. Societarismo e populismo agrario en Galiza (ANT, 2007). Un estudo minucioso dos avatares da construcción (e destrucción) do movemento agrarista galego. 

Cunha perspectiva teórica apoiada tanto en expertos en movementos sociais como poida ser Charles Tilly como na visión da historia dos de abaixo de E.P. Thompson, os autores debullan o lento paso das estratexias premodernas de mobilización social (tumulto de subsistencia, motín etc.) á adopción dun repetorio moderno (folgas, mitins, etc.) por parte dun movemento social cuxo periplo histórico, desde os comezos da crise do sistema quendista da Restauración de 1898 ata a sublevación fascista de 1936, mostra compoñentes, debates e dialécticas tan actuais que mesmo se poden atopar no traballo, sen forzar demasiado, multitude de paralelismos co que vén sucedendo no Estado español desde que a crise financeira de 2007 xerase epifenómenos sociais coma o 15M ou o esgotamento político do quendismo da segunda restauración borbónica. No agrarismo de comezos de século observaremos comportamentos, decisións e feitos que hoxe que nos atopamos nunha sorte de neoprimitivismo no que á organización social se refire —como conscuencia de que o gran movemento maduro e vertebrado que deu substento tradicionalmente á esquerda, o obreiro, está practicamente desmantelado— presenciamos outravolta con profusión.

Así, no repaso ao Agrarismo que fan Román Lago e Bernández Sobreira asistimos a uns comezos marcados pola ausencia de vertebración e dirección organizativa aos que seguirá unha posterior pugna entre diversos sectores ideolóxicos (políticos liberais da Quenda como Montero Ríos ou Canalejas, populistas tipo Basilio Álvarez ou Portela Valladares, republicanismo-socialista, anarcosindicalismo, o inicipiente galeguismo nacionalista...) por capitalizalo. Aparece con nitidez, logo, o risco da cooptación do movemento pola política institucional (neste caso en base aos banderíns de engache do antiforalismo e o anticaciquismo), que será absoluta cando se efectivice o apoio agrarista —pero tamén socialista— á primeira solución que se atopa á crise finisecular da Restauración: a ditadura de Primo de Rivera, apoiada polo Borbón Alfonso XIII. A este respecto, imposible non ver semellanzas nas dúbidas, agudizadas co proceso independentista catalán, de parte da esquerda española (que no PSOE é entrega total) arredor do apoio ao atrincheiramento autoritario no "constitucionalismo" de Felipe VI, "europeizado" a través do artigo 135 (isto é, aínda máis desdemocratizado), como saída á bancarrota política e moral do quendismo monárquico do 78.

Lemos no libro, ademais, as tentativas de conversión da rede de Sociedades Agrarias (especialmente fortes na provincia de Pontevedra) nun tecido estable organizado na sociedade civil (infelizmente non acadado) ao modo do do anarcosindicalismo da CNT na Cataluña dos vinte/trinta ou do da socialdemocracia alemá da mesma época. Lemos, tamén, as tentacións de caída no corporativismo de quen acabará concibindo as Sociedades Agrarias como simples oficinas de xestión xurídico-económica dos labregos (tal como hoxe funcionan os sindicatos obreiros).

Velaquí, pois, algúns dos asuntos nos que se poden trazar paralelismos cos debates (e silencios) que hoxe se producen no que fica de esquerda, ben que daquela todas estas cuestións se discutían nos diversos medios de prensa con que contaban as distintas faccións (algo que, por certo, hoxe non temos).

A modo de resumo das teses que se queren brandir no estudo, cabería sinalar que os autores non consideran que o Agrarismo, entendido como movemento social xa maduro, teña a súa orixe nos primeiros tempos da crise da Restauración. Os autores consideran que ata 1907 se dá unha convivencia dos vellos modos de protesta cos novos e que só a partir dese ano se produce un verdadeiro cambio no xeito de organización que daría como resultado o Agrarismo. Por outra banda, cuestionan os autores (moi gramscianamente, penso eu) que o agrarismo sexa o simple froito da pura autoorganización labrega, sinalando a importancia, en cada momento, dos distintos grupos intelectuais que ían dando forma ideolóxica ao movemento. Así mesmo, os autores evidencian como o primeiro agrarismo liderado intelectualmente pola ala republicano-socialista acaba sendo deglutido polo liberalismo quendista primeiro e, despois, por políticos populistas (un populismo, por certo, que, como o populismo podemita actual, tamén se movía a cabalo entre o rexeneracionismo, o lerrouxismo e o rexionalismo) que pretendían usalo como medio de presión electoral, para finalizar, tras a etapa primoriverista que marcará a súa decadencia, no apoliticismo corporativista, xa nas portas da chegada de Franco ao poder.

Sem comentários: