1/03/2017

Pedroche e Berger

O atuendo de Cristina Pedroche nas campanadas de noitevella retransmitidas pola televisión. Liberdade ou opresión? Falsa disxuntiva. No capitalismo avanzado a liberdade é a opresión. A procura do diferente, do estrambótico, do aínda máis difícil conduce ao individuo a unha teima absurda na expresión da súa liberdade individual que o escraviza. No caso dunha muller, esta procura prodúcese nunhas claves determinadas, case que sempre vencelladas ao seu rol de obxecto sexual, o que a sitúa nun lugar dependente da ollada do home, como xa sinalara hai moitos anos o recentemente falecido John Berger a propósito da figura da muller na arte occidental; pero a procura do diferente, do novo, do especial, é transversal a todos os aspectos da sociedade do capitalismo avanzado e a todos os individuos, independentemente do seu xénero.
O nomadismo é a norma no capitalismo avanzado. O devir, o performativo, o flexible, o permanentemente en formación é a rocha sólida que sostén o capitalismo avanzado. A destrución creativa schumpeteriana; malia tratarse, en moitos aspectos, dunha destrución destrutiva. A repetición das pequenas diferenzas nas mercadorías e gadgets que ofrece o mercado, a eterna reiteración do distinto e singular nas modas, sexa en arquitectura, arte, música, vestimenta, mesmo política ou economía, constitúe unha sorte de rebumbio que se imita co movemento pero que, en realidade, sempre permanece no mesmo lugar.
A do ser humano é unha loita -abocada a ser perdida en última instancia, pero que debe continuar a darse- contra o devir do informe. 
Dos cortalumes nos bosques ás canalizacións dos ríos, pasando polas leis contra o libre movemento de capitais ata esa arbitrariedade de consumo propio chamada Declaración Universal dos Dereitos Humanos, que ningún ente non-humano sancionou (nin siquera un supraEstado creado polos seres humanos), o ser humano acota, regula, fixa, nomea para facer do mundo un lugar habitable. 
Se cadra por iso, John Berger centrou a súa atención na figura do labrego -entendido este case que como arquetipo ou concepto- o ser humano afincado na porca terra, que tiña un nome para cada penedo, cada regato, cada monte. O antinómada. O ser sen historia, nos termos do marxismo máis positivista; por iso, tamén, o ser incompatible co capitalismo, e o ser ao que o capitalismo está exterminando.

2 comentários:

roi disse...

Grandioso texto. Quen fora antinómada coma os meus avós. Quen dera nomeado todos os penedos e corredoiras nun raio de 10 km como eles fan. Quen me dera pasar máis tempo con eses seres aos que o capitalismo extermina.

Voz en off disse...

Se para chamar a atención ou para presentar un programa queres/tes que poñerte en bragas mal andamos!