11/03/2016

Comentario a un artigo de Íñigo Errejón

Veño de ler o último artigo escrito por Íñigo Errejón e, por adiantar xa a miña conclusión, direi que o autor fai un gran e vistoso despregue argumentativo, trufado de xerga gramsciana (afortunadamente menos posmodernizada-laclaunizada que noutras ocasións), destinado a combater a un inimigo que xa non está na posición que Errejón lle outorga no artigo. 

Errejón traza a imaxe dun goberno débil que, na medida en que force a PSOE e C´s a votar as súas políticas, esgana a viabilidade do Réxime como espazo minimamente pluralista; isto é, como un proxecto con capacidade de forxar unha nova hexemonía duradoira no tempo e de integrar as faccións hoxe disidentes. Pero Errejón, aquí, segue a pensar en termos do Réxime do 78 e non nos termos da evolución do Réxime do 78 a  Réxime de 2011. Esta confusión está, lamentablemente, moi estendida na esquerda e, ata que non se afronte a nova realidade, estaremos dando paus de cego. 

A diferenza do que pensa Errejón, considero que a polarización futura non se vai dar só entre os 3 partidos do réxime e o terzo que fica fóra do consenso -isto é, nunha reedición do par demócratas vs. non-demócratas, tal e como se deu no tempo en que ETA estaba activa- senón que tamén se vai dar entre o par europeístas vs. soberanistas. Esa foi exactamente a polarización que tronzou a Syriza desde posicións de goberno e esa é a polarización que van usar os partidos do Réxime para tronzar o espazo disidente na oposición. 

No recente artigo de Luis María Ansón onde este, en ton mafioso, deixaba caer que o CNI estaría traballando arreo para dobregar a Pablo Iglesias, pasou máis desapercibida outra cuestión que tamén aparece no artigo: o papel de "Europa" no contexto actual. Pablo Iglesias, segundo Ansón: "no cree en la democracia pluralista de las naciones europeas ni en la soberanía nacional tal y como ellas la entienden". Nesta frase, é importante o de "la soberanía nacional tal y como ellas las entienden". Que un tipo especialmente cavernario como Ansón veña recoñecer que a soberanía nacional española xa non é o que era (e que ademais está ben que así sexa) dá idea da xa total evolución do postfranquismo cara a posicións globalistas -de aí, por certo, que no Estado español non xorda unha dereita proteccionista como noutros lugares de Europa e do mundo (Trump)-. 

Nunha auténtica pérola de sabor orteguiano (España é o problema, Europa a solución), Ansón, ademais, escribe: "Conquistada la libertad por el colosal acierto político de la Transición, Europa es el refugio que puede resolver el desmoronamiento de un régimen que padece la mediocridad de la clase política española, el cínico egoísmo de los partidos y la corrupción lacerante." O que isto nos indica é que o Réxime do 78 é xa consciente da súa morte. Esa batalla está dada. A batalla, agora, xa non está aí, está no Réxime do 2011, e é nese réxime onde os vellos poderes e partidos se van facer fortes. Isto xa o corroborou Rajoy no seu discurso de investura, cando deixou claro, ao situar a Estabilidade Orzamental coma unha das liñas vermellas -canda a independencia de Catalunya- a non rebasar. Por outra banda, pensamos, a cuestión da independencia catalá tamén se vai bloquear a través da UE e, ante esa ameaza, o independentismo é probable que flaquee. 

Neste escenario, a diferenza do que debuxa Errejón no seu artigo, os partidos do réxime son tremendamente poderosos, toda vez que a propia esquerda non asimilada polo Réxime contén en si mesma a contradición entre europeístas/soberanistas (unha contradicción que, por suposto, tamén está presente en partidos que se declaran soberanistas/independentistas/nacionalistas), de aí que todo este bloque disidente teña moito medo a abordar a cuestión.

Nalgún momento do seu artigo, Errejón di que Rajoy pretende afrontar o "combate del déficit por la vía de los recortes y no por la vía de los ingresos", o que dá unha idea clara da visión de Errejón a respecto da cuestión do Pacto de Estabilidade Orzamental Europeo, un tratado que obriga ao neoliberalismo en toda a Eurozona. Errejón, como outros moitos, pensa que é posible manter o Estado do Benestar e mudar tipo de sistema produtivo que o reparto do traballo a escala europea outorga ao Estado español a través, simplemente, da reforma fiscal. Porén, iso dificilmente se sostén. Só pola vía do aumento de impostos -e canto máis nun espazo aberto para a fuxida de capitais- non se acadan metas tan ambiciosas. E só acadando metas tan ambiciosas é que se poderá falar, con algo de credibilidade, de "Cambio".

Noutro momento do seu artigo, Errejón di que unha fortaleza do espazo disidente co Réxime é que xa gobernan en numerosos espazos urbanos. Sostén que é neses espazos onde ten que xurdir, xa, o Estado español do porvir. Novamente, penso, Errejón é demasiado optimista a respecto da capacidade das cidades gobernadas pola esquerda para debuxar, no presente, políticas alternativas ás do Réxime de 2011. 

En realidade, o mesmo que o bloque do Réxime ten algunhas debilidades, o bloque antiRéxime ten, nos gobernos das cidades, non poucas debilidades derivadas da súa dependencia doutras forzas (do Réxime) para manterse no poder, ás que hai que sumar a gran debilidade que impón o marco legal para facer políticas non-neoliberais.

En resumo, a non abordaxe de Errejón da cuestión europea ten algunhas razóns de fondo que poden explicala. Por unha banda, o tema introduce unha fenda no propio espazo disidente. Por outra banda, abordar esta cuestión nunha sociedade española tradicionalmente subxugada polo que Costas Lapavitsas, botando man do concepto de ideoloxía de Marx, chamou a "ideoloxía europeísta", significa emprender unha carreira de fondo pouco atractiva para a Nova Política dos marcos gañadores, aínda que non sabemos exactamente que é o que se vai gañar permanecendo neses marcos. Así, salvo que o melón europeo se abra en canal nas esquerdas disidentes co Réxime, asistiremos a unha batalla contra un inimigo ficticio que observará, desde arriba e a salvo, como pelexamos con muiños de vento.

3 comentários:

Costadamorte disse...

Interesante reflexión..., mais teño algunha discrepancia!...
Na España ainda hai unha dereita capitalista non plenamente globalizada, para min a diferencia está entre empresas "cautivas" do mercado interior e das subencións gubernamentais..., e empresas emancipadas pola sua maior globalización...
Entre as primeiras están as constructoras, (pesia a sua aparente internacionalización son debedoras da influencia do goberno e do réxine, a canle de Panamá ou o "TAV" a Meca non o gañaron por elas), os bancos grandes menos o Santander, e as principais empresas "nacionais" de distribución, (El Corte Inglés ou Mercadona), as electricas...
No segundo grupo temos a maioría das empresas ainda formalmente nacionais pero verdadeiras multinacionais..., (Inditex, Santander, en menor medida Telefonica e Repsol), e todas as empresas importantes industriais, especialmente os "montadores" de coches, Para min isa é a razón fundamental do "problema" catalán..., obxetivamente a Europa globalizada do capital víñalle mellor unha Cataluña independente, mais calan e otorgan por non incomodar ao chauvinismo español..., (e francés e mesmo italiano)...

O Fuco disse...

Interesante o teu comentario. Aínda que eu non separaría ás empresas subvencionadas polo estado para que fagan negocio fóra das "multinacionais". O Estado neoliberal é un axente activo da globalización.

Costadamorte disse...

O Fuco: Si..., e non!..., que o "Estado neoliberal" sexa un axente activo da globalización..., depende moito de que "Estado" e das circunstancias "nacionais" do mesmo...
Constreñíndonos ao marco da UE, (no resto do mundo a cousa ainda é moito mais complexa), e dando por "neoliberais" a tódolos estados membros..., (nen Grecia se salva), hai "intereses" moi diversos e contradictorios, (así explícanse cousas coma o Brexit, que pon dos nervos aos "mercados", pese a estar impulsado por digamos a dereita británica, ou mesmo o conflicto arredor de TTIP e o CETA)...
Na UE hai estados que gardan no seu "liberalismo" certos matices proteccionistas, saudade do "imperio" e mesmo contradicións entre importantes clases medias da "burguesía nacional" e os intereses financieiros das multinacionais, hainos que teñen un estado "superior" do liberalismo que beneficialles a completa desregulación, e hainos en situación case decimonónica que nin tan siquera acadaron o desenvolvemento da sua propia burguesía e na práctica funcionan coma protectorados neocoloniais, mesmo con curiosos exemplos "insurreccionais", as veces dende a "esquerda" as veces dende a dereita nacionalista!...
Ben, no caso "Español", temos un pouco de todo..., o malo!..., temos algúns resabios do imperio, (motivo polo que non poden recoñecer nin a "plurinacionalidade", temos o ansia da vella burguesía local de reservarse o mercado interior, (polo que baixo ningún concepto están dispostos a perder o mercado catalán como mercado cautivo, mais de extracción de recursos de capital case que como mercado de consumo), temos o comportamento foráneo sobre o conxunto do estado como sobre un "protectorado neocolonial", (paradigmáticas a chamadas a orde a Zapatero para mudar a política económica e a Sagrada Constitución)... E temos tamén exemplos de comportamento de puro capital globalizado...
E en España o "Estado neoliberal" ten que mirar un pouco por todos ises intereses non sempre coincidentes!...