11/10/2016

Comentario a un artigo de Pablo Iglesias

Unha das maiores novidades que introduce o que poderiamos chamar a ideoloxía posmoderna ten que ver coa linguaxe, se ben as orixes non están tanto nos teóricos franceses dos anos oitenta (pois estes son menos orixinais do que se cre) como algo máis atrás no tempo. O xiro lingüístico que introduce o primeiro Wittgenstein: "os límites da miña linguaxe son os límites do meu mundo" está moi relacionado co textualismo de Derrida e este coa idea de Lyotard de que, nunha época de relativismo máximo, imponse a "fin das grandes narrativas" (o que non é máis ca outro refrito da fin das ideoloxías que antes que Lyotard xa teorizara o liberal Daniel Bell), pois a iso reduce o francés ás ideoloxías que trataban de articular politicamente as condicións materiais dos distintos sectores sociais. 
Así, para Wittgenstein o labor do filósofo, do intelectual, é dedicarse a desenlear as confusións que crean os "xogos lingüísticos" tendentes a facernos crer que podemos referirnos a un afóra da linguaxe, isto é, que podemos tratar de acceder ao mundo exterior á nosa "burbulla" cultural. Disto colíxese que debemos dar por feito que nin hai nin pode haber relación entre as palabras e as cousas, de xeito que non debemos ter medo a considerar ás palabras como significantes baleiros susceptibles de seren enchidas co significado que se nos antolle.
Partindo destas premisas, o Laclau que inspira a Podemos (e que constitúe a única innovación desa organización a respecto do que xa existía na esquerda) rescata o termo populista das súas connotacións negativas e propón o mesmo como marco formal (como unha forma xeral de facer política) susceptible de ser enchido con contidos ideolóxicos concretos.
No último artigo de Pablo Iglesias, este trata agora de explicar as diferenzas entre o populismo de Trump co de Podemos. Considera que existe un momento populista e que este toma distintas formas. Formas elitistas e fascistas ou formas democráticas e populares. Pablo Iglesias vese obrigado a deslindarse claramente dese populismo trumpiano toda vez que a calificación de Podemos como partido populista non foi só cousa dos media sistémicos, que, por outra banda, si substituíron o que noutros tempos foi o perigo comunista ou nacionalista cun perigo populista xenérico, senón que foi o propio Podemos quen asumiu e fixo gala do termo e declarouse influenciado pola teoría populista de Ernesto Laclau e Chantall Mouffe.
Na tradición da esquerda, o que os populistas chaman "momento populista" é, simplemente, o momento potencialmente revolucionario que devén sempre que existen crises sistémicas do capitalismo. Así, o populismo laclauniano o que fai é substituír a palabra "revolución" polo concepto "momento populista."
Unha esquerda que non se declare populista, nun momento potencialmente revolucionario, probablemente terá que debater cos seus opoñentes sobre moitas cuestións, pero non, desde logo, sobre por que chamándose populista non é populista ao xeito en que o é Trump e outros. E mesmo que a prensa tratara de facer crer que todos os gatos son pardos (isto é, populistas) sempre sería máis fácil deslindarse do populismo a la Trump cando un nunca se definiu, nin fixo gala, de ser populista.
E aquí retomamos o que diciamos ao principio. As palabras non son simples significantes flotantes, entre outras cousas porque as palabras teñen historia. As palabras fan referencia a cousas que suceden na realidade e que, ademais, xa sucederon na realidade noutras ocasións. O adanismo pensa que pode volver definir o mundo a cada instante. Pensa que o mundo naceu cando naceu o novo Adán. Pero o mundo é vello, a Historia é longa, e as palabras son as ferramentas, tamén históricas, que utilizou o ser humano para explicar e explicarse ese mundo.
A esquerda, indepedentemente das articulacións concretas que tome en cada tempo e lugar, é tamén unha tradición. E nunha tradición as palabras non son substituíbles e enchibles de significados a cada cinco minutos. As palabras, por así dicilo, teñen o seu peso.
Se en lugar de chamar ao momento que vivimos "momento populista" e se en lugar de definirse a si mesmo como "partido populista", Podemos referise o presente como "momento potencialmente revolucionario", "momento de crise do capitalismo" (ou, como Beiras o chamou cando outros eran miopes ante o que acontecía, "momento da creba democrática") e se, ademais, Podemos se referise a si mesmo como partido de esquerdas (o de gruñona non é imprescindible), Pablo Iglesias non tería agora que preocuparse tanto por deslindar entre un populismo bo e un populismo malo. O facilmente lexible por todos, máis ben, sería que nos atopamos nunha situación que xa se produciu, mudando o que haxa que mudar, noutros momentos históricos. Unha situación na que a crise das institucións políticas que se deriva da crise económica potencialmente polariza as saídas en dous grandes campos antagónicos (non agónicos, como quere Chantall Mouffe, pero ese é outro tema que no que non vou entrar aquí): o fascista, que pretende manter o statu quo capitalista a través do autoritarismo e a alternativa de esquerdas, democrática e popular, que trata de dar saída á crise do capitalismo en beneficio dos máis.
O artigo de Pablo Iglesias, que comeza instalado no paradigma populista remata derivando cara ao Gramsci -testemuño directo do período de entreguerras no que se produciu una situación socio-económica semellante á actual- dos límites do cesarismo na Europa occidental e da necesidade da construcción, na sociedade civil, de "fortíns e casamatas". Cómpre engadir que para Gramsci o cesarismo non é intrinsecamente negativo, cesarista é todo intento de toma do Estado a través do blitzkrieg, a guerra lóstrego, como inocentemente pensaron en Podemos que poderían facer cando o lema era "asaltar os ceos".
Así, no artigo, podemos dicir, Pablo Iglesias comeza como populista e remata como gramsciano (que é como dicir que comeza cunha categoría extraña á tradición da esquerda e remata noutra inserida nesa tradición).
Evidentemente, aínda que Pablo Iglesias, neste artigo, parece estar a falar de Donald Trump, en realidade está a falar do debate interno que ten Podemos neste momento. Fronte este "retorno á casa" de Pablo Iglesias está a visión errejonista que pretende permanecer no posibilismo populista; o cal, verificado o fracaso do blitzkrieg, só pode desembocar na acentuación da demagoxia e no nacionalismo sen compoñente de clase -se a economía continúa sen estabilizarse-, ou na domesticación e adaptación ao parlamentarismo TINA (There Is No Alternative) -se as augas da economía se calman.

Sem comentários: