O PSOE foi, nos últimos trinta e pico anos, o pau de
palleiro do sistema de partidos español. Era "o partido que máis se
parecía a España" aínda que fose creado coa financiación da
socialdemocracia alemá e o beneplácito de Washington para conter o comunismo. O PSOE foi o encargado de
crear, nos anos 80, cando toda Europa comezaba a era neoliberal, un Estado do
Benestar máis ou menos homologable ao que no resto de "occidente" se
construíra na posguerra. Avances sociais que actuasen como vaselina dunha
Transición que deixaba de xefe do Estado ao monarca nomeado polo ditador. Todo
un símbolo da continuidade do franquismo sen Franco que se reflectiría en todos
os estamentos da sociedade española: do económico, ao político, pasando polo
mediático. O PSOE trouxo aires de (pos)modernidade cultural e incorporou a
España a dúas estruturas fundamentais do capitalismo globalizado: a OTAN e a
CEE. O PSOE encargouse de desmantelar os sectores produtivos, de introducir
leis laborais que atomizasen, precarizasen e, finalmente, destruísen o
movemento obreiro e de especializar a España coma un monocultivo de negocios
encabezados por rendistas e hosteleiros. O PSOE conseguiu que Barcelona fose
olímpica no 92 e que o AVE percorrese as pobres estepas manchego-andaluzas á
velocidade do raio. O PSOE, por medio de PRISA (ou viceversa), creou todo un
universo de referencialidades culturais que expresaban que era ser progre en
España. Unha hexemonía cultural que enchoupaba tanto aos sectores
antifranquistas procedentes do PCE, como ás novas clases medias, como ás vellas
clases medias máis aggiornadas, coma
aos protohipsters do Tentaciones como
aos homes de negocios liberais que falaban a xerga dos triunfadores nas páxinas
salmón. O PSOE foino case que todo en España. O PSOE era a un tempo Pedro Zerolo e
Paco Vázquez, Maragall e José Bono. Por iso só podía ser alguén do PSOE quen modificase
o artigo 135 da Constitución española despois de recibir unha misiva, de tintes
mafiosos, con remitente no Banco Central Europeo; reforma que marca un
punto de inflexión no que respecta á xa de por si escasa soberanía do
Estado-nación chamado España. O PSOE, que experimentara case que todo o que se podía experimentar politicamente en España, só había unha cousa que aínda non catara. Nin siquera cando, a mediados dos noventa, a corrupción obscena que rebordaba tras anos e anos de maiorías parlamentares, provocou que un home gris, de bigote negro e sinistro e mirada torba e acomplexada lle arrebatase o temón do Goberno. O PSOE nunca soubera exactamente o que significaba estar morto. Pero ser o partido máis parecido a España significa tamén que cando unha crise económica sistémica fai abalar os alicerces do réxime instalado desde 1978, sexa o PSOE quen concentra en si, actuando coma unha metonimia do Estado, todas as contradicións. E se ben tivo no pasado momentos bochornosos -por
dicilo suavemente- como cando se encargou de organizar unha banda terrorista
desde as cloacas do Estado para facer guerra suxa no País Vasco, os rocambolescos episodios acaecidos durante o día de hoxe na sede de
Ferraz indican que o pau de palleiro é, arestora, máis ben un pau de galiñeiro.
Isto é: un anaco de madeira podre e comesta polo barolo que só se mantén en pé
polo sólido pegamento que exerce a merda que acumulou despois de trinta e pico anos de centralidade absoluta no mapa político español.
1 comentário:
Qué peniña!
Enviar um comentário