Na medida en que o PSOE é unha parte
constitutiva do Estado-Réxime, o que sucedeu esta tarde coa dimisión de 17 membros da executiva para evitar as primarias e o congreso que pretendía Sánchez
é, nin máis nin menos,
que un golpe de Estado onde a substracción da soberanía popular se dá no corpo das bases do PSOE como representación, en pequeno, dos cidadáns de todos os pobos do Estado. Tal foi a importancia do asunto que, como nos bos
vellos tempos, TVE interrompeu a programación para anunciar o ocorrido.
Que todo isto suceda ao tempo que Juan Carlos I é sospeitoso de tentar pagar a Manos Limpias un pastizal para que retirasen a acusación contra a súa filla, tampouco pode ser casualidade.
A probable gran coalición, explícita ou
implícita, según como a queiran vender, que se enxerga no futuro, permitirá cumprir co que Bruxelas
agarda para os próximos orzamentos do Estado. Como aquí explican, a mera prórroga dos mesmos por parte dun goberno en funcións, non sería de todo viable.
Se as forzas que se dicían do Cambio volven ser de Creba democrática (como se chamen dá igual, o importante é cal sexa
a súa praxe, e esta non debe ser a do "cambio"), a Gran Coalición
deixa todo o campo da oposición ao "Réxime do 78/2011" para elas. Iso significa,
por exemplo, que o goberno valenciano presidido por Ximo Puig, un dos
demisionarios que provocaron a caída de Sánchez, co apoio de Compromís e
Podemos, non pode durar.
A situación pode ser ben semellante á que deixaran as
primeiras eleccións xerais, as do 20D de 2015. A torpeza de Podemos ao non
investir a un PSOE que, de facto, tería que gobernar como unha Gran Coalición para aprobar calquera medida lesiva para as clases populares,
deixando todo o espazo da esquerda para eles, provocou que Rajoy saíse vivo e
que os comicios de Euskadi e Galicia fosen máis propicios para a estabilidade
que para as mudanzas.
Podemos terá que escoller. E nese debate andan,
agora mesmo, entre a liña errejoniana, que procura substituír ao PSOE
parecéndose a el, ou a liña de Iglesias que, según parece, apostaría pola
ruptura.
En Marea terá que facer o propio. Á vista
destes acontecementos, a campaña de En Marea pivotada sobre o desenvolvemento
do Estatuto preséntase aínda máis equivocada do que o foi. Pódese continuar por
esa senda ou pódese virar e facerse co facho da non homologación. Pero para iso hai que eliminar toda veleidade neoquintanista.
Cando o procesisme
remate coa finalización e normalización do proceso independentista en Cataluña (e niso están), a esquerda catalana terá que tomar a mesma decisión: ruptura ou
homologación.
A diferenza da primeira Transición, hoxe
pódese manter no tempo o discurso da ruptura. Máis ca nada por pura necesidade: non
facelo significará aceptar o neoliberalismo antidemocrático europeo e tamén
colocarse de perfil ante os malestares sociais que os recortes por vir seguirán
causando.
Sem comentários:
Enviar um comentário