1. A mellora dos resultados do PPdG nas
últimas xerais, cun candidato tan queimado como Rajoy, facía razoable a
hipótese de que nunhas galegas Feijóo lo petase. Se a iso lle sumamos que os
resultados desas eleccións tamén indicaban que a burbulla Podemos estaba
pinchada. Só era preciso quitar o veo da "ilusión" e saber como funcionan as
cousas neste país.
2. O resultado de En Marea sería un bo
resultado... se En Marea fose unha organización cohesionada e non un
chiringuito con máis tribus que o Amazonas. Agora iremos vendo como de suxeitas
ten as costuras. Iso si, visto o visto no resultado xeral, creo que a renuncia
ideolóxica sen ningún tipo de debate político colectivo que empredeu moito do
mundo que está integrado aí dentro non pagou a pena.
3. Os resultados para Anova (partido que, por
ser o de Beiras, é o que achegaba máis capital político xunto con Podemos) son
lamentables: 2 deputados. Os resultados para Podemos son mellores dos que, creo eu,
obterían facendo unha campaña en solitario: 6. Se temos en conta que EU está en
total sintonía con Podemos, cómpre sumarlle 2 deputados máis. Os
deputados-as lugueses, a medias entre Cerna e unha sorte de quintanismo non
identificado: 3. Finalmente, Ánxeles Cuña, por Ourense, que, pola evolución da
campaña nesa circunscrición, eu non sabería neste momento onde ubicar.
4. Pablo Iglesias dixo, no máis puro estilo,
pa chulo mi pirulo, que Podemos era primera forza de ámbito estatal no País
Vasco, que En Marea segunda en Galicia e que, polo tanto, había que continuar
con... Unidos Podemos (!) Pero se en Euskadi se presentaba Podemos e en
Galicia En Marea... que é o que quere dicir exactamente PI, especialmente no que
se refire a Galicia e especialmente á parte nacionalista de En Marea (ademais, do pobre que resulta que o primeiro twit da noite o dedique ao debate interno co errejonismo)?
5.
Leiceaga é o próximo Dinoseto: Caballero vaino podar. O malo é que era un bo candidato para o PSdG, o peor é que En Marea tiña un perfil tan parecido que puido roubarlle electorado. Trasvase de votos e café augado para todos.
6. O PPdG é un partido orgánico. Iso quere
dicir que está instalado na realidade cotiá ideolóxica e material dunha parte
moi importante dos galegos e galegas. E iso quere dicir que é como unha rocha.
En suma, está ben desprezar todo o desprezable que hai no PP (que é moito,
obviamente), pero tamén aprender: menos Laclau e máis Gramsci.
7. Na medida en que o BNG tamén é orgánico ao
seu xeito, é dicir, na súa parroquia, o BNG tamén é unha pequena rocha,
resiste. Se nestas eleccións tivo un plus de resistencia para o que se podía
percibir, ten que deberse -ademais de a que Ana Pontón fixo unha boa campaña- a que moita xente, cun perfil ideolóxico moi definido
e pouco dado a seguir modas, non viu en En Marea unha alternativa consistente
ao BNG. A propósito do BNG engadir tamén unha cousa: xa non se pode dicir que a UPG controla pero que non consegue os votos. O BNG hoxe é, practicamente, a UPG, e a candidata á presidencia tamén é militante dese partido. Unha incógnita máis da política galega despexada.
Sem comentários:
Enviar um comentário