Karl Polanyi expresou a súa teoría do dobre
movemento, máis ou menos así: hai épocas de expansión dos principios da lei da
selva, é dicir, do mito dos mercados autorregulados, que acaban provocando un
movemento de autoprotección da sociedade e das súas institucións e redes de
solidariedade interna fronte as tendencias disgregadoras dos mercados.
Máis que debido á causa coxuntural dos
atentados de París compre ler a vitoria do Front National nas rexionais francesas
coma a concreción desviada e reaccionaria dese movemento de autoprotección da
sociedade francesa tras anos de dogma neoliberal, dura crise económica e desmantelamento das ferramentas de
soberanía política en favor de superestruturas sen control democrático
como a UE.
A desaparición da esquerda como movemento conrespostas para as clases traballadoras, a súa deriva clasemedieira e a súa
entrega aos principios cosmopolitas da globalización capitalista axudou a que
sexa a forma fascista quen recolla o descontento provocado pola penuria económica
e a anomia social.
No Estado español estamos en plena campaña
electoral. Eu mesmo estou metido no ollo do furacán. Falamos de cambio, falamos
de mudalo todo.
Máis alá dos eslogans, calquera que sexa
honesto consigo mesmo sabe que nada vai mudar no mínimo necesario para facer
políticas económicas alternativas sen rachar algunhas cousas que, hoxe por hoxe, non
aparecen nos programas políticos.
Porén, o esforzo noso non é inútil. Tentar
recoller ese descontento, impedir que o lazo social volva anudarse a custa da
exclusión de clase, social ou étnica coa que coquetean as forzas reaccionarias
e que o faga a través do principio igualitario non é pouca cousa. Ademais, calquera
mudanza en profundidade sempre depende da correlación de forzas, da masa de
persoas que pulen pola remuda do status quo.
A partir de aí, o que tocará será facer
pedagoxía. Explicar de vez, con claridade, que espitas hai que levantar se de
verdade queremos dotar de substancia á palabra Cambio. Non facelo,
converterianos en cómplices da Restauración. En Gatopardos. En axentes, conscientes ou inconscientes, do movemento
disgregador do social do que falaba Karl Polanyi.
Sem comentários:
Enviar um comentário