11/26/2015

Liberalismo e xiro lingüístico


Onte no Parlamento de Galicia o deputado de AGE, Antón Sánchez, presentou unha proposición non de lei na que se instaba á Xunta de Galicia a demandar a Mariano Rajoy -dado que o actual presidente do goberno español fora vicepresidente no goberno Aznar da altura- que fixese o que Tony Blair: pedir perdón pola guerra de Iraq. Xa sabemos que Blair non pediu realmente perdón, veu dicir que el actuara correctamente pero que contara con información incorrecta. Ata aquí chegou a enmenda aos feitos do premier, pouco máis se lle pode pedir ao personaxe. Porén, que a guerra de Iraq regresase ao Parlamento Galego e que suscitase o debate sobre os actos terroristas de París e a resposta que está a dar “Occidente” aos mesmos tivo o seu interese, especialmente no tipo de argumentos utilizados por Daniel Varela, o deputado do Partido Popular encargado de respostar a Antón Sánchez.

Comezou Daniel Varela sinalando o moito que respectaba a Antón Sánchez como deputado. Algo que podería resultar crible se a floritura non fose só un prólogo ao leit motiv do discurso que daría a seguir: a confrontación da tolerancia e os valores liberais occidentais vs. a tiranía do “islamofascismo”, onde os apelos á unidade tiñan certo arrecendo á unidade fronte o nazismo na segunda guerra mundial.

No discurso de Varela estaban todos os tópicos eurocéntricos: o “máis Europa”, os valores liberais da tolerancia relixiosa, a sociedade aberta, adiantada, que respecta a homosexuais e mulleres e que xa inclúe dentro do seu universo cultural reivindicable os concertos de grupos de rock aínda que se chamen Angels of death metal. Varela, ademais, puxo sobre a mesa nomes sobradamente coñecidos como pais destas ideas: Bertrand-Henry Lévi e Michel Houllebecq.

Todo vale en Occidente. O liberalismo respéctao todo: o sementador de odio e novo filósofo sionista que leva anos esixindo bombardear calquera país de Medio Oriente e África que non sexa Israel, o depravado que tanto fai alegatos misóxinos como escribe panfletos propios do Fronte National. Todo aquel que apele á liberdade (palabra favorita do liberal por ser polimórfica e flexible como o propio capitalismo) ten un asento no lugar dos xustos. Para o tolerante occidental todo é merecedor dun pulcro respecto no plano do discurso; é a coñecida máxima volteriana de “non estou de acordo co que dis pero defenderei coa miña vida o teu dereito a expresalo”, isto é: todo está ben mentres só se trate de que o expreses, non de que o leves a cabo.

Que quen sosteña estes argumentos sexa ao tempo dun partido que se nega a quitar crucifixos das escolas ou que esixe que os alcaldes paguen procesións relixiosas non ten importancia. Estas cuestións son remanentes do pasado. Ítems chamados a desaparecer cando a facción máis atrasada da dereita desapareza por simple imposición biolóxica. A nova dereita, e verémolo máis claramente cando Ciudadanos acceda masivamente ás institucións, é máis proclive a deixar que todo valor moral ou ético “esvaeza no ar”. Son restos de épocas de pensamento forte, cousas do pasado que non cumpren ningún papel no tempo dos significantes flotantes onde o único forte é a circulación do capital e dos recursos enerxéticos imprescidibles para a súa reprodución. Tampouco importa que o número de mulleres asasinadas no Estado español alcance cifras escandalosas ou que a homosexualidade, fóra das series de televisión, estea lonxe de normalizarse. Porque, con certeza, o importante é que o estea nas series de televisión. No mundo exterior á burbulla discursiva as cousas seguen a ser moito máis ásperas e rudas.

Quen traballa por unha miseria segue a notar na fisicidade do seu corpo o desgaste e a explotación. O mesmo quen non pode acceder a un medicamento necesario. Quen é asasinada a golpes, tamén. Pero aquí estamos a xogar un xogo diferente que nada ten que ver coa carne nin cos moratóns: cando se considera que os problemas só se deben abordar no plano do discurso, pois abordalos no plano dos actos provocaría menoscabar a liberdade privada (do centro de traballo, do domicilio), é suficiente con enunciar lingüisticamente que determinado problema é un problema superado para que estea efectivamente superado. Ademais, poñámonos como nos poñamos de estupendos, a trastenda saudí e qatarí é imprescindible para insuflar petróleo no sistema circulatorio do capitalismo da globalización e, por moito que aos xeques lles encanten os burkas e as decapitacións con sabre, vano seguir sendo.

O discurso da tolerancia é un coitelo de dobre gume onde o que tolera converte o feito de tolerar nunha desculpa para aniquilar a quen non acepta o consenso do que é tolerable.

O imaxinario occidental ten forma de mosaico fragmentario de estilos de vida, ideas soft, relacións online, opinións volátiles, modas e estudos de mercado. Un escenario de fondo de cores estridentes que actúa como decorado para a circulación de materias primas e capital financeiro. A esquerda que se move cómoda nos marcos da posmodernidade debería parar a pensar seriamente se non está a cumprir un papel nefasto na perpetuación de todo isto.

Sem comentários: