6/15/2015

Telegramas arredor do affair Zapata

O que di Anxo Quintana ultimamente interésame máis ben nada. Pero dixo unha frase, cando o bipartito perdeu as eleccións galegas, que debería estar tatuada na pel de todos-as: tiñamos o goberno pero non o poder. 

A cousa esta dos tuits politicamente incorrectos de Guillermo Zapata será unha anécdota comparado co acoso e derribo que virá enriba dos novos gobernos municipais nos próximos meses.

O malo de basear a estratexia política principalmente en desputar o poder ao Poder en lugares do Poder (mass media) consiste en que indirectamente reforzas o papel deses na sociedade.

Gañar a batalla-Zapata, mero episodio da lamacenta guerra de trincheiras que vén, pasa porque este non demita e porque o movemento se manteña autónomo a respecto dos discursos do poder dominante.

Ser autónomo, aquí, significa desintoxicarse de democratismo liberal e asumir que este é un episodio da guerra de clases que, neste caso, ten lugar contra unha corporación que nin sequera tomou a primeira decisión política.

A autonomía do movemento pasa pola autoorganización do movemento que cree novo sentido común mediante a súa propia práctica autoorganizativa e non por megalíderes catódicos sabelotodo.

A dialéctica nova política-vella política é unha trapallada. A política é unha e consiste na expresión do conflito que se alimenta das desigualdades sociais.

Os discursos rexeneracionistas como o que baseaba a confrontación no: todo é casta excepto nós, os eticamente impolutos, teñen as patas moi curtas.

O medo non cambiou de bando. Eles seguen a ser infinitamente máis poderosos ca nós. En realidade, agora deberíamos terlles máis medo ca nunca. Estamos comezando a enfrontarnos a eles de verdade. O que quere dicir que rápido comezarán a bater en nós.

A Unidade Popular vai alén do electoral e é imprescindible. Só alguén moi irresponsable ou moi inconsciente pode pensar que abonda coa súa forza para enfrontarse ao Poder.

2 comentários:

Sérgio Nunes disse...

Só alguém que tem como objectivo primeiro derrocar a alternativa autoproclamando-se a Verdadeira Alternativa, pode importar-lhe bem pouco a "confluência". Vejo muita preocupação em que a V.A. mude a sua estrategia, sem que a alternativa proponha uma verdadeira agenda própria que deixe sem escolha a quem não queira somar-se.

Na Galiza, já, deveria de se estar a conformar-se essa "Maioria Galega" (nunca entendi o por que na 2ª Rep. se autoproclamam "Minoría Gallega" quando erão a primeira força no país), dando passos firmes. Sem aguardar a ninguém, mas sem excluír. Que cada quem faça a sua escolha. A cidadania consciente está nisto, logo poderá ou não vir o resto.

Do contrário, há um calculado movimento adiante, atrás, sempre olhando de esguelho à V.A. e qual o seu papel. No fundo, um complexo por pensarem que não são quem de atinar com as teclas adequadas.

PS: O governo de coaligação também deitou esforços em se possicionar com os médios vigentes. Porém estes já tinham decidido quais erão as suas prioridades e filias. Talvez alguns gostariam de não estar tão proximos a Podemos quando cheguem os idus de março.

O Fuco disse...

Totalmente de acordo. A Marea Galega debería estar xa construíndose sen agardar por ninguén.