4/27/2015

Podemos e a rojigualda

En consonancia co resto de temas, o discurso político de Podemos a respecto da cuestión nacional está a mudar a toda velocidade: do apoio claro ao dereito de autodeterminación dos pobos anterior ás eleccións europeas, ao ultimísimo debate que, segundo algunhas informacións, se está dando na cúpula podemita para "normalizar" a presenza da bandeira rojigualda no partido, hoxe Podemos parece emular os pasos do PCE da Transición; momento histórico no que tamén se falaba de ruptura vs. reforma. Non en van, un dos dirixentes podemitas xa deixou caer que rematar co réxime do 78, termo habitual na xerga do partido ata hai ben pouco, non sería xa un obxectivo dos da Complutense.
Un comprende perfectamente as cuitas dentro de Podemos. O nacionalismo é un aglutinador moi potente que, no estado español, semella un caramelo saboroso para a esquerda. Tras a súa recomposición despois da fenda histórica que supuxo a guerra civil, as esquerdas das chamadas nacións periféricas recorreron tradicionalmente ao aglutinador do nacionalismo sen grandes contradicións, toda vez que aqueles movementos nacionalistas eran identificados coma opostos ao réxime franquista; e fixérono con maior ou menor éxito na medida en que eses símbolos e filiacións nacionais gozaban xa de certa hexemonía nesas mesmas nacións. Durante a Transición, a esquerda española pretendeu aproveitar o aglutinante nacionalista incorporándose á nova realidade institucional que se abría mediante a normalización, tamén, da súa relación cos símbolos do nacionalismo español, nomeadamente coa bandeira e a monarquía.
Porén, Podemos debería tirar conclusións dos magros réditos sacados polo PCE despois de aceptar os consensos da Transición. Malia que as nacións sen estado dentro do estado español visen truncados os seus procesos nacionalizadores é un erro pensar que o proceso nacionalizador do estado español si se completou. Este carácter inacabado dos distintos procesos nacionalizadores do estado español son os que converten en ilusións vas calquera tentativa de eludir o debate, este sempre rebrota e condiciona os aliñamentos políticos de calquera bloque social que pretenda, desde a esquerda non socioliberal, crear unha alternativa. Na medida en que Podemos acepte os consensos nacionais que hoxe imperan no stablishment español, separarase de todas as forzas chamadas a conformar un bloque social alternativo. Ese camiño só pode conducir á impotencia ou á cooptación.

Sem comentários: