5/09/2014

Textos escollidos para ler o presente (XVIII)



 «En moitos países —suliñaba Gramsci nunha reseña do Caderno 17— os partidos orgánicos e fundamentais, por necesidades da loita ou por outra causa, fragmentáronse en fraccións, cada unha das cales adopta o nome de Partido e mesmo de Partido independente». Podería observarse, así, que dous procesos opostos levan a un resultado moi parecido: por un lado, os grandes partidos tradicionais que se fraccionan en partidos aparente ou formalmente distintos; polo outro, partidos que se moven dende puntos de partida afastados, ou nas antípodas, que se unen en nome da “cohesión” e dan vida a algo non moi diferente daquela unidade orgánica, pero articulada en partidos distintos, na que Gramsci pensaba cando aludía ao pluripartidismo puramente “epidérmico” de tantas sociedades políticas do seu tempo.

Que teñen en común os dous fenómenos?  «A miúdo, polo tanto —prosegue Gramsci—, o Estado Maior intelectual do Partido orgánico non pertence a ningunha de tales fraccións senón que opera como se fose unha forza directriz por si soa, superior aos partidos». Gramsci, que escribía nunha época na que a forza da “acción política” dos partidos, como el diría, era enorme, refírese a centros de opinión e orientación o suficientemente fortes para influíren nunha pluralidade de partidos substancialmente afíns (o Times ou o Corriere della Sera). O noso presente ofrécenos novas modalidades e xeitos desta función directiva e de orientación. No caso de Italia, de España e de Grecia, viuse que as ordes do Banco Central Europeo (fortaleza dos vínculos supranacionais constituídos pola “gaiola de ferro” dos parámetros de Maastricht) derriban gobernos, fan nacer novos, organizan o nacemento de coalicións, prohiben referendums en países aparentemente soberanos. “Unha forza directriz por si soa”, pero, de que entidade!

Extracto de El partido único articulado. Traballo incluído en La historia falsa y otros escritos (Madrid, 2013) de Luciano Canfora.

Sem comentários: