5/26/2014

5 notas sobre as eleccións europeas



De madrugada, despois de exercer de tertuliano sabelotodo na radio que Praza Pública argallou para esta noite electoral, deixo aquí algunhas das ideas que comentei alí e algún que outro pequeno condimento novo.

1. O réxime abala. O bipartidismo non se afunde (polo de agora) pero sangra en abundancia, especialmente polo seu elo máis débil: o PSOE. Cataluña vaise converter nunha auténtica dor de cabeza e o País Vasco non se conformará co taponamento ao proceso de paz. As frontes abertas no status quo da II Restauración Borbónica multiplícanse e os recambios en forma de novas formacións rexeneracionistas como UPyD non acaban de callar.

2. AGE coloca a Lidia Senra no Parlamento europeo e consolídase como terceira forza aguantando o tirón despois do affair Carmiña, de que Anova, polo seu proceso interno de decantación ideolóxica e de modelo organizativo (aínda en curso) non puidese proxectarse socialmente todo o ben que se requería e de que a Izquierda Unida lle saíse un novo competidor. A lectura da realidade a partir da cal naceu Anova, que percibía o divorcio entre a esquerda nacionalista e a rúa e que alertaba da emerxencia dun novo fascismo financeiro disposto a desmantelar o que había de democracia e de xustiza social (que xa ten o seu correlato político no fascismo tipo anos trinta que hoxe trunfa en media Europa) demostrouse correcta. A aposta pola confluencia no esquema fronte populista, que polo de agora chegou até onde chegou, segue a ser un camiño a percorrer no noso país e no Estado. Dentro do campo do nacionalismo galego, nin o enrocamento do BNG, que con estes resultados sería a quinta forza no Parlamento galego, nin a aposta pola pesca no cada vez máis inexistente cadoiro do centro político de CxG están en condicións de ofrecer unha vía que permita acadar maiorías con vocación de mudar todo o que compre mudar. Anova propuxo mover os marcos e ben faría en seguir a movelos no futuro desbotando calquera tentativa de repregamento na pureza da familia nacionalista.

3. A irrupción de Podemos indícanos que o 15m, contra o que algúns pensaban, non era unha anécdota e que hai un segmento da poboación do Estado español que demanda, dun xeito máis ou menos utópico, pero real, outro tipo de organizacións políticas, que non ten medo a un discurso á esquerda do socialiberalismo e para a que a cuestión do relevo xeracional, nun sistema político dominado polas mesmas persoas que accederon á política no tardofranquismo, é un tema importante. Como sempre que acontece un grande éxito electoral, chegarán tamén os problemas que sempre xorden cando se pasa do plano do discurso ao plano da concreción, tanto ideolóxica-programática como organizativa, pero polo de agora están no seu dereito de celebralo.


4. Na extrapolación dos resultados a Galicia obsérvase a posibilidade dunha alternativa de esquerdas á dereita que precisaría que o proceso de acumulación de forzas iniciado por AGE non só non se deteña senón que se deba aprofundar, sexa con actores políticos xa existentes con anterioridade a estas eleccións (se así o desexan) ou sexa con novos actores políticos como Podemos. O PP está en cifras de mínimos históricos no noso país e o PSOE só ten dúas opcións: ou unha rexeneración pola esquerda (seguramente improbable pero o futuro non está escrito) ou o suicidio en forma de maior achegamento ao PP (incluíndo tamén na opción suicidio seguir a pensar que o seudo antagonismo PP-PSOE seguirá a funcionar como até o de agora e que non existe xa unha percepción xeralizada de que estes dous partidos conforman hoxe un só conglomerado de intereses compartidos).

5. O Parlamento Europeo seguirá sendo igual de inútil que xa era para resolver o carácter antidemocrático das institucións da UE. Pero a tradución da polarización económica norte/sur en expresión política cunha viraxe á esquerda no sur de Europa e á dereita e extrema dereita no norte, ambas con opcións de ocuparen no futuro os resortes dos Estados, é posible que sexa a única vía para que o edificio da UE trema de vez. Haberá que estar atentos a se a emerxencia da Fronte Nacional en Francia, coa súa retórica proteccionista e anticosmopolita, crea friccións entre as distintas dereitas Europeas. Así mesmo, o que poida suceder en Grecia ante un enventual goberno de Syriza que faga efectiva a súa promesa de plantarse ante a Troika será moito máis determinante para comprobar como de reformable é a UE que a aritmética política do impotente Parlamento Europeo.

Sem comentários: