4/22/2014

La mort de la France


Publicaba o diario global que algúns deputados socialistas franceses estaban revoltados coas medidas de austeridade que viña de anunciar o flamante primeiro ministro, e competidor co FN en materia de racismo, Manuel Valls. Na nova incluíase tamén unha cita de Alain Minc, conselleiro neoliberal de Sarkozy, que dicía o seguinte:

«No fondo, Mitterrand desembarazounos do comunismo; agora, Hollande, desembarázanos do socialismo. Isto é, para Francia, un xigantesco paso adiante.»

A frase é dunha grande lucidez e demostra algo que, non por doroso, é menos certo: neste momento, cando o groso da esquerda oficial está instalada no wishfull thinking (que é a forma máis decorosa do non-pensamento), é a dereita desacomplexada quen fai as análises (real)políticas capaces de tirar todas as crúas conclusións da realidade (para outro exemplo disto último, as partes desta entrevista nas que George Soros fala da unión bancaria e da perpetuación da división entre países acredores e debedores dentro da UE).

Se o movemento comunista, en tanto que movemento autónomo de masas, segue soterrado nos cascotes do xa lonxano muro de Berlín e dedícase a presentarse ás eleccións coa esperanza de poder, nalgún momento, aplicar políticas socialdemócratas; os socialdemócratas son, literalmente, walking deads: mortos camiñantes que aparecen nos medios coas súas rosas e as súas reivindicacións, sempre en clave cultural e de dereitos civís, sen tomaren consciencia (ou tomándoa cinicamente) de que aquela caída do muro que experimentaran coma un vitoria histórica sobre a outra familia da esquerda fornecía, en realidade, das pedras coas que haberían labrar a súa propia lápida.

Aurélien Barnier, un intelectual francés vencellado a ATTAC e ao Front de Gauche e partidario do que en Francia chaman desmundialización pono negro sobre branco na tese que defende en "La gauche radicale et ses tabous" (A esquerda radical e os seus tabús): a aceptación do marco da Unión Europea post-Maastricht por parte do PCF francés de Robert Hue, isto é, do PCF socialdemócrata que ficou tras Mitterrand, do que fala Minc, foi o último cravo da esquerda francesa no seu propio ataúde aceptando un grillete que lle impedirá levar a cabo o seu programa. Barnier sitúa en Maastricht o inicio do ascenso de Le Pen. Un Fronte Nacional ao que se lle deixou todo o espazo político para facer un discurso que, non por demagogo e racista, presenta, en materia económica, un verniz menos antiliberal.

Esta mort de la france que diría Matt Eliott é o lugar no que estamos e a revolta dos deputados socialistas, que xa veremos en que acaba, a anécdota contrapuntística dunha traxedia para todo o sur de Europa, posto que Francia era, no reparto de poder da UE, o contrapeso histórico ás ansias imperiais alemanas que hoxe campan de Fisterra a Kiev.

Sem comentários: