3/23/2014

Catro notas sobre as Marchas da Dignidade


1. Se unha das condicións sine qua non para poder falar de auténtico movemento de masas de esquerdas, e non de carrusel electoral, é que exista autonomía a respecto das ideas, medios e organizacións hexemónicas, as Marchas da Dignidade, coa súa capacidade para mobilizar a milleiros partindo da autoorganización de cidadáns conscientes, movementos sociais, sindicatos e partidos non sistémicos baixo o manto de silencio dos grandes media e o desentendemento absoluto do social-liberalismo e dos sindicatos de concertación que vergoñentamente se reunían con Rajoy, Báñez e o xefe da patronal poucos días antes, poñen de manifesto o que cada vez semella máis obvio: o réxime político-económico-cultural que sustenta hoxe o entramado institucional do Estado Español sofre unha aguda crise de hexemonía que está a aboiar primeiro na desafección do "pobo de esquerdas" coas organizacións que até o de agora actuaban como mediadoras-integradoras. Unha crise que os documentais televisivos a cantar as xestas da Transición co gallo da morte de Adolfo Suárez non van conseguir remediar.

2. As arelas da esquerda non esclerotizada —ou non medoñenta ante o movemento real das masas reais e que soubo ler no 15M o verdadeiro síntoma de malestar que era— para que aquel magma potencialmente transformador tornase nun movemento moito máis estruturado e con obxectivos políticos máis claros están a verse colmadas no que hoxe representan as Marchas da Dignidade: a converxencia do espírito de indignación saído do 15M cunha vertebración programática que apunta de xeito certeiro ao inimigo principal neste momento: a débeda e a chamada Troika (FMI, BCE, CE).

3. O alleamento (ou ignorancia) coa que parte do nacionalismo galego viviu a existencia das Marchas da Dignidade, como antes vivira o fenómeno 15M, demostra a vixencia daquela “Teoría dos dous mundos”
utilizada no seu momento por Xosé Manuel Beiras para describir a un nacionalismo galego ensimismado que confunde o seu propio mundo orgánico cunha realidade conformada, cada vez dun xeito máis decisivo neste presente caótico, polas dinámicas menos homologables e previsibles de movementos sociais críticos, capaces e lúcidos.

4. A claridade do discurso socio-económico unido á aparente asunción da pluralidade no nacional permite enxergar —nesa amalgama de esquerdas que fan política, porque o padecen, no marco do actual Estado español— un terreo de xogo practicable para continuar no proceso de acumulación de forzas. Tamén para os que consideramos que a nosa nación é Galiza e que entendemos acertado forxar alianzas para loitar por unha quebra democrática a nivel de Estado que dea un golpe de temón á cuestión socio-económica (na que impugnar con todas as consecuencias as actuais relacións de poder entre o sur e o norte da UE será central) e que poida supoñer un paso de xigante na resolución das cuestións nacionais do propio Estado Español.

Sem comentários: