5/14/2013

Sostén Xavier Vence


Na entrevista con Xavier Vence que hoxe publica Praza afírmanse un par de cousas sobre Anova das que me gustaría facer algún comentario. Sostén Xavier Vence que:

"Anova ten que aclarar cara a onde quere bascular de forma máis clara. Eu teño claro, pola información que vou tendo, que aí dentro hai diferentes sensiblidades e apostas estratéxicas." 

Correcto. Ten toda a razón Xavier Vence. Esa é exactamente a tesitura na que se atopa neste momento Anova.

Sostén Xavier Vence:

"Hai algunhas persoas que apostan máis claramente por manter un perfil nacionalista e outras que apostan por construír unha alianza moi estable con Esquerda Unida."

Incorrecto. Non ten razón Xavier Vence. No plano electoral hai persoas que fan súa a idea forza coa que naceu Anova, e que foi abalada pola cidadanía nas eleccións, de traballar por unha Fronte Ampla que pivote na esquerda. Partindo disto Esquerda Unida foi, entre outras forzas coma Espazo Ecosocialista ou Equo, quen entendeu que por aí se abría unha vía na que era posible traballar conxuntamente. O BNG, doido de máis no seu orgullo, desprezou esta idea. 
Porén, a nivel estratéxico, hai máis diferenzas entre os dous polos. Así, o que unha parte da militancia de Anova está a demandar é un tipo de organización menos centrada na mera representación nas institucións e máis volcada na creación dun movemento contrahexemónico que utilice á organización partidaria como simple ferramenta e non coma fin en si mesmo; xa que aquí o dilema é se compre construír unha organización dedicada unicamente a representar –representar, por certo, a quen? Quen é o suxeito político a representar? Existe ese suxeito político, en tanto que colectivo organizado de xeito autónomo, cando un par de titulares da prensa sistémica é capaz de marcar a axenda de calquera partidiño da esquerda que xoga nas institucións e de condicionar o voto da súa base electoral?– ou compre dedicar os esforzos a organizar o tecido social, co que isto conleva de cesión de protagonismo e poder, a dar músculo á sociedade civil, a construír ese movemento que se supón que se pretende representar?
Enfrontado a este sector de Anova, existe outro que dá por feito que si existe un suxeito que representar (non teño claro se ese suxeito é a caricatura que hoxe queda do movemento obreiro doutrora, o precariado alienado pola cultura de clase media ou, como suxería a compañeira de Xavier Vence, Ana Pontón, nun debate recente: a nación galega que non hai que construír porque, ao igual que as ideas platónicas, existen eternamente per se) que polo tanto non compre dedicar enerxías ao traballo na sociedade civil e si ás institucións e ás eleccións e que pretende un tipo de organización non moi diferente do BNG ou de calquera partido clásico, isto é, un partido hipertrofiado arredor do traballo institucional e organizado xerarquicamente que desenvolva a retórica revolucionaria que o momento histórico parece demandar pero que finalmente non pase da práctica socialdemócrata (e iso se lle deixan pois, en canto tenten levar a cabo o programa e os poderes fácticos lles paren os pés, atoparanse sen ningún tipo de contrapoder na sociedade civil para amortiguar o golpe e, eventualmente, devolvelo). 
Naturalmente, este sector actuou cunha irresponsabilidade incrible ao arriscar a única ferramenta partidaria que existía nas institucións –o BNG– unicamente por unha cuestión de cambio de cadeiras nas posicións de poder. O outro sector (ou cando menos aqueles dese sector que procedían do BNG), en cambio, partía de que o Bloque era unha ferramenta esgotada de aí que, ao abandonalo e ao apostar por algo totalmente diferente, fosen coherentes co que pensaban.

Independentemente de que sector consiga levar a cabo a súa estratexia despois da AN de xuño, Anova ten un futuro inmediato prometedor. A fachada está limpa e aínda vai ser, durante bastante tempo, un produto vendible no mercado electoral. Pero cunha sociedade civil articulada, ideoloxizada e disciplinada pola dereita os seus pés, se só se dedica ao mercadeo electoral, serán de barro. 

Claro que é tamén moi probable que eu, que son un simple pelanas e un diletante, estea totalmente equivocado en todo o que veño de dicir.

Sem comentários: