3/04/2013

Ingobernabilidade


Transcrición da miña quinta (quinta)columna no programa de Cuac FM, Disimulen. Pódese escoitar aquí (a partir do min. 4`03``). Música de fondo: Especially Me de Low.

Hai apenas uns días, Oskar Lafontaine, o que fora ministro de Finanzas de Schröeder, dixo que democracia e capitalismo non son compatibles. E razón non lle falta ao alemán pois se ben é certo que o capitalismo pode convivir con certa democracia formal en épocas de expansión e hexemonía, cando advén a crise e a hexemonía comeza a mutar en dominio, a soa existencia do sufraxio universal resúltalle un auténtico gran no cu.

En 1975, nun contexto económico recesivo, a poderosa Comisión Trilateral, un lobbie financiado por David Rockefeller, presentou un informe titulado: "A crise da democracia". Nas súas conclusións, o informe apuntaba varias disfuncións (así as consideraban os autores) dos sistemas democráticos liberais como eran a crecente deslexitimación da autoridade que levaba a unha cada vez menor fe da xente no goberno, a desagregación de intereses na sociedade que levaba a un excesivo fracionamento do voto en cada vez máis partidos, e o que o informe tildaba de parroquialismo, ou a falta de altura de miras de sociedades demasiado ensimismadas no seu ámbito doméstico como para comprenderen a complexidade dos asuntos de escala internacional.

Case corenta anos despois, e cando o espellismo financeiro que tapou aquela crise de fin do século XX xa non dá máis de si, a pantasma da ingobernabilidade das democracias volve percorrer Europa, desta volta a rebufo dos resultados das últimas eleccións italianas, cuns feitíos parecidos aos intuídos pola Trilateral. 

Unhas eleccións nas que Berlusconi e o Movemento 5 Estrelas de Beppo Grillo resultaron os grandes vencedores, nas que o centro esquerda pro austeridade obtivo unha vitoria pírrica e nas que Monti, o tecnócrata avalado por Alemaña que gobernou Italia sen mandato popular ningún, obtivo só o 10% dos votos. 

A tal punto invadiu o nerviosismo ao stablishment que as primas de risco do sur europeo se dispararon e The Economist, a biblia da City londinense, ilustraba a súa portada con senllas fotografías de Grillo e Berlusconi e un titular que parecía parafrasear ao Rajoy preocupado pola emerxencia de "partidos estrafalarios". O titular dicía: "Que pasen os pallasos. Como a desastrosa elección de Italia ameaza o futuro do euro".

Desde a esquerda italiana, vendo que os exiguos resultados de Rivoluzione Civile só daban para chorar, comezaron as análises arredor da emerxencia da antipolítica personificada no crápula de Berlusconi e no confuso movemento de Grillo que, recollendo unha porcentaxe importante de voto socioloxicamente de esquerdas, presenta algúns rasgos máis reaccionarios ca progresistas.

Quen isto escribe pensa, como Arthur Rosenberg, que a democracia non é unha abstracción formal dada dunha vez para sempre senón que é un movemento político conducido polas clases populares e cunhas determinadas finalidades tendentes a acadar maior xustiza social. E malia non sentir ningunha simpatía por ningún dos dous personaxes que gañaron moralmente as eleccións italianas (aínda que xuntar moral e Silvio Berlusconi é ben chistoso) e non ver en ningún deles un movemento democrático como o que concebía Rosenberg, teño a impresión de que nos resultados desas eleccións asistimos a un paradoxo importante que se podería formular así: os italianos, decidindo, conscientemente ou non, evitar a formación de maiorías viables e premiando á antipolítica, tomaron, curiosamente, unha das decisións máis políticas das tomadas por eles e por ningún outro país europeo nos últimos anos. Isto é, cuestionar o paradigma neoliberal incrustado nunhas institucións europeas idealmente nacidas para evitar a guerra entre estados pero que de facto se dedican, desde polo menos o tratado de Maastricht, a facerlle a guerra ás clase populares deses mesmos estados.

E isto todo é, á vez, a esperanza e o drama no que andamos. A esperanza porque se percibe o fondo malestar da cidadanía sureuropea coa ideoloxía ultraliberal emanada da Troika. O drama porque este malestar, desaparecida a esquerda en tanto que movemento democrático, non consegue expresarse máis que a través de espellos deformantes. 

E é que unha mestura de drama e esperanza é ver como, de momento, os pobos meridionais europeos só están a atopar unha saída política aos dictados da Troika. Unha saída que, en termos do José Afonso, cuxo espectro volve encher os largos das cidades portuguesas, está a consistir máis en facérense ingobernables que en daren o salto cualitativo de articularse coma suxeito político consciente; para seren, de vez, quen máis ordenan. 





Sem comentários: