2/21/2013

As árbores caídas


George Berkeley foi un idealista irlandés que pensaba que as cousas existen só na medida en que son percibidas. O exemplo clásico para ilustrar esta idea é a pregunta sobre se realmente existe a árbore que cae nun bosque se non hai ninguén alí para escoitala. Berkeley parece ser tamén un referente filosófico para os líderes dos dous grandes partidos españois que, a duras penas neste momento, teiman en prolongar artificialmente os sinais de vida do réxime.

As árbores que non existen para Rajoy son tantas coma os cedros feitos achas da frase do mariscal filofascista Lyauntey que citou no seu discurso: a árbore da corrupción; a do drama dos suicidios provocados polos desafiuzamentos en cadea (o Estado da Dación parece que non lle interesa); a árbore da podredume moral da familia real; a árbore do xigantesco paro, do cal os minijobs son a constatación de que non hai unha solución que ofrecer á man de obra sobrante que non consista en abocala a vivir unha minivida, ademais de afondar, con este tipo de propostas, nesta caste de redistribución cara arriba que consiste en que a única intervención do Estado na economía admitida consista en subvencionar ás empresas que creen empregos precarios.

A grande árbore a caer que Rubalcaba non acaba de percibir é o seu propio partido. Un partido que, segundo unha enquisa de El Periódico, vería como o seu homólogo en Catalunya pasaría a ser a cuarta forza, e cuxa credibilidade está tan baixa que contaxia fracaso mesmo a aquelas que, como Beatriz Talegón, tentan emular mediaticamente algo parecido a unha militancia viva e non ensimismada.

Temos así un goberno que trata de gañar tempo facendo oposición e unha oposición que non se opón porque non quere e porque non pode. Á fronte de cada un deles dous zombis vivindo de prestado e adoptando a estratexia do arneirón: pegarse inmóbil á rocha mentres as ondas baten no lombo. Un rezando para que Bárcenas non siga venteando miserias. O outro para evitar a emerxencia de voces críticas que clamen por unha mudanza de rumo. Tanto un coma o outro fan autos de fe, mentres esperan a Godot, para que os datos económicos teñan a ben dar algunha boa nova un día destes. O primeiro para alegar que soubo dirixir o barco no medio da treboada cando se celebre o xuízo pendente pola dureza das súas políticas e polo presunto latrocinio xeralizado imperante no seu partido; o segundo para que o cabreo social, se consegue organizarse e buscar unha canle de expresión política, non o destitúa da súa posición de antagonista oficial. Ambos, para non se converteren, se todo segue como até o de agora, nas árbores caidas das que facer leña.

E mentres a rúa rabea e continúan a caer as trabes combadas e podres que sostiñan o entramado institucional do Estado Español, igual que caían as árbores no bosque malia Berkeley non as escoitar, os líderes dos dous partidos dedícanse, coma Nerón, a un duelo soporífero de rasgueos de lira retransmitido por televisión.

Sem comentários: